DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Xoves, 16 de setembro de 2010 Páx. 15.949

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 6 de setembro de 2010 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 13 das normas subsidiarias de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

O Concello de Vilanova de Arousa remite o proxecto de modificación puntual referido, e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vilanova de Arousa dispón na actualidade vixentes das normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente o 14 de marzo de 1997, redactadas ao abeiro da Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da Lei do solo a Galicia.

2. A documentación remitida está integrada polo proxecto de modificación puntual das NSM redactado polos servizos técnicos municipais en marzo de 2009.

3. Ao abeiro do establecido no artigo 93.4º da LOUG, o concello non solicitou informe autonómico previo á aprobación inicial, por ser innecesario.

4. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu Decisión do 2 de xullo de 2009, pola que se resolve que non é necesario someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

5. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 30 de marzo de 2009. Sometida a exposición pública polo prazo dun mes no DOG do 11 de maio e no Faro de Vigo e Diario de Arousa do 15 de abril e comunicado o acordo aos concellos limítrofes, non houbo alegacións de acordo coa certificación municipal.

6. No expediente constan informes do asesor xurídico municipal do 20 de marzo e do secretario do Concello do 23 de marzo de 2009.

7. Constan tamén os informes sectoriais que solicitou o concello. Foron contestados en sentido favorable os da Deputación Provincial, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Infraestruturas da CMATI e Augas de Galicia.

8. Consta certificado de aprobación provisional da modificación puntual número 13 das NSP de Vilanova polo Concello Pleno do 29 de marzo do 2010.

II. Descrición e valoración.

Analizada a documentación que integra o expediente, e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

1. A documentación achegada componse de tres exemplares do documento de modificación puntual 13, dilixenciados, redactados polo arquitecto municipal Alejandro Arias Novas, asinado o 20 de marzo de 2009. Considérase que a documentación é suficiente para o alcance e finalidade da modificación.

2. A modificación ten por obxecto dar unha nova redacción ao número 4 da epígrafe das NSM correspondente aos usos da ordenanza dos predios e terreos singulares que actualmente establece: «Permítese a vivenda familiar illada, así como os equipamentos docentes, sociais, culturais, asistenciais e recreativos» para agora engadir:

«Así mesmo, autorízase o uso hosteleiro coa configuración especifica de turismo rural e as instalacións complementarias a aquel, como poden ser áreas de recepción, cafetarías, restauración, áreas de saúde, piscinas, cenadores, os garaxes en segunda categoría, así como as edificacións propias do uso e da condición territorial do terreo».

3. A modificación puntual xustifica como razóns de interese público para ampliar os usos permitidos na ordenanza de predios singulares, a busca de potenciación dos seus valores intrínsecos, a viabilidade da súa xestión económica e a creación dunha actividade que poda fixar poboación no seu contorno.

Pode entenderse que así se xustifica de xeito adecuado o artigo 94.1º da Lei 9/2002.

4. A modificación proposta non incide na clasificación do solo, que para estes predios e, segundo o planeamento vixente, é solo rústico e solo de núcleo rural tradicional.

Xa que logo, e de acordo co establecido na disposición transitoria primeira e) e f) da LOUG, resultan de aplicación os réximes urbanísticos correlativos establecidos nesa lei.

III. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 13 das normas subsidiarias municipais de Vilanova de Arousa.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente,

Territorio e Infraestruturas