A Comunidade Autónoma de Galicia é titular dos campos de fútbol de Meicende consonte o Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, polo que se traspasan funcións e servizos en materia de cultura.
Unha vez desafectada a parcela do dominio público mediante o Decreto 134/2010, do 15 de xullo (DOG nº 150, do 6 de agosto), e obtida a súa inscrición no correspondente Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declarar a súa alleabilidade de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e artigo 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilitar o seu tráfico patrimonial.
Na súa virtude, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio,
DISPOÑO:
Artigo único.-Declárase a alleabilidade da parcela que se describe a continuación:
1. Parcela sita na rúa Oviedo, 1, no lugar de Meicende, concello de Arteixo (A Coruña), que ten unha superficie segundo rexistro de 19.881 m2 onde se asentan os campos de fútbol de Meicende. Estrema: norte, Manuel Sánchez Figueroa, Repsol Petróleo, S.A. e antiga La Artística; sur, rúa Oviedo; leste, rúa Oviedo e José Míguez de la Iglesia; e oeste Repsol Petróleo, S.A.
Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade nº 3 da Coruña como predio nº 37.864, libro 549 e folio 1. Referencia catastral: 4797409NH4949N0001UQ.
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2010.
P.D. (Orde 27-4-2009)
Rosa Mª Pedrosa Pedrosa
Secretaria xeral e do Patrimonio
da Consellería de Facenda