DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 17 de setembro de 2010 Páx. 15.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2010, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal de mantemento, recadación, contaxe de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas, soportes e teléfonos de uso público da empresa Eulen, S.A., actual contratista, ou empresa que a puider substituír para as catro provincias de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para o persoal de mantemento, recadación, contaxe de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas, soportes e teléfonos de uso público da empresa Eulen, S.A., actual contratista, ou empresa que a puider substituír para as catro provincias de Galicia, que se subscribiu con data do 20 de maio de 2010, entre a representación empresarial e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do referido convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral, con notificación á comisión negociadora.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2010.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Convenio colectivo para o persoal de mantemento, recadación, contaxe de moedas, limpeza e publicidade de cabinas telefónicas, soportes y teléfonos de uso público da empresa Eulen, S.A., actual contratista ou empresa que a puider substituír para as catro provincias de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto.

Este convenio colectivo ten por obxecto principal a regulación das relacións laborais entre a empresa Eulen, S.A., actual contratista, ou a empresa que a poida substituír e os traballadores en réxime laboral de mantemento, recadación, contaxe de moedas, limpeza e publicidade das cabinas telefónicas das catro provincias de Galicia, tanto sexan estas cabinas propiedade de titularidade de Telefónica, como as de titularidade de T.T.P. (Telefónica, Telecomunicaciones Públicas), así mesmo, as reparacións en todo tipo de teléfono. En definitiva o traballo que realizan os traballadores encadrados neste convenio é:

Recadación e proba de funcionamento; contaxe e precintaxe; conservación de moble e a súa iluminación: limpeza, montaxe, substitución e desmontaxe de publicidade en mobles de teléfonos públicos; reparación en todo tipo de teléfonos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo afecta a todo o persoal dedicado ao traballo de cabinas telefónicas mencionado no artigo anterior da empresa Eulen, S.A., actual contratista, ou empresa que a poida substituír nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

1. Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2010 sen prexuízo da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estará en vigor ata o 31 de decembro de 2012.

2. Este convenio quedará denunciado automaticamente con 90 días de antelación á data do 31 de decembro de 2012, a partir de cuxa data as partes poderán notificarlle á outra as correspondentes propostas de negociación.

3. No suposto caso de que á finalización da vixencia deste convenio as partes asinantes non aprobasen un novo convenio, este entenderase en vigor ata a aprobación do que deba substituílo.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constituirase a comisión paritaria para o desenvolvemento deste convenio, que poderá ser convocada.

Ambas as dúas partes comprométense a lle presentar á devandita comisión as cuestións da súa competencia e, en caso de desacordo, a cuestión alí formulada será sometida á xurisdición laboral competente.

Esta comisión estará composta por tres membros en representación da empresa e tres membros en representación dos traballadores, Juan Casas Copa, Enrique Couso Suárez, Manuel Sánchez Vázquez e Jorge Sánchez Bastos, este último como asesor de CC.OO., elixidos entre os membros da comisión deliberadora deste convenio.

As funcións desta comisión serán as inherentes para cumprir o seu labor de desenvolvemento e interpretación deste convenio.

Dos acordos da comisión paritaria levantarase oportuna acta e o seu contido terá a mesma forza de obrigar que o disposto neste convenio.

Ás reunións da comisión poderán asistir con voz pero sen voto os asesores económicos e sociais da comisión deliberadora.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións establecidas neste convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible.

Artigo 6º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza e orixe.

Os aumentos de retribucións que se poidan producir no futuro por disposicións legais de xeral aplicación só poderán afectar as condicións pactadas neste convenio, cando consideradas as novas retribucións no cómputo anual superen as aquí pactadas. No caso contrario, serán compensadas e absorbidas estas últimas, manténdose este convenio nos seus propios termos e na forma e nas condicións en que quedan pactadas.

Todas as funcións aquí detalladas son a título enunciativo e non queren significar que sexan únicas e invariables. Calquera variación ou inclusión será feita logo de informe da comisión paritaria.

Artigo 7º.-Organización e racionalización.

1. A organización do traballo será competencia da empresa, á cal lle corresponde a iniciativa conforme a lexislación vixente.

2. A racionalización do traballo terá, entre outras cousas, a seguintes finalidades:

a) Mellora das prestacións de servizo do usuario.

b) Simplificación do traballo, mellora de métodos e procesos administrativos.

c) Establecemento de equipos correctos do persoal.

d) Definición e clasificación das relacións entre postos e categorías.

3. Será preceptivo e previo o informe do comité de empresa ou delegados de persoal para calquera modificación de xornada de traballo, horario, réxime de traballo a quendas, sistema de remuneración, así como sistema de traballo e rendemento deste.

En caso de non existir acordo, as ditas modificacións deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Artigo 8º.-Clasificación persoal.

O persoal comprendido no ámbito deste convenio colectivo clasificarase nos grupos, subgrupos e categorías seguintes:

*Grupo A: mandos:

a) Encargado xeral.

b) Encargado provincial.

c) Xefe de equipo.

*Grupo B: subgrupo de contaxe:

a) Auxiliar de contaxe.

b) Oficial de contaxe.

-Recadación e limpeza:

a) Condutor-recadador-limpador.

b) Limpador.

-Mantemento:

a) Oficial mecánico.

b) Oficial cerralleiro.

c) Oficial electricista.

*Grupo C: traballos en formación:

a) Aprendiz.

Artigo 9º.-Cadro de persoal e escalas.

A empresa estará obrigada a confeccionar o cadro do seu persoal fixo e contratado unha vez ao ano.

No dito cadro sinalarase o número de traballadores que comprende cada categoría profesional, coa separación e especificación por grupos e seccións. Estes cadros unha vez confeccionados deberán ser sometidos ao informe do comité de empresa ou delegados de persoal e, en caso de desacordo, a súa aprobación será instada á autoridade laboral.

Os cadros confeccionaranse cada ano, respectándose os dereitos adquiridos dos traballadores que forman parte da empresa. A empresa deberá confeccionar e manter a escala do seu persoal, cos seguintes datos de cada un dos traballadores:

a) Nome e apelidos.

b) Data de nacemento.

c) Data de ingreso do traballador na empresa.

d) Categoría profesional.

A dita escala deberá publicarse nos taboleiros de anuncios da empresa antes do día 15 de febreiro ou dous meses despois da sinatura deste convenio. O persoal poderá formular as súas reclamacións contra a escala mediante escrito dirixido á empresa nun prazo de 20 días a partir da data de publicación. Cando se dea resolución expresa, esta deberase producir dentro dun período igual de tempo. Contra o acordo desestimatorio, expreso ou tácito, quedará a vía xurisdicional laboral.

Artigo 10º.-Contratación e descrición de funcións.

1. Cando por necesidades da empresa sexa preciso cubrir postos de traballo con persoal de novo ingreso, a dirección informará os representantes dos traballadores dos postos e das súas características.

2. Naqueles casos de nova contratación publicarase no taboleiro de anuncios e en todos os servizos e establecerase un plan de admisión de solicitudes de 5 días.

3. En todo caso, terán preferencia para o ingreso na empresa aqueles que desempeñasen na empresa traballos de carácter temporal.

4. Contaxe: a actividade desenvólvese nas dependencias da empresa (sala de contaxe) e consiste na realización de todas as tarefas necesarias para a desprecintaxe e precintaxe dos petos, a contaxe e encartuchaxe das moedas que previamente foron recadadas dos teléfonos públicos. Igualmente consiste no tratamento dos datos obtidos, todo iso baixo a supervisión da empresa contratante.

5. Limpeza: consiste na realización de todas as tarefas necesarias para efectuar a limpeza das cabinas, semicabinas, módulos, locutorios e calquera outro tipo de soporte telefónico de uso público existente ou que sexa instalado no futuro, utilizando os medios adecuados. Tamén referido aos mesmos soportes, consiste na realización das tarefas necesarias para a montaxe e desmontaxe da publicidade, así como a notificación das avarías e danos. Para a realización desta tarefa utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

6. Recadación: consiste na realización das tarefas necesarias para efectuar a extracción do peto ou excepcionalmente o metálico existente no interior dos teléfonos públicos, calquera que sexa o soporte en que se encontren, así como realizar as probas de funcionamento e detección de avarías. Para a realización desta tarefa utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

7. Reparacións de todo tipo de teléfonos públicos, titularidade de T.T.P., para a realización desta tarefa utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

8. Mantemento: consiste na realización de reparacións nos mobles de cabinas, módulos telefónicos, locutorios e calquera tipo de soporte de uso público, existente ou que sexa instalado no futuro. Reparacións en pechaduras e dispositivos de seguridade instalados no interior do teléfono de uso público. A revisión, conexión e reparación da iluminación nos soportes dos teléfonos públicos. Para os desprazamentos utilizarase un vehículo facilitado pola empresa.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Establécese unha xornada laboral de 37 horas e media, en xornada continua de luns a venres, os sábados traballará soamente o 50% do cadro.

Igualmente, os días 24 e 31 de decembro traballará soamente o 50% do cadro.

Artigo 12º.-Descanso diario.

O traballador terá dereito a gozar dun descanso de 20 minutos para tomar o bocadillo dentro da súa xornada diaria, que se computará como tempo efectivo para todos os efectos.

Artigo 13º.-Prolongación de xornada: horas extraordinarias.

1. Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan a xornada diaria establecida.

2. Os traballadores serán libres de aceptar ou denegar a realización de horas extra salvo nos casos específicos, regulados pola lexislación laboral, e establecerase, para tal fin, unha rotación entre os traballadores do cadro de persoal.

3. Terán a consideración de horas extra estruturais aquelas que se efectúen para as montaxes e desmontaxes de campañas publicitarias para cumprir os prazos establecidos por T.T.P.

4. As horas extraordinarias serán retribuídas a razón de 13,60 euros cada unha.

5. Os representantes dos traballadores asinarán as horas estruturais que se realicen.

6. As horas extra incluiranse en nómina, na epígafre correspondente a horas extra.

7. As horas extraordinarias poderanse acumular durante todo o ano para cambiar por días libres, gozando ata o día 31 de maio as acumuladas desde o 1 de xaneiro ao 31 de maio. As realizadas desde o 1 de xuño ao 30 de setembro gozaranse desde o 1 de outubro ao 31 de decembro. Cada 4 horas extra traballadas suporá un día libre.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio gozará de 30 días naturais de vacacións, nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O inicio das vacacións será sempre en día laborable, que non sexa nin sábado, domingo, festivo, día de descanso ou véspera deste.

As vacacións serán retribuídas na totalidade de todos os conceptos salariais.

O persoal que goce as vacacións nos meses de outubro a maio terá unha compensación de 1 día adicional por cada 10 de vacacións (30 días de vacacións = 30 días naturais + 3 días laborables).

O persoal que goce as vacacións nos meses de novembro a abril terá unha compensación de 2 días adicionais por cada 10 de vacacións (30 días de vacacións = 30 días naturais + 6 días laborables).

Artigo 15º.-Traballo en días festivos.

1. Cando por razóns de servizo sexa necesario realizar rutas de recadación en días festivos, a empresa exporá un impreso de inscrición que debe indicar o día festivo de traballo e o número de rutas previstas.

a) Todos aqueles traballadores que desexen traballar nese día deberán inscribirse no citado impreso.

b) As rutas de recadación deses días nunca excederán a xornada establecida de traballo.

c) Os festivos así traballados retribuiranse en nómina, baixo o concepto de complemento festivo ou denominación similar claramente identificable.

2. A retribución dese día será por rutas establecidas a razón de 118,20 euros, por gratificación ou, de ser o caso, por dous días de libranza, logo de acordo entre traballador e empresa.

3. No caso de non existir voluntarios, tendo en conta que a prestación de servizo é inaprazable e obrigatoria, de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, establecerase un sistema que garanta a prestación do servizo.

4. Gratificación de domingo: a retribución dos domingos para reparación de avarías de teléfonos será de 118,20 euros sempre que a xornada non exceda 7 horas.

Artigo 16º.-Conceptos retributivos.

As retribucións dos traballadores afectados por este convenio compensaranse como básicas ou complementarias:

1. Serán básicas:

Salario base: as retribucións correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse do modo seguinte:

Para o período entre o 1-1-2010 ao 31-12-2010 serán as que se fixen na táboa salarial anexa. Os salarios para este ano 2010 incrementaranse nun 0,50% sobre os salarios do 2009.

Para o período do 1-1-2011 ao 31-12-2011 incrementaranse todos os conceptos salariais co IPC real de 2010 máis o 0,40%.

Para o período do 1-1-2012 ao 31-12-2012 incrementaranse todos os conceptos salariais co IPC real do ano 2011 máis o 0,50%.

O incremento afectará a todos os conceptos económicos (horas extra, gratificación de festivo, gratificación domingos, gratificación de reparación, bolsa de compensación, prima de produción, gratificación de asistencia, gratificación de transporte, gratificación de produtividade e salario base).

2. Serán complementarias:

a) Antigüidade: é o complemento persoal que recibe o traballador en razón ao tempo traballado de servizos na empresa, estimados en trienios, considerando como tempo traballado os servizos prestados durante o período de proba. Cada trienio será do 5% calculado sobre o salario base. O seu aboamento ao traballador comezará a partir do mes en que se cumpran os 3 anos.

b) Gratificación de transporte ou locomoción: os traballadores afectados por este convenio percibirán por este concepto a cantidade de 113,76 euros mensuais. Por cada día de ausencia ao traballo descontarase a cantidade de 3,27 euros e non se considerará como ausencia para estes efectos o descanso semanal a que ten dereito, nin as vacacións. Esta gratificación aboarase a pro rata de tempo traballado.

c) Gratificación de asistencia: co mesmo criterio da gratificación de transporte en todos os seus conceptos, percibirase por esta gratificación a cantidade 71,85 euros. Por cada día de ausencia e co mesmo criterio que a gratificación de transporte, descontarase a cantidade de 2,07 euros. Esta gratificación aboarase a pro rata do tempo traballado.

d) Prima de produción: igual que as outras gratificacións percibirase por este concepto a cantidade de 133,24 euros. Esta gratificación, así como a antigüidade, pagarase nas tres pagas extraordinarias establecidas neste convenio.

e) Axudas e desprazamentos: sempre que o traballador supere nunha hora e trinta minutos a hora de saída, terá dereito a xantar onde se encontre, retribuiráselle a 14,19 euros por comida.

f) Gratificación por reparación da parte superior do teléfono público: aboarase a mensualidades vencidas, a razón de 24,26 euros.

Non se terán en conta para desconto: vacacións anuais e permisos retribuídos.

g) Gratificación de produtividade: a excelencia no cumprimento do servizo estará premiada pola gratificación de produtividade, cuxo importe consistirá no 1,75% sobre o salario base de cada categoría.

Artigo 17º.-Pagas extraordinarias.

-Paga extra de marzo, aboable do 10 ao 15 de marzo.

-Paga extra de verán, aboable do 10 ao 15 de xullo.

-Paga extra de Nadal, aboable do 10 ao 15 de decembro.

Na contía das pagas extras serán incluídos os conceptos de salario base, máis produción e mais antigüidade, segundo as táboas salariais anexas, e aboaranse sempre completas (30 días), independentemente de que o traballador tivese estado en situación de incapacidade temporal durante o período de remuneración de cada unha delas.

Artigo 18º.-Cobramento de salarios.

O cobramento de salarios efectuarase por meses completos e vencidos. Todo traballador terá dereito a percibir anticipos á conta do seu salario.

Artigo 19º.-Melloras sociais.

A empresa disporá dun fondo para préstamos ao persoal sen percibir xuros, para un caso de necesidade. O importe dos préstamos será de 1.600 euros máximos por persoa para devolver en 15 mensualidades.

Artigo 20º.-Seguro de vida.

Todos os traballadores comprendidos neste convenio terán un seguro de vida que está estipulado da seguinte forma:

En caso de morte: 16.000 euros.

En caso de invalidez: 22.500 euros.

Este seguro cubrirá as 24 horas do día e se o accidente ou defunción acontecese en xornada de traballo, terían un incremento de 10.000 euros.

Artigo 21º.-Licenzas.

1. Todos os traballadores afectados por este convenio terán dereito ás licenzas retribuídas nas seguintes continxencias e coa seguinte duración:

-Por matrimonio do/a traballador/a: 16 días naturais.

-Por matrimonio de fillos/as ou irmáns/ás directos/as ou políticos/as: 1 día natural.

-Por parto de esposa ou cohabitante: 5 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de esposa ou cohabitante: 5 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de fillos/as e fillos/as políticos: 4 días naturais.

-Por falecemento ou enfermidade grave de pais, avós/oas, irmáns/ás, netos/as directos/as ou políticos/as: 3 días naturais.

-Por cambio de domicilio: 2 días naturais.

-Por falecemento de tíos/as directos/as ou políticos/as: 1 día natural.

Se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes se producise fóra da provincia de residencia, serían 5 días naturais.

2. Igualmente, o traballador, solicitándoo con 8 días de antelación, terá dereito a dispoñer de 5 días de licenza non retribuída. Estes días serán continuados.

3. A empresa facilitará permiso retribuído polo tempo indispensable para renovación de carné de conducir, DNI, ou calquera necesidade de arranxar asuntos persoais xustificables, e igualmente para exames.

Artigo 22º.-Excedencias especiais con dereito ao posto de traballo.

-Polo nomeamento de cargos públicos ou sindicais.

-Por coidado de fillos menores de tres anos.

-No suposto caso de detención por un accidente de circulación, o operario detido poderá solicitar o seu pase á reserva de posto de traballo e nas mesmas condicións que se de excedencia obrigatoria se tratase.

-Os traballadores con antigüidade superior a tres anos terán dereito a que se lles conceda ata un ano de excedencia con reingreso automático con aviso de tres meses de antelación.

Artigo 23º.-Baixas por hospitalización ou accidente.

a) No caso dun traballador que se encontre en situación de IT derivada de accidente de traballo, a empresa completará a prestación económica ata alcanzar o 100% do seu salario mentres dure a devandita situación.

b) En situación de IT e sempre que exista hospitalización e convalecencia, a empresa completará a prestación económica ata o 100% do seu salario mentres dure a hospitalización, que se estenderá no período de convalecencia cunha duración máxima de 90 días naturais.

Artigo 24º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto caso de que a un traballador que precise o permiso de conducir para a prestación do seu traballo lle fose suspendido o seu uso, en primeiro lugar gozará das súas vacacións anuais correspondentes e se, finalizadas estas, continuase na mesma circunstancia, será destinado a outra sección onde non sexa necesaria a posesión de permiso de conducir, reincorporándose ao seu posto ao serlle devolto. No suposto de non existir outro posto de traballo onde non sexa necesaria a posesión do permiso de conducir aplicarase, durante o período de suspensión, a situación prevista no artigo 22, punto terceiro (excedencia obrigatoria con reingreso automático).

Artigo 25º.-Traslados de persoal.

O persoal non pode ser trasladado dunha provincia na cal presta os seus servizos a outra distinta, salvo pacto coa empresa.

Os traslados de persoal que impliquen cambio de domicilio poderán ser por petición do traballador mediante permuta. Tamén neste caso será necesario o acordo entre empresa e traballador.

Artigo 26º.-Subrogación do persoal.

Co obxecto de contribuír e garantir o principio de estabilidade no emprego; a absorción do persoal que se suceda, mediante calquera modalidade contractual, na total ou parcial actividade regulada no ámbito funcional deste convenio, levarase a cabo nos termos indicados neste artigo e seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto publica como privada, e identifica un concreto servizo ou actividade parcial ou total que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade, organismo público ou outro tipo de entidade ou persoa física, calquera que sexa a forma xurídica que adopten.

En todos os supostos de finalización, perda, rescisión, cesión, rescate ou revisión dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo a actividade de que se trata, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realizar o servizo, respectando esta os dereitos e obrigas que gocen na empresa substituída.

Producirase a mencionada subrogación do persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores á finalización efectiva do servizo, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ao citado período de catro meses, tivese traballado noutra contrata.

2. Traballadores, con dereito a reserva de posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata teñan antigüidade mínima de catro meses nela e se encontren enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade, que substitúan algún dos traballadores mencionados no punto segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por exixencia do cliente se incorporasen á contrata de servizos, como consecuencia dunha ampliación que perdure na seguinte contrata, aínda que non leven os catro meses de antigüidade.

5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen despois de cumprir 64 anos, dentro dos últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata, e teñan unha antigüidade mínima nela de catro meses anteriores á xubilación, en virtude do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Todos os supostos anteriormente recollidos deberaos acreditar fidedigna e documentalmente a empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no artigo 13 do convenio estatal do sector, e no prazo de dez días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante ou ben a saínte, lle comunique fidedignamente á outra empresa o cambio na prestación do servizo.

Os traballadores que non gozasen das súas vacacións regulamentarias ao se producir a subrogación gozaranas coa nova adxudicataria do servizo, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento do outro período corresponde ao anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes a que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, sucesor na actividade e traballador.

Artigo 27º.-Control e supervisión.

Só se poderá realizar rexistro sobre a persoa do traballador, nos seus armarios e efectos particulares, cando sexa necesario para a protección do patrimonio empresarial e o dos demais traballadores dentro do centro de traballo e en horas de traballo. Na súa realización respectarase ao máximo a dignidade do traballador e contarase coa asistencia dun representante legal dos traballadores.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

a) A empresa recoñece os representantes dos traballadores elixidos libre e democraticamente segundo a normativa vixente.

b) A empresa comunicaralles aos representantes dos traballadores no prazo mínimo de 48 horas de antelación todo o concernente a cesamentos, despedimentos, sancións e modificacións de traballo etc.

c) Os representantes dos traballadores disporán dun crédito de 20 horas mensuais para o exercicio das súas funcións.

Artigo 29º.-Seguridade e hixiene.

Será obxectivo máximo, tanto da dirección da empresa como dos traballadores, lograr a preservación da saúde e a prevención dos accidentes laborais e observarase o disposto na Lei de prevención de riscos laborais e na súa normativa de desenvolvemento.

a) Todo o persoal deberá someterse a unha revisión médica anual da empresa e dentro da xornada laboral. En casos de traballadores de máis de 50 anos, se os servizos médicos o consideran oportuno, poderán ser sometidos a un exame cardiovascular.

b) Disporase en todo centro de traballo de caixa de primeiros auxilios debidamente provista.

c) Os vestiarios deberán dispor de armario individual, ducha e lavabos, auga potable e xabón, toallas, papel hixiénico, e a empresa deberá coidar da súa hixiene.

Artigo 30º.-Uniformes.

A empresa facilitaralle a cada traballador o correspondente uniforme segundo os modelos homologados para a actividade.

A empresa consultará cos traballadores a calidade da roupa co obxecto de poder elixir a máis adecuada.

A entrega deses uniformes será:

-Tempada de verán, do 1 ao 15 de maio.

-Tempada de inverno, do 1 ao 15 de outubro.

Composición do uniforme:

-Tempada de verán: 2 pantalóns, 2 camisas de manga curta e calzado correspondente.

-Tempada de inverno: 2 pantalóns de inverno, 2 camisas de manga longa, 1 cazadora, 1 anorak de tres cuartos cada 2 anos e o calzado correspondente.

Artigo 31º.-Vehículos.

Os vehículos adscritos ás rutas de provincia disporán de faros en condicións para a néboa.

Os vehículos deberán ser revisados con periodicidade para que estean en boas condicións antes de saír á estrada.

En todo o non regulado neste artigo observarase o vixente xa disposto na normativa da materia.

Os traballadores antes do inicio da ruta comprobarán que os vehículos se encontren en orde de marcha.

Artigo 32º.-Empresas de traballo temporal.

