DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Xoves, 16 de setembro de 2010 Páx. 15.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 6 de setembro de 2010 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Cervo, no núcleo rural de Lieiro.

O Concello de Cervo remite o expediente de modificación das normas subsidiarias de planeamento referido e solicita a súa aprobación definitiva conforme o artigo 85.7º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en diante LOUG.

I. Antecedentes.

O Concello de Cervo dispón vixentes unhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 12 de xullo de 1978, afectadas por varias modificacións puntuais.

Sobre esta modificación de planeamento emitiu informe a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo con data do 23 de xullo de 2009, con carácter previo á súa aprobación inicial, informe en que se realizaron diversas observacións que cómpre corrixir.

Respecto da tramitación administrativa, constan no expediente:

1. Acordo de aprobación inicial adoptado polo Pleno na súa sesión do 21 de maio de 2009.

2. Trámite de información pública con publicación de anuncios no DOG do 3 de febreiro de 2010, e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia de Lugo do 22 de decembro de 2009. Consta certificación da Secretaría Municipal, do 4 de marzo de 2010, sobre as alegacións presentadas.

3. Acordo de aprobación provisional da dita delimitación adoptado polo Pleno na súa sesión do 19 de maio de 2010, con estimación das alegacións presentadas.

4. Figuran no expediente os seguintes informes:

-Xerencia do Patrimonio de FEVE emitidos con datas do 25 de agosto de 2009 e 22 de xaneiro de 2010.

-Informe favorable da Deputación Provincial de Lugo, emitido o 15 de abril de 2010.

-Decisión da CMATI, do 18 de agosto de 2009, na cal se declara a non necesidade de someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica.

-Informe favorable da Consellería de Cultura e Turismo, datado o 5 de marzo de 2010.

A modificación non afecta a ningún dos supostos cualificados recollidos nos artigos 94.4º e 95 da LOUG, polo que non precisa informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Comprobada a documentación complementaria do 5 de xullo de 2010, constátase que o expediente está completo e que cumpre cos requisitos de documentación e tramitación do artigo 85 da LOUG.

II. Contido e análise da proposta.

Analizado o expediente, o seu propio contido, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

Esta modificación ten por obxecto o cambio de clasificación de solo urbanizable a solo de núcleo rural, establecendo aliñacións respecto das vías xa determinadas no planeamento xeral e recollendo outros tamén de vías secundarias existentes no núcleo.

Lieiro aparece recoñecido no nomenclátor das entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000) así como no nomenclátor de entidades de poboación do Instituto Nacional de Estatística.

Respecto das observacións realizadas no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 23 de xullo de 2009 con carácter previo á súa aprobación inicial, dáse cumprimento ao contido delas.

De resultas da aceptación das alegacións presentadas, a superficie delimitada amplíase ata un total de 44.730 m2, e defínese como núcleo rural complexo que se desagrega en dúas áreas: o núcleo rural histórico tradicional, que contén 20 vivendas de tipoloxía tradicional, cunha superficie de 35.070 m2, e outra área de núcleo rural común, que ten unha superficie de 9.660 m2.

O interese público desta modificación vén xustificado polos propios fins que a motivan: a regularización da situación urbanística que permite transformar unha clasificación de solo no planeamento vixente, non adecuada á realidade física do territorio (artigo 94.1º da LOUG).

O proxecto xustifica o cumprimento do grao de consolidación edificatoria mínima establecido no artigo 13 da LOUG, de acordo coa ordenación urbanística prevista neste proxecto de modificación.

No tocante á normativa reguladora, esta adáptase ás directrices de parcela mínima, tipoloxía de edificación, volumes, ocupación, edificabilidades recollidas no artigo 29 da LOUG, que determina os valores que cómpre manter neste tipo de núcleos rurais tradicionais.

III. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Cervo, no núcleo de Lieiro.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas