DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Xoves, 16 de setembro de 2010 Páx. 15.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2010 pola que se convocan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal dos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelles aos cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da comunidade autónoma. Ademais, para facer efectivo ese dereito, mándalles aos poderes públicos autonómicos que promovan a progresiva capacitación no uso do galego do persoal afecto á Administración Pública e ás empresas de carácter público en Galicia.

Entre as funcións e competencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística figura a de fomentar o uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia. Por outra banda a Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) di que esta institución orientará a súa actuación ao enriquecemento do capital humano dos servizos de seguridade pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia e o impulso da calidade nos servizos de seguridade pública para unha mellor atención ao cidadán e maior satisfacción dos seus xestores.

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas á Administración encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adaptándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para acadar ese equilibrio. A estrutura e o contido destes cursos regúlaos a Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril).

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística os cursos de formación de linguaxe administrativa galega para o ano 2010, cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución.

A Estrada, 13 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

ANEXO I

Primeira.-Obxecto.

Anúnciase, con carácter gratuíto e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a convocatoria dun curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio e dun curso de linguaxe administrativa galega de nivel superior.

Os obxectivos dos cursos son fomentar o uso do galego por parte do persoal dos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias, así como mellorar as súas capacidades neste eido co fin de garantir o dereito dos cidadáns a seren atendidos no idioma oficial de Galicia.

Número de prazas: 25 por curso.

Datas: os cursos impartiranse entre os meses de outubro e novembro. No caso de que algún día da semana sexa festivo recuperarase no primeiro día hábil seguinte.

Horario: será de mañá segundo o seguinte cadro:

Ver referencia pdf "17900D005P008.PDF"

Segunda.-Requisitos dos participantes.

a) Os cursos van dirixidos ao persoal funcionario e laboral do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

b) Para solicitar os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio deberá ter superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de lingua galega 4 (Celga 4).

c) Para acceder aos cursos de linguaxe administrativa galega de nivel superior deberá ter superado ou validado o curso medio de linguaxe administrativa galega.

Terceira.-Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe «Actividades formativas», «Cursos con inscrición aberta», de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, non sendo admisibles outros modelos de solicitude.

b) Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 206 123, por correo postal, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Cuarta.-Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse á epígrafe «Actividades formativas», «Cursos con inscrición aberta» e premer no enlace «Formulario». Unha vez cubertos os datos debe seleccionar «Enviar» para poder imprimir a solicitude.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12 e 886 20 61 37, do fax: 886 20 61 23 ou enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta.-Criterios de selección.

a) Na selección empregaranse os criterios de selección establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

c) Para os cursos de nivel medio quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión da certificación ou diploma dos cursos equivalentes (de linguaxe administrativa, cursos de linguaxe xurídica galega e cursos de linguaxe xurídica galega para asesores xurídicos da Xunta de Galicia), expedidos pola Escola Galega de Administración Pública ou homologados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou por calquera dos certificados a que se refire a Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril).

Sexta.-Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso. As persoas que non figuren na relación non foron seleccionadas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Unha vez efectuada a programación dos cursos, a Agasp comunicaraa á Secretaría Xeral de Política Lingüística para a designación de profesorado e para a inclusión da programación na información sobre cursos de galego que se publica na web www.xunta.es/linguagalega.

c) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así o acredite documentalmente a persoa responsable do servizo en que desenvolva o seu labor ou a través dun documento que acredite o feito alegado.

A renuncia debe ser comunicada por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo

formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23, cunha antelación de dous días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditada documentalmente suporá a exclusión automática da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

d) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

e) Os candidatos seleccionados para os cursos de nivel medio deberán presentar nas aulas o día do comezo do curso unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de lingua galega 4 (Celga 4).

f) Os candidatos seleccionados para os cursos de nivel superior deberán presentar nas aulas o día do comezo do curso unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega.

Sétima.-Contido e avaliación dos cursos.

a) Os cursos terán unha duración de 75 horas: 60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado, e 15 horas de tratamento individualizado, en que o alumnado poderá realizar actividades presenciais específicas de reforzo e/ou actividades prácticas complementarias e corresponderalle ao profesor a programación destas horas, de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso. Neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril).

b) A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

c) Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

d) A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder aos principios de progresiva e continua e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos e a asistencia. Ao remate de cada curso, aos asistentes que superaron as distintas fases de avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto expedido de forma conxunta pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Agasp.

Oitava.-Profesorado.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística designará o profesorado encargado de impartir os cursos entre as persoas que figuren na lista de profesorado colaborador para impartir cursos de galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que acreditasen ser licenciadas en filoloxía galega ou filoloxía hispánica, sección de galego-portugués, que sexan demandantes de emprego e que teñan superados os cursos de formación do profesorado de linguaxe administrativa galega impartidos pola citada secretaría xeral. Todo iso sen prexuízo de que se, de forma excepcional, tivesen que impartir algún curso profesoras ou profesores que sexan funcionarios, estarán obrigados ao cumprimento da normativa específica sobre o réxime de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (Lei 53/1984 e Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades).

Novena.-Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

Décima.-Normativa aplicable.

Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003. Do mesmo xeito acordarase especialmente o respecto rigoroso do uso da toponimia oficial nos temas previstos no artigo 10 da citada lei.

Décimo primeira.-Financiamento da actividade.

O curso de linguaxe administrativa de nivel medio será financiado con fondos propios, mentres que o curso de linguaxe administrativa de nivel superior será financiado nun 20% con fondos propios e nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

Décimo segunda.-Incidencias.

a) A Agasp e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos e poderán suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo correspóndelle á Agasp, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

b) A Agasp e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a Agasp e a Secretaría Xeral de Política Lingüística reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.