DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 21 de setembro de 2010 Páx. 16.182

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de setembro de 2010 pola que se crea a Rede de Dinamización Lingüística.

Enténdese a dinamización lingüística como o proceso de promoción da lingua que se leva a cabo mediante o emprego integrado de todas as actividades que faciliten este proceso (formación, asesoramento, elaboración do corpus, sensibilización lingüística e extensión do uso), co obxectivo de incrementar a presenza social e mais o prestixio da lingua galega en toda a sociedade.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é consciente da necesidade de promover a coordinación en materia de dinamización lingüística entre as diferentes entidades, e por iso está desenvolvendo medidas para aumentar a efectividade das actuacións dinamizadoras desde o ámbito local.

Con este obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha a Rede de Dinamización Lingüística (de aquí en diante, a Rede), que pretende congregar as institucións con competencia na promoción do uso do galego no ámbito local.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no artigo 7, números 1 e 3, dispón, respectivamente, que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén a da súa Administración local. As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega». E establece tamén que «a Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega».

Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística sinala no seu artigo 22 que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará a Administración e os particulares e coordinará os servizos encamiñados a conseguir os obxectivos da dita lei.

No artigo 25 do mencionado texto legal, establécese que o Goberno galego e as corporacións locais, dentro do seu ámbito, fomentarán a normalización do uso do galego no desenvolvemento de diferentes actividades.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado en setembro de 2004 no Parlamento de Galicia, recolle aquel compromiso e propón establecer un amplo proceso de coordinación entre os diferentes servizos lingüísticos, que integre deputacións, concellos, Fegamp, etc.

A figura dunha rede perfílase actualmente como a fórmula máis axeitada para acometer estes fins, xa que, sen lle restar competencias a ningunha das administracións que interveñen, garante extensiva e intensivamente a intervención e optimiza os recursos dispoñibles e asegura uns niveis de eficiencia axeitados.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia para acadar unha mellora nos servizos que prestan, así como potenciar o uso do galego por parte destas entidades e nas súas relacións cos administrados.

En consecuencia, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Definición da Rede.

1. A Rede é unha asociación voluntaria que busca congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega.

2. Vincúlase á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Poderán colaborar coa Rede as entidades privadas sen finalidade de lucro que estean interesadas na consecución dos fins que a orienten.

Artigo 2º.-Finalidades da Rede.

A Rede pretende congregar as actuacións dinamizadoras das institucións con competencia na promoción do uso do galego no ámbito local, cos seguintes obxectivos estratéxicos:

1. Fomentar a dinamización da lingua galega e o seu coñecemento, uso e divulgación social.

2. Consolidar e asentar a colaboración e a acción conxunta e coordinada da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das entidades locais integradas nesta Rede, que permita o intercambio de experiencias, a suma de esforzos, así como evitar duplicidade de tarefas semellantes entre diferentes administracións ou con outras organizacións que actúan na promoción do uso da lingua galega.

3. Asegurar o contacto interinstitucional para a consolidación das relacións que fagan efectiva a acción dinamizadora.

4. Compartir unha planificación lingüística que defina estratexias básicas comúns en todo o territorio de Galicia e poñer á disposición de todos os membros da Rede os materiais e información básica relativa ás actividades de dinamización lingüística que se desenvolvan en cada unha das entidades integradas na Rede.

5. Establecer criterios de avaliación e indicadores unificados que permitan avaliar as actuacións de promoción do uso do galego.

6. Ampliar a difusión das actuacións das diferentes entidades que conforman a Rede a unha gran parte do territorio de fala galega.

7. Favorecer un marco de formación para os profesionais dos servizos lingüísticos, así como doutros axentes participantes nos procesos de dinamización lingüística.

8. Implicar e asesorar os diferentes axentes dinamizadores para unha maior eficacia e eficiencia no deseño de estratexias e desenvolvemento de actuacións.

9. Fomentar a corresponsabilidade das diferentes entidades en materia de promoción do uso do galego.

10. Promover un programa estable e continuado de formación en lingua galega para adultos, así como para colectivos específicos que se determine en cada zona ou en cada momento.

Artigo 3º.-Funcionamento da Rede.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística será responsable de favorecer a acción continuada da Rede e de establecer o contacto e a comunicación con todas as entidades locais de Galicia.

Artigo 4º.-Órganos da Rede.

1. A Rede rexerase polos órganos seguintes:

-O Consello de Membros.

-A Xunta Directiva.

-A Presidencia.

-A Vicepresidencia.

-A Coordinación Técnica.

-A Área Técnica.

2. Así mesmo, a Rede poderá crear as comisións de traballo ou os relatorios que sexan necesarios e axeitados para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 5º.-O Consello de Membros.

1. O Consello de Membros é un órgano colexiado, bipartito e paritario de participación de todos os membros da rede. Estará conformado polas entidades locais adheridas á Rede e os/as representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Cada entidade local adherida á Rede designará un/unha representante e un/unha suplente, pertencentes aos seus órganos de goberno, que se incorporarán ao consello.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estará representada por tres persoas propostas polo/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística e nomeadas polo/a titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. Para a adopción de acordos ponderaranse os votos das entidades locais adheridas á Rede e os votos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que cada unha destas dúas representacións conte co mesmo número de votos, co que se mantén o carácter bipartito do Consello de Membros.

5. A Presidencia do Consello de Membros estará exercida pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

6. A Secretaría do Consello de Membros será exercida polo/a coordinador/a técnico/a, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

7. As atribucións do Consello de Membros son as seguintes:

a) Aprobar e, se é o caso, modificar o regulamento interno da Rede.

b) Ratificar a incorporación de novos membros.

c) Aprobar a programación anual de actividades.

d) Instituír, ampliar ou suprimir iniciativas de alcance xeral.

e) Emitir informes, ditames e calquera outro tipo de pronunciamento, por requirimento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

f) Velar pola consecución dos seus obxectivos.

8. Os/as representantes das institucións e dos órganos de goberno da Rede poden ser revogados/as ou substituídos/as en calquera momento por resolución da entidade ou institución representada, o que lle será comunicado expresamente á Xunta Directiva.

9. A súa composición axustarase ao principio de distribución equilibrada por sexos, e procurará unha representación proporcionada entre homes e mulleres.

Artigo 6º.-A Xunta Directiva.

1. A Xunta Directiva é o órgano de dirección executiva da Rede. Está constituída polos seguintes membros: o/a presidente/a, dous/dúas vogais e o/a secretario/a.

2. O/A presidente/a da Xunta Directiva será a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Os/as dous/dúas vogais serán nomeados/as polo presidente/a a proposta do Consello de Membros, entre os seus integrantes.

4. A Secretaría será exercida polo/a coordinador/a técnico/a, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

5. As atribucións da Xunta Directiva serán:

a) Elaborar os plans de actuación e os programas anuais de actividades.

b) Planificar as actividades formativas vinculadas á dinamización da lingua galega no ámbito local.

c) Aceptar provisionalmente a incorporación de novos membros á Rede.

d) Informar o Consello de Membros do resultado anual da actividade desenvolvida pola Rede.

e) Exercer calquera das atribucións non asignadas expresamente polo Consello de Membros e aquelas que este último lle delegue.

f) Calquera outra non expresamente atribuída aos outros órganos.

6. A súa composición axustarase ao principio de distribución equilibrada por sexos e procurarase unha representación proporcionada entre homes e mulleres.

Artigo 7º.-A Presidencia da Rede.

1. A Presidencia da Rede é un órgano unipersoal. Este cargo será desempeñado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. Correspóndenlle á Presidencia as atribucións seguintes:

a) Representar a Rede.

b) Designar o/a coordinador/a técnico/a.

c) Coordinar e establecer as liñas de colaboración entre todos os membros da Rede, así como o contacto permanente con eles.

d) As demais establecidas no artigo 23.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, BOE nº 285, do 27 de novembro de 1992 (en diante, Lei 30/1992).

e) Calquera outra que lle sexa delegada polo Consello de Membros.

Artigo 8º.-A Vicepresidencia da Rede.

1. O/a vicepresidente/a será nomeado pola Presidencia de entre os/as representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Consello de Membros.

2. Correspóndenlle ao/á vicepresidente/a as atribucións seguintes:

a) Auxiliar o/a presidente/a no exercicio das súas atribucións.

b) Substituír o/a presidente/a en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

Artigo 9º.-A coordinación técnica da Rede.

1. A persoa que exerza a coordinación técnica da Rede será designada, cesada ou substituída temporalmente polo/a presidente/a.

2. Correspóndenlle as funcións seguintes:

a) Exercer a Secretaría do Consello de Membros e da Xunta Directiva, nos termos establecidos polo artigo 25.3º da Lei 30/1992.

b) Levar o libro de rexistro dos socios/as.

c) Coordinar as comisións ou grupos de traballo de nivel técnico que, se é o caso, se creen, e dirixir as súas reunións de traballo e a súa actividade segundo as directrices acordadas na Xunta Directiva.

d) Elevar á Xunta Directiva as propostas de actuación feitas pola área técnica.

e) Elevar á Xunta Directiva o resultado da avaliación anual das actividades da Rede.

f) Todas as outras funcións que sexan inherentes á súa condición de coordinación.

