DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2010 Páx. 16.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso de formación sobre a función de control da Administración consultiva: o Consello Consultivo de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, de acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, anúnciase a realización dun curso de formación sobre a función de control da Administración consultiva: o Consello Consultivo de Galicia, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

O curso pretende, por unha banda, constituír unha canle de divulgación da doutrina sentada polo Consello Consultivo nas materias obxecto da súa competencia e, por outra, permitir a apertura dun foro de debate sobre elas, logo de transcorridos catorce anos desde a súa creación e tendo en conta a experiencia acumulada ao longo deste tempo no seu labor de asesoramento e control preventivo da actividade administrativa autonómica.

Segunda.-Persoal ao cal vai dirixido.

Persoal dos grupos A1, A2 e C1 ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, os seus organismos públicos e demais entes dela dependentes.

Terceira.-Criterios de selección.

Para a súa selección aplicaránselle os criterios recollidos na Resolución da EGAP do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7 do 10 de xaneiro).

Cuarta.-Desenvolvemento.

1. Duración: 21 horas.

2. Lugar: Santiago de Compostela.

3. Datas: 22, 23, 24, 25, 29 e 30 de novembro e 1 de decembro de 2010.

4. Horarios: das 17.00 ás 20.00 horas.

5. Prazas: 40.

Quinta.-Contido.

Módulo I. A Administración consultiva da Comunidade Autónoma de Galicia: o Consello Consultivo de Galicia.

Módulo II. O control da potestade regulamentaria. O regulamento. Relacións entre lei e regulamento. Titularidade da potestade regulamentaria. O principio de reserva de lei.

Módulo III. Procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral. Normativa reguladora.

Módulo IV. Directrices de técnica normativa.

Módulo V. A responsabilidade patrimonial da Administración pública.

Módulo VI. A contratación administrativa: modificación e resolución dos contratos.

Módulo VII. A revisión de oficio dos actos e disposicións administrativas de carácter xeral.

Sexta.-Solicitudes e prazos.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos candidatos.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas na alínea anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

e)No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo autonomico.egap@xunta.es. A documentación enviarase sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de se encontraren varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes rematará o 5 de outubro de 2010.

h) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro ao que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.

i) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

j) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través dos números de teléfonos: 981 54 62 53/54 62 54, ou do fax: 981 54 63 39 ou do enderezo de correo electrónico autonomico.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima.-Certificación de asistencia.

a) Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia homologado pola EGAP aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Ao longo do curso poderán realizarse probas obxectivas sen prexuízo da realización dunha proba final.

b) A falta de seguimento e a non realización das probas ao longo do curso, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Oitava.-Modificacións.

A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública