DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2010 Páx. 16.102

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 7 de setembro de 2010 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos do Consorcio Turístico de Valdeorras.

Visto o texto dos estatutos que rexerán o Consorcio Turístico de Valdeorras, observándose que a súa aprobación se realizou conforme o disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 150 e seguintes, así como os 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola comisión xestora e aprobado pola asemblea de concelleiros dos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e A Veiga.

Segundo.-O 10 de outubro de 2008 a Deputación Provincial de Ourense emitiu informe sobre o dito proxecto.

Terceiro.-O proxecto foi sometido ao trámite de información pública durante o prazo dun mes mediante a súa publicación no BOP de Ourense nº 158 do 10 de xullo de 2008.

Cuarto.-Así mesmo, o 11 de novembro de 2008 a Dirección Xeral de Administración local emitiu informe sobre o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-En cumprimento do establecido no artigo 140.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o proxecto de estatutos foi novamente aprobado pola asemblea de concelleiros dos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e A Veiga.

Sexto.-O presidente da comisión xestora remitiu a esta consellería certifcacións dos acordos dos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e A Veiga de aprobación definitiva dos estatutos do Consorcio Turístico de Valdeorras para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ACORDA:

Dispoñer a publicación dos estatutos do Consorcio Turístico de Valdeorras no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo a esta orde.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Consorcio Turístico de Valdeorras

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades asociadas e vixencia.

1. Os presentes estatutos regulan a organización e o funcionamento do Consorcio Turístico de Valdeorras, integrado polos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e A Veiga.

2. O Consorcio Turístico de Valdeorras constitúese por tempo indefinido, sen prexuízo da posibilidade da súa disolución conforme co previsto no título VI destes estatutos.

3. Logo da modificación dos estatutos, a través dos trámites previstos na lexislación de réxime local, poderanse incorporar ao consorcio outras administracións, así como entidades privadas sen ánimo de lucro.

Artigo 2º.-Principios de actuación e personalidade xurídica.

1. O Consorcio Turístico de Valdeorras servirá con obxectividade aos intereses públicos que lle estean encomendados, e actuará de acordo cos principios de eficacia, descentralización, desconcentración e coordinación, con submisión plena á lei e ao dereito.

2. O Consorcio Turístico de Valdeorras goza de personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e poderá adquirir, reivindicar, administrar, allear e gravar bens de toda clase; outorgar escrituras, documentos e contratos; establecer, conceder e explotar obras e servizos vinculados aos seus fins; obrigarse e exercer toda clase de accións administrativas e xudiciais.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

O Consorcio Turístico de Valdeorras rexerase polos presentes estatutos e pola lexislación de réxime local que resulte de aplicación a este tipo de entidades.

Artigo 4º.-Obxecto e fins do Consorcio.

1. O Consorcio Turístico de Valdeorras terá como obxecto a promoción do turismo nos municipios que o integran. Coa dita finalidade, poderá levar a cabo as seguintes actividades:

a) Realizar accións de difusión e promoción dos valores turísticos dos municipios consorciados.

b) Deseñar, xestionar e executar plans, programas ou accións de dinamización do turismo no seu ámbito territorial.

c) O deseño, planificación, execución e xestión de infraestruturas turísticas de carácter local, cando non estean atribuídos á competencia dos concellos ou doutras administracións públicas.

d) A creación e xestión de servizos públicos turísticos de carácter local, cando non estean atribuídos á competencia dos concellos ou doutras administracións públicas.

e) Exercer a iniciativa pública económica no sector turístico, logo da tramitación do expediente previsto no artigo 309 da Lei de Administración local de Galicia.

f) Xestionar, por delegación ou encomenda de xestión dos concellos, servizos públicos municipais de natureza turística, ou colaborar na súa xestión por parte das administracións municipais.

g) Xestionar por delegación ou encomenda de xestión da comunidade autónoma ou a deputación provincial servizos públicos de natureza turística no territorio dos municipios consorciados, ou colaborar na súa xestión por parte das administracións competentes.