Artigo 10º.-Funcionamento do Consello de Membros.

O Consello de Membros reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano e con carácter extraordinario sempre que sexa convocado polo/a presidente/a, por propia iniciativa, ou a proposta dun terzo das entidades pertencentes á Rede.

Para a válida constitución do órgano, para os efectos da realización das sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do/a presidente/a e do/a secretario/a ou, de ser o caso, dos/as seus/súas substitutos/as, e dun número de membros non inferior á metade do total de compoñentes do consello. Este quórum non será necesario na segunda convocatoria.

En ningún caso se poderán celebrar sesións sen a asistencia do/a presidente/a e do/a secretario/a ou das persoas que actúen na representación de calquera deles.

Con carácter xeral, os acordos adoptaranse por maioría de votos; non obstante, o regulamento de funcionamento poderá establecer un réxime de maiorías cualificadas.

De cada sesión, o/a secretario/a estenderá a acta correspondente, segundo o previsto no regulamento interno.

Artigo 11º.-Funcionamento da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva será convocada polo/a presidente/a, por propia iniciativa ou por proposta da maioría dos seus membros, tantas veces como o considere oportuno e, para a súa constitución, cómpre a asistencia da metade máis un dos seus membros. Este quórum non será necesario na segunda convocatoria.

En ningún caso se poderán celebrar sesións sen a asistencia do/a presidente/a e do/a secretario/a ou das persoas que actúen na representación de calquera deles.

De cada sesión, o/a secretario/a estenderá a acta correspondente, segundo o previsto no regulamento interno.

Artigo 12º.-Financiamento da Rede.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, garante o financiamento das actividades da Rede.

As entidades asociadas poderán realizar as achegas económicas que se determinen no Consello de Membros para sufragar os programas e actividades da Rede.

Artigo 13º.-Ámbito técnico.

A Rede, no seu ámbito técnico, poderá crear as áreas e comisións de traballo, estudo, deseño e planificación necesarias para alcanzar os seus obxectivos.

As unidades técnicas de dinamización lingüística que se creen manterán unha relación permanente de colaboración e de comunicación co/coa coordinador/a técnico/a da Rede e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística daralles apoio administrativo e de xestión ás diferentes iniciativas aprobadas pola Rede.

Artigo 14º.-Procedemento de adhesión e separación da Rede.

1. A incorporación dos novos membros requirirá sempre a aceptación expresa dos requisitos establecidos nesta orde.

2. As entidades que desexen adherirse á Rede deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo a esta orde e que se poderá obter, así mesmo, na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística no seguinte enderezo: http://xunta.es/linguagalega ou no portal dos concellos Eido Local: http://www.eidolocal.es/portal.

3. As solicitudes, no anexo oficial, xunto coa documentación correspondente, presentaranse no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, ou segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no portelo electrónico 24×7 da Xunta de Galicia.

4. Xunto coa solicitude (anexo) remitirase a seguinte documentación:

a) O acordo de adhesión á Rede aprobado polo correspondente órgano de goberno municipal.

b) Designación da representación política e técnica que participará na Rede e dos/das correspondentes suplentes.

5. Cada entidade terá que designar un/unha representante pertencente aos seus órganos de goberno e un/unha responsable técnico/a como interlocutores da entidade ante a Rede, así como os correspondentes suplentes.

6. Calquera membro da Rede poderá acordar separarse tras a notificación ao/á presidente/a feita cunha antelación mínima de tres meses antes do final de cada exercicio, sen prexuízo de que sexa responsable do cumprimento das obrigas concretas no que atinxa ao exercicio en curso.

Artigo 15º.-Regulamento interno.

Os aspectos organizativos rexeranse polo regulamento de réxime interior e, supletoriamente, pola Lei 30/1992.

Artigo 16º.-Seguimento e avaliación da actividade da Rede.

Para determinar o grao de avance das estratexias de dinamización lingüística no ámbito local, elaborarase un informe anual de actividades que avalíe as accións e instrumentos desenvolvidos ao longo do ano.

Artigo 17º.-Modificación e disolución da Rede.

A disolución da Rede ou a modificación da súa estrutura deberán ser aprobadas polo Consello de Membros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para ditar as instrucións precisas que desenvolvan e executen o disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "18200D002P006.PDF"