DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2010 Páx. 16.114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2010, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a ampliación do prazo para a resolución definitiva das solicitudes do Fondo de Acción Social do exercicio 2009 para o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

Pola Resolución do 4 de xaneiro de 2010, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ordenouse a publicación do texto do acordo subscrito polos representantes da Administración autonómica e as organizacións sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF), sobre os criterios de repartición do fondo de acción social da Xunta de Galicia para o exercicio do ano 2009.

De conformidade co disposto no punto 5 da base sétima do devandito acordo o prazo máximo para resolver as solicitudes especificadas nesta orde será de cinco meses que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo poderá prorrogarse no caso de que o elevado número de solicitudes así o requira.

O artigo 42.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

«Excepcionalmente, poderá acordarse a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación mediante motivación clara das circunstancias concorrentes e só unha vez esgotados todos os medios a disposición posibles.

De acordarse, finalmente, a ampliación do prazo máximo, este non poderá ser superior ao establecido para a tramitación do procedemento.

Contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos, que deberá ser notificado aos interesados, non caberá recurso ningún».

Neste sentido, de conformidade cos preceptos amentados, ante o elevado número de solicitudes formuladas e os medios persoais e materiais dispoñibles cómpre acordar a ampliación en dous meses o prazo para a resolución definitiva das solicitudes relativas ao Fondo de Acción Social para o exercicio 2009.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2010.

José María Barreiro Díaz

Director xeral da Función Pública