2. Os actos e acordos ditados polos órganos do consorcio no ámbito definido polo seu obxecto serán executivos e executorios, conforme o disposto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

3. Para o cumprimento dos seus fins, e no ámbito definido no número 1 deste artigo, o consorcio gozará das potestades administrativas recollidas no artigo 6 da Lei de Administración local de Galicia, coas particularidades recollidas no artigo 6.2 º da dita lei.

Artigo 5º.-Sede.

O Consorcio Turístico de Valdeorras terá a súa sede social na Casa do Concello do Barco de Valdeorras.

Mediante o acordo da Asemblea do consorcio poderase modificar a sede social.

Os acordos de modificación da sede social deberán, para a súa efectividade, ser obxecto de publicación no BOP.

Título II

Organización e funcionamento

Artigo 6º.-Órganos de goberno.

1. O Consorcio Turístico de Valdeorras está integrado polos seguintes órganos de goberno:

a) Asemblea.

b) A Comisión Executiva.

c) O presidente e, se é o caso, os vicepresidentes que este designe.

d) A Comisión Especial de Contas prevista na lexislación reguladora das facendas locais.

2. A Asemblea poderá crear órganos complementarios dos anteriores, con funcións de informe, consulta ou seguimento.

Artigo 7º.-Funcionamento dos órganos de goberno.

1. A Asemblea estará integrada polos alcaldes dos concellos consorciados, e rexerase, en canto ás súas normas de funcionamento, polo disposto nos presentes estatutos e nos acordos que adopte a propia Asemblea ao respecto e, supletoriamente, polo establecido na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

Cada alcalde disporá dun voto na Asemblea, con excepción do alcalde do Barco de Valdeorras, que disporá de tres votos, e do alcalde da Rúa, que disporá de dous votos.

2. A primeira sesión constitutiva da Asemblea realizarase un mes despois da publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia. Unha vez constituído o consorcio, realizará sesión constitutiva para cada novo mandato municipal, no prazo dun mes desde a renovación de todos os concellos consorciados. As sesións ordinarias terán lugar cada seis meses, sen prexuízo da posibilidade de realizar sesións extraordinarias ou extraordinarias urxentes nos mesmos supostos previstos na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

3. A Comisión Executiva estará integrada por cinco membros, incluído o seu presidente. Será presidida polo presidente do consorcio. O resto de membros da comisión serán designados pola Asemblea de entre os seus membros na mesma sesión constitutiva, mediante acordo adoptado por maioría absoluta en primeira votación e simple na segunda. A comisión rexerase, en canto ás súas normas de funcionamento, polo disposto nestes estatutos e nos acordos que a Asemblea poida adoptar ao respecto, e supletoriamente polo establecido na lexislación de réxime local para a xunta de goberno. En todo caso, deberá levar a cabo unha sesión ordinaria cunha periodicidade mínima bimensual.

4. A Comisión Especial de Contas estará integrada por tres membros, incluído o seu presidente. A presidencia da comisión corresponderá ao presidente do consorcio. O resto dos seus membros serán designados pola Asemblea en cada sesión constitutiva, mediante acordo adoptado por maioría absoluta en primeira votación e simple na segunda. A comisión rexerase, en canto ás súas normas de funcionamento, polo disposto nestes estatutos e nos acordos que a Asemblea poida adoptar ao respecto, e supletoriamente polo establecido na lexislación de réxime local para as comisións informativas. As súas atribucións serán as previstas na lexislación reguladora das facendas locais.

5. O presidente do consorcio será elixido pola Asemblea en cada sesión constitutiva, mediante acordo adoptado por maioría absoluta en primeira votación e simple na segunda. E nos supostos en que a presidencia quede vacante antes da extinción dun mandato, a elección do novo presidente terá lugar en sesión extraordinaria convocada para o efecto no prazo de vinte días desde a data en que se producise a vacante.

6. O presidente do consorcio designará dous vicepresidentes que o substituirán no caso de vacante, ausencia ou enfermidade, e que poderán ademais exercer as funcións que aquel lles delegue.