Soamente poderán contratar traballadores de ETT para as seguintes cuestións e polo tempo que se determine.

1. Para cubrir un posto con dereito a reserva, polo tempo necesario.

2. Por incrementos de produción por un máximo de 2 meses.

3. Para a selección dun posto, por un máximo de 1 mes.

Estes traballadores terán os mesmos dereitos e percepcións que os traballadores rexidos por este convenio, en todas as cuestións.

Entregaránselle ao comité de empresa ou delegado de persoal os contratos de posta á disposición.

Non poderá estar contratado a través das ETT un máximo do 5% do cadro de persoal fixo da empresa usuaria.

Artigo 33º.-Xubilación.

A) Xubilación parcial.

1. Ao abeiro do artigo 166.2º da Lei da Seguridade Social e do artigo 12.6º do Estatuto dos traballadores, recoñéceselles aos traballadores o dereito subxectivo de solicitar da empresa a xubilación parcial e a redución da xornada no límite máximo legalmente previsto do 75% cando se reúnan os requisitos legalmente establecidos e, en especial, o de idade, que non poderá ser inferior aos 61 anos.

2. A solicitude deberase remitir á empresa cunha antelación mínima de tres meses á data prevista de xubilación parcial. A empresa estudará a solicitude de boa fe, coa vista posta nun acordo coa parte solicitante e, en todo caso, responderá nun prazo máximo de 30 días. Nos casos de discrepancia entre as partes, remitirase a cuestión á Comisión Paritaria, que resolverá no ámbito das súas funcións e no prazo máximo de 30 días.

3. O 25% da xornada que corresponde de traballo efectivo acumularase nos meses inmediatamente seguintes á xubilación parcial e a xornada completa. Aínda cando a empresa poida optar por retribuír sen exixir a cambio a prestación efectiva dos servizos e sen prexuízo da aplicación da seguinte escala de bonificacións:

1. Con trinta anos ou máis de antigüidade no servizo, recoñécese unha dispensa absoluta no traballo.

2. Con vinte anos de antigüidade e ata trinta, recoñécese unha dispensa do 75% do traballo.

3. Con dez anos de antigüidade e ata vinte, recoñécese unha dispensa do 50% do traballo.

4. Todo isto sen prexuízo do acordo a que poida chegar o traballador e a empresa.

5. Ata que o traballador xubilado parcialmente chegue á idade ordinaria de xubilación, a empresa deberá manter un contrato de substitución nos termos previstos no artigo 12.6º do ET.

b) Xubilación anticipada.

A empresa e os traballadores poderán pactar, se existe común acordo previo por ambas as dúas partes, xubilacións anticipadas aos 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, e nas leis 63 e 64/1997, do 26 de decembro, e a empresa debe cubrir as ditas vacantes con traballadores desempregados ou inscritos na oficina de emprego como tales.

Artigo 34º.-Cursos de formación.

Realizaranse cando haxa necesidade de servizo, especialización de tarefas, etc.

Os traballadores estarán obrigados a recibir eses cursos e serán remuneradas as horas necesarias para os ditos cursos como horas extraordinarias.

Estas horas extraordinarias serán sempre retribuídas e sen que en ningún caso sexa de aplicación o disposto no artigo 13º.7 deste convenio.

Se os cursos se realizasen fóra da provincia, aboaranse as axudas de custo de acordo co disposto no artigo 16.2º e) deste convenio, así como o aloxamento, se iso for necesario.

Artigo 35º.-Lexislación supletoria.

Todo aquilo que non fose pactado neste convenio e que afecte as relacións laborais e económicas, estará no disposto no ET.

As partes lexitimadas recoñecen como norma de rango superior o convenio colectivo de ámbito estatal do sector de mantemento de cabinas, soportes e teléfonos de uso público, o cal se asinou en Madrid o 24 de xuño de 1997 e publicado no BOE nº 195, con data do 15 de agosto, ou aquel que substitúa o dito convenio.

Adscríbense na totalidade dos seus artigos sen prexuízo do disposto no artigo 3º deste convenio en canto a melloras e táboas salariais.

Ver referencia pdf "18000D006P010.PDF"