DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 17 de setembro de 2010 Páx. 15.983

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de setembro de 2010 pola que se conceden axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2010.

Por Orde do 18 de marzo de 2010 (DOG do 13 de abril), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2010.

Reunida a comisión prevista no punto oitavo da citada orde, de acordo coa proposta formulada por ela e de conformidade co punto décimo da orde de referencia,

RESOLVO:

Primeiro.-Concederlles as axudas, nas contías que se sinalan, ás confederacións, federacións de pais de alumnos e ás asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial relacionadas no anexo I a esta orde.

Segundo.-Desestimar as solicitudes presentadas polas asociacións de pais de alumnos de centros e unha federación que se relacionan no anexo II a esta orde, polas causas que se indican.

Terceiro.-Para facer efectivo o pagamento das axudas, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Subdirección Xeral de Centros, Servizo de Xestión de Programas Educativos, antes do día 31 de outubro de 2010 a seguinte documentación:

a) A xustificación dos gastos realizados, mediante orixinais ou copias compulsadas de facturas, nóminas e outros documentos e a acreditación do seu pagamento. Non se admiten recibos como xustificación dos gastos.

b) Unha declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma finalidade, procedente das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Cuarto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "18000D002P007.PDF"