7. O presidente do consorcio poderá ser destituído a través de moción de censura. A moción de censura rexerase polo disposto na lexislación de réxime electoral para a moción de censura dos alcaldes.

8. A destitución dos vogais da Comisión Executiva levarase a efecto, igualmente, polos trámites establecidos na lexislación de réxime electoral para a moción de censura dos alcaldes.

Artigo 8º.-A Asemblea.

1. A Asemblea ten as seguintes atribucións:

a) O control e fiscalización do resto dos órganos de goberno do consorcio.

b) A aprobación de toda clase de ordenanzas e disposicións de carácter xeral.

c) A aceptación das delegacións de competencias doutras administracións públicas.

d) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos orzamentos e a aprobación das contas.

e) A creación e supresión dos servizos públicos, así como a modificación do seu réxime de prestación ou forma de xestión.

f) O exercicio da iniciativa pública para o desenvolvemento de actividades empresariais ou económicas.

g) A adxudicación de concesións sobre os bens do consorcio e a adquisición de bens inmobles e dereitos suxeitos á lexislación patrimonial así como o alleamento do patrimonio cando non estean atribuídas ao presidente, e dos bens declarados de valor histórico ou artístico calquera que sexa o seu valor.

h) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

i) A aprobación de plans e programas de investimento cuxo importe exceda do 10% dos recursos ordinarios do último orzamento liquidado.

j) As competencias como órgano de contratación respecto dos contratos non sinalados no artigo seguinte que leve a cabo o consorcio.

k) O recoñecemento extraxudicial de créditos, cando non haxa dotación orzamentaria; a subscrición de operacións de crédito e a aprobación de acordos de quitación e espera.

l) A aprobación do cadro de persoal e a relación de postos de traballo.

m) O exercicio de accións administrativas e xudiciais nas materias da súa competencia.

n) A aprobación inicial de calquera modificación dos estatutos.

o) A aprobación inicial da disolución do consorcio.

p) A elección e destitución do presidente do consorcio; a elección e destitución dos membros da Comisión Executiva, a elección e destitución dos membros da Comisión Especial de Contas.

2. Mediante acordo adoptado por maioría absoluta, a Asemblea poderá delegar na Comisión Executiva o exercicio das competencias recollidas nas letras g), h), i) e j), sempre que o importe dos actos e contratos a que se refire a delegación non exceda o 30% dos ingresos ordinarios liquidados polo consorcio no último exercicio económico.

Artigo 9º.-O presidente.

1. Correspóndenlle ao presidente do consorcio as seguintes atribucións:

a) A representación legal do consorcio.

b) A presidencia de todos os órganos colexiados do consorcio.

c) A xefatura superior do persoal do consorcio. Enténdense excluídas, en todo caso, as seguintes atribucións, que corresponderán á Comisión Executiva: a selección, contratación e nomeamento de todo tipo de persoal; a adopción de medidas disciplinarias fronte ao persoal do consorcio; o despedimento de persoal laboral e a separación de emprego do persoal funcionario e a fixación das condicións laborais do persoal, no que non estea reservado á Asemblea.

d) As competencias como órgano de contratación respecto dos contratos de obras, de subministración, de servizos, de xestión de servizos públicos, os contratos administrativos especiais, e os contratos privados cando o seu importe non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, a contía de seis millóns de euros, incluídos os de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

e) A adxudicación de concesións sobre os seus bens e a adquisición de bens inmobles e dereitos suxeitos á lexislación patrimonial cando o seu valor non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento nin o importe de tres millóns de euros, así como o alleamento do patrimonio, cando o seu valor non supere a porcentaxe nin a contía indicadas.

f) A adopción de actos ou medidas urxentes e inaprazables, dando conta inmediata ao órgano competente do consorcio para a súa ratificación.

g) A execución dos acordos da Asemblea e da Comisión Executiva.

h) A designación dos vicepresidentes.

i) Decidir os empates co voto de calidade.

j) Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e actuacións do consorcio, con respecto aos acordos sobre os ditos servizos ou actuacións da Asemblea ou da Comisión Executiva.

k) Exercer as competencias que lle delegue a Comisión Executiva.

2. O presidente do consorcio poderá delegar o exercicio das súas atribucións propias, en todo ou en parte, nos vicepresidentes.

3. Os vicepresidentes substitúen o presidente no exercicio das súas funcións pola súa orde de nomeamento, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade. A súa función de suplencia non se estenderá ás competencias cuxo exercicio se delegase a outro vicepresidente.

Artigo 10º.-A Comisión Executiva.

1. Correspóndenlle á Comisión Executiva todas as atribucións que, conforme cos presentes estatutos, non sexan competencia nin do presidente nin da Asemblea.

2. En todo caso, a Comisión Executiva poderá delegar no presidente calquera das súas propias atribucións.

Artigo 11º.-Membros do consorcio.

1. Os membros do consorcio perderán a súa condición de tales ao cesaren como alcaldes.

2. Os membros do consorcio estarán suxeitos ao mesmo estatuto que os concelleiros, gozarán de idénticos dereitos económicos e de información, e co mesmo réxime de responsabilidade e incompatibilidades.

Título III

Do persoal ao servizo do Consorcio

Artigo 12º.-Persoal.

1. O consorcio poderá contar con persoal propio, nos termos previstos no estatuto básico do empregado público e mais na restante normativa de aplicación.

2. O persoal dos concellos consorciados poderá prestar servizos ao consorcio con carácter voluntario e con respecto aos requisitos e condicións establecidos na lexislación de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 13º.-Postos reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal.

As funcións reservadas a funcionarios con habilitación de carácter estatal serán desempeñadas por este tipo de funcionarios mediante os sistemas de provisión de postos establecidos na súa lexislación reguladora, ou os que de xeito legal os substitúan.

Título IV

Da facenda e patrimonio do Consorcio

Artigo 14º.-Ingresos.

1. A facenda do consorcio estará formada polos seguintes recursos económicos:

a) As achegas dos concellos consorciados.

b) Os ingresos de dereito privado, entendendo por tales os froitos, rendas e xuros dos bens e dereitos patrimoniais de que sexa titular o consorcio, así como os ingresos procedentes do seu allemaento, e os ingresos resultantes do exercicio de actividades económicas.

c) As herdanzas, legados e doazóns.

d) Taxas e prezos públicos pola prestación de servizos ou realización de actividades en réxime de dereito público.

e) As contribucións especiais que poidan establecerse para a execución de obras ou o establecemento, ampliación ou mellora dos servizos públicos.

f) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

g) O produto das operacións de crédito.

h) O produto das multas ou sancións que poida impoñer o consorcio.

i) Calquera outro non previsto nestes estatutos, sempre que sexan aplicables conforme a lexislación vixente.

2. Serán de aplicación aos recursos económicos do consorcio as normas establecidas na lexislación reguladora das facendas locais.

Artigo 15º.-Achegas.

1. As achegas dos concellos regularanse nas bases de execución de cada orzamento, conforme os seguintes criterios:

-As achegas destinadas ao sostemento de gastos xerais do funcionamento do consorcio distribuiranse mediante o emprego de criterios demográficos, orzamentarios ou outros que permitan determinar a capacidade económica dos concellos.

-As achegas para o financiamento de servizos en que só participen algúns concellos consorciados repartiranse exclusivamente entre estes.

-As achegas destinadas a gastos de investimento distribuiranse entre os concellos que voluntariamente participen nos ditos gastos, que serán beneficiarios exclusivos dos ditos investimentos. Para o cálculo das ditas achegas poderán terse en conta as achegas en especie realizadas, tales como cesión de terreos, equipamentos ou prestación de servizos con medios propios de cada administración municipal.

2. As bases de execución dos orzamentos regularán os prazos en que deben pagarse as achegas municipais. A falta de pagamento nestes prazos habilitará o presidente, logo da autorización da Comisión Executiva, para solicitarlle á comunidade autónoma ou ao Estado a retención das cantidades que deban con cargo á participación dos municipios nos ingresos autonómicos ou estatais.

Artigo 16º.-Patrimonio.

1. O patrimonio do consorcio estará integrado polos bens, dereitos e accións que lle correspondan como titular.

2. O consorcio poderá ademais ser cesionario de bens ou dereitos municipais ou doutras administracións públicas que se lle adscriban. O réxime de uso de tales bens e dereitos rexerase polo establecido no título de cesión e pola normativa que resulte de aplicación.

3. O patrimonio consorcial será obxecto de distribución entre as entidades consorciadas no caso de disolución do consorcio, conforme a liquidación que, se é o caso, se aprobe.

Título V

Da separación e adhesión de membros do Consorcio

Artigo 17º.-Incorporación e separación de membros asociados.

1. A adhesión e a separación de membros do consorcio tramitarase, en todos os casos, como unha modificación dos estatutos.

2. Os membros do consorcio poderán separarse logo da solicitude dirixida á Asemblea. A solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima dun ano á data de efectividade da separación. O expediente de separación deberá incluír a correspondente liquidación, en que se fará constar a débeda da entidade que se separa e o prazo e xeito do seu pagamento.

Os membros do consorcio que se separen antes da súa disolución non terán dereito, como regra xeral, a participar na repartición do patrimonio consorcial. Non obstante o anterior, o acordo de separación adoptado polo consorcio poderá recoñecer ese dereito en relación con bens ou servizos situados no territorio do municipio disidente, e deberán prever, en todo caso, os mecanismos de compensación precisos para que non se produzan prexuízos patrimoniais a ningunha das partes.

3. A adhesión de novos membros requirirá a solicitude expresa por parte da entidade interesada. No acordo de adhesión, a Asemblea poderá prever a exixencia do pagamento dunha achega extraordinaria pola nova entidade, como requisito para recoñecerlle o dereito a participar do patrimonio consorcial en igualdade de condicións co resto de membros do consorcio.

Artigo 18º.-Participación nos servizos do consorcio.

Os municipios consorciados poderán renunciar a participar en determinados servizos ou actividades do consorcio, sen necesidade de separarse da entidade consorcial. A falta de participación en determinados servizos ou actividades unicamente os eximirá das obrigas económicas vinculadas aos devanditos servizos, e privaraos, correlativamente, dos dereitos económicos correspondentes e do dereito a voto na Asemblea nos asuntos relacionados coas ditas actividades e servizos.

Título VI

Da disolución do Consorcio

Artigo 19º.-Procedemento de disolución e liquidación.

1. O consorcio poderá disolverse en calquera momento, en virtude de calquera das causas previstas na lexislación vixente, a través do procedemento previsto na Lei de administración local de Galicia para a disolución das mancomunidades.

2. Unha vez incoado o expediente de disolución por acordo da Asemblea, a Comisión Executiva elaborará, no prazo de tres meses, unha proposta de disolución e liquidación, que incluirá as disposicións relativas ao destino que se lle dará ao persoal e á distribución do patrimonio. Esta proposta someterase a aprobación inicial pola Asemblea, e dará comezo ao procedemento de aprobación da disolución. Ata que non se aprobe definitivamente o acordo de disolución e liquidación e non se publique no Diario Oficial de Galicia, o consorcio manterá a súa personalidade xurídica.

3. O acordo de disolución poderá apoderar un ou varios vogais da Asemblea para a execución das operacións liquidatorias necesarias tras a disolución do consorcio, ou delegar ou encomendar a súa xestión á deputación provincial. En ambos os dous casos, os xestores da liquidación, unha vez executada esta de modo completo, deberán render contas das actuacións levadas a cabo ante unha comisión integrada polos alcaldes dos municipios consorciados.

Artigo 20º.-Distribución do patrimonio.

A distribución do patrimonio levarase a cabo en proporción ás achegas establecidas, sen prexuízo do dereito preferente dos municipios onde se sitúan os inmobles ou as instalacións permanentes a optar á súa adxudicación, sempre e cando se garanta a proporcionalidade na repartición, de ser o caso, mediante o establecemento das compensacións económicas precisas.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sempre e cando transcorresen os prazos previstos no artigo 70 da Lei reguladora das bases de réxime local.