DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2010 Páx. 16.137

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2010 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para optar a prazas exentas, total ou parcialmente, do pagamento de matrícula nos estudos de ciencias policiais.

Ao abeiro do convenio asinado pola Academia Galega de Seguridade Pública-Agasp e a Universidade de Vigo, en materia de formación, para contribuír á realización e desenvolvemento do título universitario propio de ciencias policiais, así como facilitar a obtención deste título por parte dos alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública de cara a favorecer a súa promoción interna e a carreira profesional, anúnciase a oferta de prazas que estarán exentas, total ou parcialmente, do pagamento de matrícula, e a apertura do prazo de solicitudes para todos aqueles interesados, que deberán ter en conta as bases seguintes:

Obxectivos.

Estes estudos son unha titulación propia da Universidade de Vigo que se axusta aos requirimentos da Orde ministerial do 19 de novembro de 1996 (BOE do 27 de novembro), pola que se declara equivalente ao título de diplomado universitario, para os efectos de tomar parte nas probas de acceso aos corpos, escalas e categorías das forzas e corpos de seguridade, dependentes das distintas administracións públicas, nos cales o ingreso veña condicionado á posesión dun título de diplomado universitario ou equivalente.

Tamén figura no convenio a posibilidade de validar, por proposta da comisión mixta que se crea para o seguimento das actividades obxecto deste, as materias ou disciplinas que formen parte dos programas de estudos dos cursos selectivos organizados e impartidos pola Agasp, con suxeición aos criterios adoptados polo Consello de Universidades e ás normas de xestión académica da Universidade de Vigo.

Destinatarios.

Funcionarios de carreira dos corpos de policía local ou da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen na situación administrativa de servizo activo nalgún destes corpos, e que se matriculen por primeira vez nalgunha materia de terceiro curso do título universitario propio de graduado en ciencias policiais.

Prazas.

Segundo se estipula no convenio, a cantidade total destinada pola Agasp a este concepto é de 4.500 euros anuais, polo que os solicitantes que resulten admitidos segundo o punto anterior, poderán resultar exentos en todo ou en parte dos dereitos de matrícula, en función do número dos solicitantes.

Solicitudes.

1. Os interesados deberán remitir á Agasp, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a solicitude do anexo.

2. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 4 de outubro de 2010, ás 14.00 horas.

3. As solicitudes deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública (fax: 886 20 61 22: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada-Pontevedra); ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Selección.

Todos os solicitantes que cumpran os requisitos e presenten en prazo as súas solicitudes, segundo modelo anexo, resultarían seleccionados para acollerse á exención do pagamento total ou parcial da matrícula.

Non se terán en conta aquelas solicitudes que non veñan debidamente cubertas, as que non reflictan todos os datos solicitados ou non resulten totalmente certos, unha vez comprobados.

Relación de solicitantes.

A relación de solicitantes seleccionados farase pública o día 6 de outubro de 2010 a partir das 10.00 horas. Os interesados poden coñecer e confirmar a súa inclusión na lista chamando aos teléfonos 886 20 61 17 ou 886 20 61 18 (Servizo de Formación da Agasp) e tamén na páxina web: http://agasp.xunta.es.

Matriculación na Universidade de Vigo.

A Agasp comunicaralle á Universidade de Vigo a relación de alumnos seleccionados, de xeito que estes cando teñan que formalizar as súas matrículas, dentro do prazo que aquela sinale, estarán exentos do pagamento destas, en todo ou en parte, dependendo do número de solicitantes seleccionados.

Obrigas.

A matriculación, no caso de que resultase subvencionada, suporá a obriga de que o alumno complete e remate con aproveitamento o curso no que se matricule. Noutro caso, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados, perderá toda opción a poder participar nas seguintes convocatorias.

Modificacións.

A Agasp poderá modificar ou variar algúns dos criterios expostos, pero sempre fará públicos os cambios e as razóns destes.

A Estrada, 14 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "18100D005P041.PDF"