DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 15 de setembro de 2010 Páx. 15.894

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de setembro de 2010 pola que se resolve a Orde do 26 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

A Orde do 26 de maio de 2010 (DOG do 1 de xuño) convocou as axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia do ano 2010, en réxime de concorrencia competitiva.

Rematada a tramitación establecida na convocatoria, de acordo co establecido no artigo 7 da orde de convocatoria, e atendendo o informe-proposta elevado pola comisión avaliadora a través da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Concederlles aos seguintes profesores-investigadores do sistema universitario de Galicia as axudas que a continuación se relacionan para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia para o ano 2010, en réxime de concorrencia competitiva, e na contía que se indica en cada caso.

Ver referencia pdf "17800D001P006.PDF"

Segundo.-As solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse denegadas ou desestimadas.

Terceiro.-Nas tres modalidades de axuda, a subvención será librada a través da universidade a que pertenza o solicitante, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 15 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento xunto cunha memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo ou rede. Ademais, cando a axuda teña cofinanciación de Feder, a universidade correspondente deberá achegar nesa mesma data límite os documentos xustificativos dos gastos e dos pagamentos.

En cumprimento da normativa relativa ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as universidades deberán manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a pista de auditoría. Ademais, deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89.3º do Regulamento 1083/2006 do Consello. Os gastos deberán xustificarse con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e os pagamentos mediante certificación expedida pola universidade correspondente na que conste a data de pagamento.

Segundo o establecido no artigo 45.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Cuarto.-O incumprimento por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde da convocatoria suporá a perda do dereito a percibir a axuda correspondente.

Quinto.-Dado que os pagamentos das anualidades se realizan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os beneficiarios das axudas deberán cumprir os requisitos de publicidade que establece o artigo 8 do Regulamento 1828/2006, do 8 de decembro, cumprir tamén o establecido no Regulamento 1083/2006, polo que se que establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo de Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e no Regulamento 1080/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como cumprir os requisitos de xustificación que estableza esa mesma normativa.

Sexto.-Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria