DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 21 de setembro de 2010 Páx. 16.187

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 14 de setembro de 2010 pola que se crea a Xunta de expertos/as docentes dos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

O obxecto desta orde é a creación da Xunta de expertos/as docentes dos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece as liñas básicas dos centros integrados de formación profesional, e establece no seu artigo 11, número 4º, que se consideran centros integrados de formación profesional aqueles que impartan toda a oferta de formación profesional referida ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais a que se fai referencia no artigo 10.1º da propia lei orgánica.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, dispón no seu artigo 12.2º b) que os órganos colexiados de participación dos centros integrados de formación profesional serán o Consello Social, o claustro de profesores ou equivalente e aqueloutros que determinen as administracións competentes. O claustro é o órgano de participación dos centros integrados dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e resulta necesario a creación do órgano equivalente nos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, órgano que se denominará Xunta de expertos/as docentes, e a regulación das súas funcións.

A Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula a organización e o funcionamento do Consello Social dos centros integrados de formación profesional de Galicia, dispón no seu artigo catro que os consellos sociais dos centros integrados de formación profesional de Galicia estarán integrados, entre outros, por tres profesores/as do claustro do centro ou por tres porfesores/as da xunta de expertos docentes, establecendo na disposición transitoria primeira que mentres esta non se cree, as persoas representantes serán designadas por unha asemblea convocada para tal fin pola dirección do centro.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a creación da Xunta de expertos/as docentes como órgano colexiado de participación dos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

A Xunta de expertos/as docentes dos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar é o órgano de participación do persoal do centro dedicado ás tarefas de docencia, que ten a responsabilidade de planificar, coordinar e decidir sobre os seus aspectos docentes do mesmo.

Artigo 2º.-Composición e funcionamento.

A Xunta de expertos/as docentes estará presidida polo director ou directora do centro e integrada polo persoal do centro dedicado ás tarefas de docencia que preste servizo nel.

Reunirase, como mínimo, unha vez ao semestre, e sempre que a convoque o director ou directora do centro, por iniciativa propia ou por petición dun terzo, polo menos, dos seus compoñentes.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións da Xunta de expertos/as docentes, as seguintes:

a) Formularlle ao equipo directivo e ao Consello Social propostas para a elaboración dun plan anual.

b) Promover iniciativas no ámbito da experimentación e da innovación pedagóxica, e na formación do profesorado.

c) Participar na elaboración dos plans de mellora da calidade.

d) Elixir as persoas representantes do profesorado no Consello Social.

e) Emitir informe con carácter previo ao nomeamento do director ou da directora do centro.

f) Calquera outra función que lle atribúa a consellería competente, no ámbito das súas funcións.

Disposición adicional

No non previsto nesta disposicion observarase o establecido sobre o réxime xurídico dos órganos colexiados na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

A aqueles centros de formación profesional que, en aplicación do artigo 4 do Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, se transformen en centros integrados de formación profesional, seralles de aplicación esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar