DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2010 Páx. 16.473

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso de capacitación para a escala técnica, categoría de intendente principal, dos corpos de policía local.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso de capacitación para a escala técnica, na categoría de intendente principal dos corpos de policía local, segundo o previsto nos artigos 32.4º e 45 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

-Mellorar o compromiso profesional do servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

-Implicación nos procedementos e filosofías de xestión adecuados para acadar habilidades sociais e organizativas, que redunden nunha calidade do servizo e eficacia progresivas.

-Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a xestión directiva, e para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de intendente principal (anterior denominación de subinspector), e que non tivesen realizado este curso.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 29 de setembro de 2010.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Remitiranse previamente por fax, ao número 886 20 61 22, para axilizar os correspondentes trámites.

Duración e contido:

O curso terá unha duración aproximada de dous meses (200 horas lectivas), e desenvolverase de modo semipresencial.

O deseño deste curso inclúe as seguintes áreas e módulos:

-Módulo I: habilidades de mando.

-Módulo II: estratexias directivas.

-Módulo III: comunicación externa e protocolo.

-Módulo IV: xestión administrativa.

-Módulo V: elaboración dun proxecto directivo segundo as normas establecidas pola dirección da academia.

A academia poderá proceder á homologación de materias ou módulos do curso cando, logo da solicitude do alumno e a oportuna xustificación documental, se acredite ter desenvolvido ou superado as ditas materias ou módulos en cursos ou actividades de centros ou institucións dependentes das administracións públicas, ou de recoñecido prestixio e solvencia noutro caso.

Datas:

A data definitiva de comezo do curso será o día 1 de outubro de 2010.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu Regulamento de réxime interior, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no DOG número 30, do 12 de febreiro de 2009.

Certificado:

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable superar todas as materias que figuren no programa. Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe certificando a dita superación, de modo que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión como intendente principal do corpo de policía local.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "18600D006P013.PDF"