DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 15 de setembro de 2010 Páx. 15.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 8 de setembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago, e se convoca a súa XV edición para o ano 2010.

O intercambio de culturas e o entendemento entre os pobos é un dos valores fundamentais que xurdiron entre as voltas dos camiños de Santiago desde o século IX ata os nosos días. Nestes séculos de intercambios e coñecementos vaise conformando uns dos itinerarios culturais de maior valor simbólico, coñecido en todo o mundo que representa a unidade e a transferencia de coñecementos sen límites e a liberdade de movementos. Os camiños de Santiago, un deles o primeiro itinerario cultural europeo ou, se se quere, a rúa maior de Europa sentaron os fundamentos do progreso e dos vínculos entre os pobos, promovendo o xermolo da idea de unidade de Europa. Durante moitas décadas foi o espírito anovador que conxugou o relixioso, o espiritual, o deportivo, o cultural e o económico sen esquecer tampouco o seu carácter de eixo vertebrador dun patrimonio cultural propio e que cómpre protexer.

Despois dun momento de declive, por mor das convulsións sociais que asolaron Europa e que motivaron que caese no esquecemento e que os camiñantes buscasen novas rutas de peregrinación, xa nos derradeiros anos do século XX regresou con nova forza e vitalidade grazas á adopción dunha serie de medidas encamiñadas á promoción, conservación e revitalización dos camiños de Santiago que acadou nestes últimos tempos un grande auxe e nos permite asistir a un novo renacemento das rutas xacobeas.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.18º como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, de interese de Galicia e no artigo 32 que corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes.

Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a proteción e posta en valor dos camiños de Santiago e fomentar a revitalización destes sen menoscabo do seu coidado e promover e difundir os seus valores intrínsecos impulsando actividades por medio das que se divulgue e facilite a comprensión da enorme potencialidade dos camiños de Santiago.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de persoas que, como Elías Valiña Sampedro, un dos maiores revitalizadores dos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción dos camiños de Santiago, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica, e incluso fomentando a creación de asociacións de amigos do camiño que velen pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.

En consecuencia, do anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Por esta orde establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión do Premio Elías Valiña para distinguir o esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, mediante esta orde convócase o dito premio para o ano 2010.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.433.A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2010, por un importe máximo de 10.000 € (dez mil euros).

2. A concesión do premio queda sometida á condición da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. A concesión do premio recollido nesta orde será tramitada en réxime de concorrencia competitiva.

4. O premio regulado ao abeiro desta orde é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán participar nesta convocatoria as institucións, asociacións culturais ou fundacións cunha traxectoria que acredite o seu labor na revitalización e conservación e que desenvolvan a súa actividade protectora, revalorizadora ou promocional dos camiños de Santiago, tanto dentro como fóra de Galicia, consonte as bases que figuran como anexo I desta orde.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas en que se produzan algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os formularios da solicitude da axuda (anexo II desta orde) poderanse obter ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia en que se publique esta orde ou ben na páxina da internet:

http://culturaeturismo.xunta.es/

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. O escrito de presentación da candidatura xunto coa documentación requirida serán presentados no rexistro xeral de Servizos Centrais da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de candidaturas comezará a contar a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2010.

Artigo 5º.-Prazo e duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa é o previsto na base novena, punto 3º, desta orde, que non poderá superar os prazos establecidos no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://culturaeturismo.xunta.es/), na súa epígrafe Información trámites, epígrafe de Premios.

b) O teléfono 981 54 48 93.

c) O enderezo electrónico:

subdireccion.proteccion.caminos.santiago@xunta.es

d) Presencialmente, nas dependencias da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral do Patrimonio Cultural para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento da orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Bases reguladoras da convocatoria do XV Premio Elías Valiña

Primeira.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión do Premio Elías Valiña para distinguir o esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago. Ao premio, que será de 10.000 € (dez mil euros) aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

2. A institución, asociación ou entidade premiada recibirá un diploma e o importe do premio que lle será aboado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, repartirase equitativamente entre os galardoados.

3. Ademais do premio en metálico, que recibirá o participante ou participantes premiados, farase unha mención especial a unha persoa que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño.

4. O procedemento para a concesión do premio recollido nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Beneficiarios.

Poderán participar nesta convocatoria as institucións, asociacións culturais e fundacións, cunha traxectoria que acredite o seu labor na promoción, revitalización ou conservación, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O premio poderá recaer nunha asociación, fundación ou calquera outra persoa xurídica que destacase pola calidade das obras ou actividades realizadas na defensa e posta en valor das rutas xacobeas.

Terceira.-Solicitudes.

1. As candidaturas ao premio presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. A solicitude deberá axustarse ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, e irá acompañada da seguinte documentación administrativa:

-Fotocopia do NIF ou documento equivalente, no caso de que o solicitante non dispoña de certificado dixital.

-Memoria xustificada do labor realizado en que se detallarán: as actividades de promoción realizadas, con indicación dos lugares afectados e o número de beneficiarios directos e indirectos, e as accións en defensa dos camiños de Santiago e do patrimonio cultural asociado a eles, indicando, se é o caso, o número de quilómetros recuperados, sinalizados ou adecentados, ou o número de bens culturais afectados.

-Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que avalen a candidatura, pola súa importancia e relevancia no desenvolvemento do labor de conservación, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

-Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, onde conste: ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente.

-Declaración xurada de ter ou non solicitadas axudas para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, contías solicitadas.

3. A documentación da candidatura premiada ao abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu adecuado arquivo, da Consellería de Cultura e Turismo, e reservarase esta o dereito de divulgación gratuíta da dita documentación por calquera medio de reprodución con destino a actividades promocionais e divulgativas.

A documentación das candidaturas non premiadas seralles devolta aos interesados no caso de que estes o soliciten expresamente.

Cuarta.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude polo interesado ou interesados comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que sexan necesarias para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado/a.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web o nome do premiado e o importe do premio, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do premiado e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido no artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a/o solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos.

Quinta.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión deste premio, e corresponderalle ao conselleiro de Cultura e Turismo ditar a resolución da súa concesión, con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde.

Sexta.

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriranse os/as solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden erros ou presenten a documentación exixida ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Nese requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fisexen, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido na base seguinte.

Sétima.-Comisión de valoración.

1. Composición:

O premio será outorgado por un xurado, que terá a consideración de comisión de valoración, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros:

-O presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

-Dous membros nomeados polo conselleiro de Cultura e Turismo entre persoas de recoñecido prestixio na materia.

-A institución, asociación cultural, fundación ou persoa que resultase gañadora na última convocatoria.

-Os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela cos números 61, 62, 63 e 64, que serán substituídos o vindeiro ano polos catro seguintes e así sucesivamente ata que rotasen todos.

-Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultual designado polo director xeral de Patrimonio Cultural.

No caso de que na mesma entidade concorresen a condición de último gañador do Premio Elías Valiña e da entidade inscrita no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago, segundo a relación prevista nesta orde cos números, 61, 62, 63 e 64, a entidade formará parte do xurado en calidade de gañadora da última edición, co que entraría a formar parte deste a seguinte entidade rexistrada na orde que proceda. A mesma solución será de aplicación no caso de imposibilidade ou renuncia a participar como xurado dalgunha ou algunhas das entidades que correspondan, segundo a prelación prevista neste artigo.

2. Funcións.

As decisións do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios previstos na base seguinte.

O premio poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

O xurado proporá ademais unha mención especial a unha persoa que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño.

Oitava.-Criterios de valoración.

1. Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

-En relación coas actividades revitalizadoras dos camiños xacobeos, o número destas e de beneficiarios directos ou indirectos, a súa calidade e o seu rigor científico (máximo 20 puntos).

-En relación coas accións de recuperación e conservación dos camiños de Santiago e cos elementos do patrimonio a eles asociados, o número, a calidade da intervención e a importancia do ben cultural (máximo 20 puntos).

-En relación coas accións que contribúan á promoción e revitalización do Camiño de Santiago, o número de socios ou membros de novas entidades que presenten candidatura, de novas incorporacións de persoas a entidades xa existentes como consecuencia das actividades promocionais, e de beneficiarios, directos ou indirectos, destas (máximo 20 puntos).

-En relación co fomento do coñecemento dos tramos galegos do Camiño de Santiago e do patrimonio cultural a eles inherente, o número de xornadas, seminarios, cursos, etc. e participantes neles, así como o número de publicacións e de material audiovisual e a súa difusión cuantitativa e territorial (máximo 20 puntos).

-En relación coas accións que contribúan a potenciar a dimensión social e espiritual da peregrinación xacobea (accións de reinserción, de accesibilidade, educativas, de hospitalidade, asistenciais, etc.), o número de accións e de beneficiarios e participantes (máximo 20 puntos).

Novena.-Resolución e notificación.

1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elevarao xunto coa proposta de resolución ao conselleiro.

2. O conselleiro de Cultura e Turismo, á vista da proposta, ditará a resolución que proceda debidamente motivada, e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, no enderezo da páxina web:

http://culturaeturismo.xunta.es/

3. O último día para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa será o 15 de decembro de 2010. En calquera caso, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación da concesión deste premio sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia a este, entenderase que o acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décima.-Réxime de recursos.

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de RXAPPAC, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira.-Anulación e reintegro.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas, cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá, se é o caso, un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Décimo segunda.-Control.

Os solicitantes e premiados/as quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

Ver referencia pdf "17800D004P011.PDF"