DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 15 de setembro de 2010 Páx. 15.905

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 7 de setembro de 2010 pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2010.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e mais o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Partindo dunha das grandes liñas de acción da Consellería de Traballo e Benestar para o exercicio orzamentario 2010, correspóndelle agora a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade dos desempregados, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, o Programa nacional de reformas e no eido da colaboración institucional e o diálogo social aberto xa polo novo goberno galego cos axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tendo especial relevancia o apoio ao emprego local. Ademais, a propia Unión Europea aconsella centrar os esforzos na dinamización das economías locais, a través de plans e programas que favorezan a permanencia da poboación no seu propio contorno.

Esta situación demanda o esforzo conxunto e coordinado das distintas administracións públicas que, xunto cos recursos procedentes da Unión Europea, permitan acometer programas que estimulen, de xeito inmediato, a xeración de emprego. Efectivamente, a aplicación das políticas activas de emprego segue as directrices europeas de emprego elaboradas pola Comisión Europea co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

A constitución dun ámbito local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa.

Desde esta perspectiva faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Tendo en conta o exposto, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) por parte das entidades locais.

Estes técnicos, que configuran a rede de técnicos de emprego de Galicia, teñen como funcións principias as de colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, as de animación, estímulo e innovación actuando como promotores de actividade, asesores puntuais de proxectos de empresa e prospectores de mercado, contribuíndo á dinamización e xeración de novas actividades no ámbito local e rural.

O desenvolvemento destas tarefas contribúe á constitución dun ámbito local propicio á creación de emprego e a potenciar a xeración de iniciativas empresariais e novas actividades xeradoras de emprego, que repercuten na creación de novos postos de traballo e de alternativas de ocupación laboral.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación na concesión das axudas.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias contidas na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e financiamento.

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito da colaboración da Consellería de Traballo e Benestar coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no ámbito local.

2. As aplicacións orzamentarias e os créditos destinados ás axudas e subvencións establecidas nesta convocatoria serán os que establece a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, na aplicación 12.04.322A.460.0 (código de proxecto 2010 00 754) e polo importe de 6.317.363,91 €.

3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2005-2009 e inversamente coa evolución da poboación no citado período, terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos e realizarase en función das solicitudes presentadas en cada provincia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local que non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Definición e funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. Os AEDL configúranse como traballadores das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolverase conxuntamente entre a entidade contratante e a Consellería de Traballo e Benestar, para o cal os AEDL contratados analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela, e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

2. Os AEDL realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización de cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

Artigo 4º.-Contía da subvención e período subvencionable.

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser a equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior concederase por un período dun ano, podendo prorrogarse a subvención para a contratación do axente de emprego e desenvolvemento local por iguais períodos, precisándose para cada ano unha nova solicitude e concesión de subvencións.

3. A subvención para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. As solicitudes cubriranse nos modelos oficiais que figuran como anexos desta orde, que para todos os efectos se entenderán como parte integrante desta, e dirixiranse as xefaturas dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, e poderán presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse tamén a disposición dos interesados, na páxina web institucional da Xunta de Galicia http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ ayudas_subvenciones/portada_ayudas.

2. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I, a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición,

mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

3. As solicitudes para a obtención das axudas e subvencións reguladas por esta orde poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

No caso en que se opte por presentar a solicitude ou calquera outra documentación a que hai que nas distintas fases do procedemento ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada, segundo o establecido no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación dos servizos postais.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade local beneficiaria, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

I. Certificación do secretario da entidade solicitante en que conste:

a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

d) As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación no modelo que se publica como anexo V.

II. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

III. Memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL ou grupo de AEDL en que se especifique:

1. Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación.

2. Definición do proxecto global.

3. Fases de desenvolvemento do proxecto.

4. Obxectivos operativos de cada fase e tempos estimados de execución.

5. Instrumentos e infraestrutura que se posúe para a súa posta en práctica.

6. Número de AEDL que se vai contratar.

7. Accións e actividades que van desenvolver os axentes.

8. Tempo previsto para a realización do proxecto e duración estimada dos contratos.

9. Custos laborais totais anuais dos contratos.

10. Plan de adaptación dos axentes ao posto de traballo.

IV. Declaración da entidade solicitante na cal se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes no modelo que se publica como anexo II.

V. Declaración responsable acreditativa de que a entidade solicitante non se encontra incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiarios/as, sinaladas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no modelo que se publica como anexo III.

VI. Ficha de solicitude de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo IV.

VII. Autorización da persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) e de residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se suprime a achega de fotocopias dos documentos acreditativos da identidade nos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos na Administración da comunidade autónoma (anexo VI). No caso de non prestar a súa autorización, presentarase unha fotocopia compulsada do documento acreditativo da identidade do solicitante.

2. Se do exame do expediente, segundo o procedemento establecido no artigo seguinte, se comproba que non reúne os requisitos necesarios ou non achega a totalidade da documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

Artigo 7º.-Procedemento.

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo de promoción do emprego do respectivo departamento territorial.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada.

4. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros: o/a xefe/a do Servizo de Promoción do Emprego ou quen o substitúa, que exercerá as funcións de/a presidente/a, e dous técnicos ou técnicas do dito servizo, actuando un destes como secretario ou secretaria con voz e voto.

5. Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o/a xefe/a territorial.

Artigo 8º.-Criterios de valoración das solicitudes.

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos nesta orde, a comisión de valoración prevista no artigo anterior valorará as solicitudes presentadas conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non-discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias, perseguindo a maior repercusión posible das subvencións no ámbito territorial, e tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) A existencia de AEDL contratados ao abeiro da orde do ano 2009 (ata 10 puntos).

b) Número de desempregados existentes no ámbito territorial da entidade (ata 7 puntos).

c) Poboación susceptible de ser atendida (ata 5 puntos).

d) Grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de accións, con pactos locais ou territoriais de emprego (ata 5 puntos).

e) O grao de incidencia que na creación de postos de traballo terán as actividades que desenvolverán os AEDL (ata 5 puntos).

f) O establecemento de obxectivos operativos relacionados coa creación de empresas e o fomento da cultura emprendedora (ata 5 puntos).

g) Solicitudes que agrupen máis dun concello que non teñan AEDL, ou que se dirixan a importantes núcleos poboacionais (ata 5 puntos).

h) Proxectos que na súa realización posibiliten a integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos no mercado laboral (ata 5 puntos).

i) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos (ata 3 puntos).

2. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 50 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no parágrafo anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios. As entidades solicitantes terán que obter como mínimo 20 puntos para acceder ás subvencións reguladas nesta orde.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución ao xefe/a territorial que corresponda quen, unha vez fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, resolverá a concesión ou denegación da axuda, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, mediante resolución motivada e individualizada, que se lles deberá notificar aos interesados, nos termos previstos no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución pola que se conceda a subvención que será motivada e individualizada, e que se lles deberá notificar aos interesados, nos termos previstos no devandito artigo, determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, duración e data de inicio, a contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

3. O prazo de resolución e notificación será de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e nos rexistros de subvencións de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación, respectivamente, da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Requisitos e selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. As persoas candidatas para seren contratatadas e desempeñar as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.

2. Os AEDL serán seleccionados polas entidades beneficiarias das subvencións logo de presentación de oferta na oficina da rede pública de oficinas de emprego da Xunta de Galicia correspondente ao seu domicilio, entre demandantes de emprego desempregados ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución concedente da subvención.

3. Se ao tramitar a dita oferta non se atopan candidatos idóneos, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo seguinte.

Artigo 12º.-Contratación dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. Os AEDL, seleccionados de conformidade co procedemento establecido no artigo anterior, serán contratados a tempo completo pola entidade local ou entidade dependente ou vinculada, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse dentro do exercicio 2010, nos termos expresados na resolución de concesión.

2. A concesión e desfrute destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 13º.-Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación dos AEDL aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, poñendo á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. O departamento territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar poderá comprobar mediante visitas aos centros de traballo ou outros procedementos, a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación.

3. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración con outros departamentos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións coide conveniente, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitando ao mesmo regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese.

4. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación dos AEDL nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación no caso de novas contratacións:

I. Orixinais ou copias compulsadas dos respectivos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

II. Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta ou certificación que acredite a alta na Seguridade Social dos traballadores contratados.

III. Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo o modelo que se que se publica como anexo II e que estará á disposición na web institucional da Xunta de Galicia http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ ayudas_subvenciones/programas-de-cooperacion

IV. Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do AEDL, debidamente acreditados.

V. Certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta ante o Servizo Público de Emprego e sobre os custos da contratación, indicando o salario bruto mensual desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo V, cando estes sexan inferiores aos custos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

VI. Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 19.

2. O prazo para remitir a documentación exixida será a establecida na resolución concedente da subvención.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Poñer á disposición dos AEDL todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

2. Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición dos técnicos, especialmente, o sistema telemático de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

3. No prazo de dous meses desde o remate do período subvencionado, remitirlle ao departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar as copias compulsadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes (extractos ou cargos bancarios) e máis o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

4. Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Traballo e Benestar, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e facilitar toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Darlle publicidade á actuación, así como a utilización do logotipo da rede de técnicos de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 19º.

6. Comunicar, no prazo de 10 días, ao departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar que corresponda:

a) As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.

b) Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que van desenvolver os AEDL contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

7. Cumprir as demais obrigas que poidan derivar desta orde ou das resolucións e instrucións que, se é o caso, se diten para o seu desenvolvemento e execución.

Artigo 16º.-Avaliación das actividades levadas a cabo polos AEDL.

1. Co obxecto de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos AEDL, ponse en marcha un sistema telemático de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles.

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que os axentes tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Traballo e Benestar poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar a cabo as/os axentes.

Artigo 17º.-Revogación.

1. O incumprimento total ou parcial de calquera dos requisitos, condicións, finalidades ou calquera outro incumprimento do réxime xurídico establecido nesta orde, na resolución de concesión, así como calquera das circunstancias previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dará lugar á perda total ou parcial da subvención concedida e ao reintegro das cantidades indebidamente percibidas pola entidade coa exixencia dos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. En todo caso, dará lugar ao seu reintegro total:

a) Non cumprir cos requisitos exixidos na convocatoria.

b) Destino da subvención a unha finalidade diferente a aquela para a cal foi concedida.

Artigo 18º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias poderán solicitarlle á Consellería de Traballo e Benestar a prórroga da subvención concedida por cada AEDL contratado ao abeiro da Orde do 31 de agosto de 2009, no prazo previsto no artigo 5.3º, xuntándolle á dita solicitude a documentación exixida con carácter xeral no artigo 6º. As solicitudes de prórroga competirán en réxime de concorrencia competitiva coas solicitudes novas.

2. A resolución que, de ser o caso, aprobe a concesión da prórroga, poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polo AEDL.

3. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Se é o caso, prórroga do contrato formalizada e debidamente comunicada á oficina de emprego correspondente.

b) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo o modelo que se que se publica como anexo II e que estará á disposición na web institucional da Xunta de Galicia: http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ ayudas_subvenciones/programas-de-cooperacion.

c) Certificación do secretario da entidade local sobre os custos da contratación, indicando o salario bruto mensual desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo V, cando estes sexan inferiores aos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

d) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 19.

4. A comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social será realizada polo Servizo de Promoción do Emprego do respectivo departamento territorial a través das correspondentes aplicacións informáticas.

5. O prazo para remitir a documentación exixida será a establecida na resolución concedente da subvención.

Artigo 19º.-Publicidade.

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia:

http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ ayudas_subvenciones/sec_ayudas_carteles_informativos no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da rede de técnicos e técnicas de emprego de Galicia, cara aos usuarios e ás usuarias dos seus servizos en toda a comunidade autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación deles, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polos e polas axentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 6.317.363,91 € prevista na aplicación 12.04.322A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 (código de proxecto 2010 00 754).

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Promoción do Emprego para a autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións finais

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "17800D005P017.PDF"