DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2010 Páx. 16.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 20 de setembro de 2010 pola que se fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 10 de marzo pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 10 de marzo pola que se establecen as bases que regulan para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria, establece no seu artigo 2.2º que os créditos estimados que financian os programas contidos na orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Dado que esta orde establece que os importes fixados nas aplicacións previstas nela poderán ser incrementados ou minorados en función das solicitudes que se presenten e das axudas e subvencións que efectivamente se concedan e como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que puidesen establecerse na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou nas disposicións aplicables ás axudas e subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e que se autorizaron os correspondentes expedientes de incorporación e de transferencia de créditos de fondos que afectan os importes das citadas aplicacións, procede darlles a oportuna publicidade, en cumprimento do disposto nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase, como consecuencia da xeración de crédito de fondos finalistas e das tranferencias de crédito como consecuencia da redistribución dos fondos en función das solicitudes presentadas, o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 10 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases que regulan para o exercicio do ano 2010 as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para 2010, nas aplicacións e polos importes seguintes:

-12.04.322A.439.0 Código de proxecto 2010 00 753: 24.663,63 euros.

-12.04.322A.481.1 Código de proxecto 2010 00 753: 3.195.713,97 euros.

-12.04.322A.481.1 Código de proxecto 2009 01 010: 42.219,54 euros.

-12.04.322A.481.1 Código de proxecto 2010 00 755: 735.319,24 euros.

-12.04.322A.481.2 Código de proxecto 2006 00 481: 5.913,29 euros.

Artigo 2º

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar