DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2010 Páx. 16.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 20 de setembro de 2010, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, para premiar as mellores memorias resultantes dos proxectos escolares, desenvolvidos dentro do marco da Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons.net, e para seleccionar novos proxectos presentados por centros educativos que desexen incorporarse á devandita rede.

A educación para o consumo oriéntase a desenvolver no alumnado capacidades relativas á comprensión da súa propia condición de consumidor, dos seus dereitos e deberes e do funcionamento da propia sociedade de consumo. Así mesmo, favorece a resolución de problemas relacionados co consumo e a autonomía de actuación e criterio.

A Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, atribúelle competencias en canto a orientar, formar e informar aos consumidores e consumidoras sobre os seus dereitos e a forma de exercer estes e difundir o seu coñecemento, co fin de que sexan tidos en conta e respectados por todos aqueles que interveñan no mercado e por aqueles aos que poida afectar directa ou indirectamente en relación cos bens e servizos. Así mesmo, é un dos cometidos do Instituto Galego de Consumo o de impulsar a formación da cidadanía na súa vertente de persoas consumidoras propoñéndolles aos organismos competentes a adopción de programas de educación para o consumo nos distintos niveis do ensino e realizar as actuacións necesarias para asegurar que a dita formación sexa permanente.

Unha das prioridades do IGC, recollida na última programación estratéxica é a de «crear novas actitudes nos consumidores para que sexan conscientes da súa forza no mercado e das súas responsabilidades» de tal maneira que, mediante os axeitados programas de formación e educación para o consumo, se consiga afondar na conciencia do cidadán como titular duns dereitos na súa condición de consumidor, pero tamén consciente das súas responsabilidades.

Un modo de conseguir a dita estratexia é a través da promoción da educación para o consumo mediante actuacións dentro da ensinanza regrada non universitaria, cara a consolidar o desenvolvemento do contido transversal sobre consumo dentro da aula.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) (BOE nº 106, do 4 de maio), determina como un dos principios inspiradores do sistema educativo español, a flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades do alumnado, así como aos cambios que experimentan o alumnado e a sociedade. Do mesmo xeito, considera como outro destes principios, o fomento e a promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa. No seu artigo 2º sinala como fins do sistema educativo, entre outros, a preparación para o exercicio da cidadanía e para a participación na vida activa, económica, social e cultural, con actitude crítica e responsable e con capacidade de adaptación ás situacións cambiantes da sociedade do coñecemento.

A Rede de Educación do Consumidor, da que Galicia forma parte desde o ano 1998, é un proxecto consolidado no que participan, na actualidade, 16 comunidades autónomas, (co apoio da Comisión Europea, o Instituto Nacional de Consumo e o Ministerio de Educación) ademais de varios países de Europa. Os seus obxectivos fundamentais son a realización de actuacións coordinadas de actividades de formación e información destinadas ao profesorado, o intercambio de experiencias (seminarios, cursos, concursos, intercambios nacionais e comunitarios) e a realización de materiais curriculares sobre a educación para o consumo na escola.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen establecidas liñas de actuación conxunta desde o ano 1998, cara a impulsar as actividades de educación para o consumo responsable nos centros escolares.

Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto:

1. Convocar premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons-net.

2. Seleccionar novos proxectos de centros que desexen incorporarse á citada rede.

Artigo 2º.-Dotación económica.

A contía destinada a premiar as memorias dos proxectos realizados polos centros vinculados á Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons.net é de 38.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2010, nos que existe crédito axeitado e suficiente.

Artigo 3º.-Persoas destinatarias.

1. Poderán participar nesta convocatoria, na modalidade de premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidas polos centros vinculados á Rede Galicons.net, os equipos formados por profesorado e alumnado que, dentro dos centros educativos públicos e privados de Galicia, estiveran integrados na Rede, durante o curso académico 2009-2010.

2. Poderán participar na modalidade de selección de novos proxectos, todos os centros educativos de Galicia de niveis non universitarios que desexen integrarse na citada rede: Galicons.net.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación da documentación para ambas as dúas modalidades, comezará ao día seguinte da publicación de esta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de outubro de 2010.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. Para participar na modalidade de premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons.net, as memorias que se presenten deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á presidenta do Instituto Galego de Consumo, asinada polo coordinador ou coordinadora do proxecto, segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Anexos en soporte informático, dos materiais producidos, nos que se inclúa unha reportaxe fotográfica das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

c) Fotocopia da tarxeta do CIF do centro educativo.

d) Certificación da conta bancaria, expedido pola entidade bancaria, na que conste o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente.

2. Para participar na modalidade de selección de novos proxectos presentados por centros que desexen incorporarse á dita rede, os proxectos de traballo que se presenten deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á presidenta do Instituto Galego de Consumo, asinada polo/a director/a do centro escolar, segundo o modelo do anexo II desta resolución.

b) Acta do Consello Escolar do centro, na que conste a aprobación do proxecto.

No caso de que un proxecto abranga máis dun centro, xuntarase acta do Consello Escolar de cada un dos centros.

c) Acompañarase a acta do claustro do centro onde figuren o nome, apelidos e NIF do profesorado participante e do coordinador ou coordinadores do proxecto.

3. Os traballos presentaranse por duplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e selada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

Artigo 6º.-Características das memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons.net.

1. Presentarase a memoria do traballo desenvolvido durante o curso escolar 2009-2010. O traballo, ou fase do proxecto trienal que concursa, deberá ser inédito e non premiado ou financiado con anterioridade, nin sufragado pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas.

2. A memoria do traballo presentarase redactada en calquera dos dous idiomas oficiais de Galicia, en soporte papel e informático, en formato microsoft word, e as imaxes en JPG. Esta memoria debe ter un máximo de dez folios máis os anexos correspondentes e nela reflectiranse:

-Obxectivos.

-Contidos desenvolvidos.

-Metodoloxía empregada.

-Actividades realizadas.

-Datas de realización.

-Enlaces coas seguintes fases do proxecto.

-Criterios e procedementos de avaliación.

-Valoración do profesorado e do alumnado sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos, agás o alumnado de infantil.

Artigo 7º.-Características dos novos proxectos de centros que desexen incorporarse á rede.

1. Debe desenvolverse un proxecto que deberá tratar sobre distintos aspectos da educación en consumo e no que deben participar, cando menos, catro profesores/as do centro durante un período de tres anos.

2. Deberá realizarse o esquema do proxecto de educación para o consumo responsable, seguindo o modelo que figura no anexo III desta resolución, e nel concretaranse, para a primeira fase do proxecto trienal (curso escolar 2010-2011):

-Descrición do proxecto e niveis educativos aos que vai dirixido.

-Obxectivos.

-Contidos que se van desenvolver.

-Metodoloxía que se empregará.

-Actividades previstas.

-Criterios de avaliación.

3. Os novos proxectos presentaranse redactados en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma, en soporte papel e informático, en formato microsoft word.

Artigo 8º.-Xurado.

1. As memorias e proxectos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado formado polos seguintes membros:

Presidente: o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa que designe.

Vicepresidenta: a presidenta do Instituto Galego de Consumo ou persoa que designe.

Vogais:

-Un representante da Consellería de Educación e Educación Universitaria.

-Un representante do Instituto Galego de Consumo.

-Un representante do Consello de Consumidores e Usuarios elixido polo pleno.

Secretario/a: un funcionario/a adscrito á Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, no caso dos premios ás memorias presentadas polos centros vinculados á Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons.net no curso escolar 2009-2010, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos, cando as características dos traballos así o permitan.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

As memorias e proxectos que se presenten serán avaliados segundo os seguintes criterios:

a) Coherencia co modelo de currículo establecido pola Xunta de Galicia: ata 10 puntos.

b) A calidade global do traballo: ata 10 puntos.

c) A concreción dos obxectivos propostos: ata 10 puntos.

d) O carácter innovador nas metodoloxías, nos recursos e nos temas que se van tratar: ata 10 puntos.

e) A realización dun traballo de campo: ata 10 puntos.

f) A presentación do produto final a outros grupos de alumnado ou adultos: ata 10 puntos.

g) A normalización do emprego das tecnoloxías da información e comunicación no desenvolvemento dos proxectos: ata 10 puntos.

h) A participación dun sector significativo do claustro de profesores e do alumnado das distintas etapas e niveis: ata 10 puntos.

i) A coherencia coas fases anteriores e/ou seguintes do proxecto: ata 10 puntos.

j) A calidade do deseño e a presentación: ata 10 puntos.

Artigo 10º.-Certificación.

A Administración educativa poderá recoñecer ao profesorado coordinador e participante os traballos premiados, se a calidade destes así o xustifica, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria.

Estas últimas terán, ao abeiro do artigo 28 da Orde do 1 de marzo de 2007, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e innovación e das titulacións (DOG nº 70, do 11 de abril), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado cunha equivalencia de 10 horas, susceptible de poder modificarse se así o acorda a Comisión de Recoñecemento de Formación establecida no artigo 14 da citada orde.

Artigo 11º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios ás mellores memorias dos proxectos educativos desenvolvidos polos centros vinculados á Rede de Educación para o Consumo Responsable: Galicons.net, farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2010 na que existe crédito axeitado e suficiente.

2. A dirección do centro escolar certificará que a contía total do premio se destinará ao financiamento dos gastos extraordinarios ocasionados co desenvolvemento do proxecto do que se presenta a memoria.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar a modificacións da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 12º.-Difusión e publicación.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder conxuntamente á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión do dereito da propiedade intelectual dos traballos, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Artigo 13º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan, poderán retirar a documentación e materiais non premiados, agás a requirida, no Instituto Galego de Consumo, no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución pola que se conceden os premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14º.-Resolución.

1. Todas as solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso non se resolvese antes do 31 de decembro de 2010.

2. A proposta de concesión de premios ás memorias presentadas polos centros adscritos á Rede Galicons.net e a selección dos novos proxectos dos centros que solicitan a súa participación na citada rede, emitida polo xurado mencionado no artigo 8º da presente resolución conxunta, elevaráselle ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e á presidenta do Instituto Galego de Consumo, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses e, a falta de resolución expresa, será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro, que estimen procedente.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, ante o órgano que a ditou, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2010.

José Luis Mira Lema Mª Nava Castro Domínguez

Director xeral de Educación Presidenta do Instituto Galego

Formación Profesional de Consumo

e Innovación Educativa

Ver referencia pdf "18600D002P005.PDF"