DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2010 Páx. 15.860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2010 pola que se convoca o Postgrao Interuniversitario Empresa e Emprego Público: un enfoque xurídico, económico e de valores (II edición), en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Autónoma de Barcelona.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2010, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Autónoma de Barcelona (UAB), o Postgrao Interuniversitario Empresa e Emprego Público: un enfoque xurídico, económico e de valores (II edición).

Esta acción resulta de interese para a formación e o perfeccionamento das/os empregadas/os públicas/os, nos termos da Resolución do 19 de novembro de 2008, pola que se establece o procedemento e os requisitos de homologación de accións formativas por parte da EGAP.

O devandito curso desenvolverase de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitantes.

Será un requisito necesario, para a realización deste curso, estar cursando ou ter finalizado os estudos universitarios na data da convocatoria.

Segunda.-Criterios de selección.

A selección das/os aspirantes será efectuada por unha comisión académica designada para este efecto, que terá en conta a titulación ou os estudos universitarios, os coñecementos previos adquiridos no ámbito do emprego público e/ou da empresa pública, e das relacións laborais nos anteditos medios, así como a experiencia profesional relacionada coa temática do curso; e se é o caso, realizarase unha entrevista persoal.

Terceira.-Características do curso.

Duración: 300 horas (150 horas presenciais e 150 virtuais).

Lugar: EGAP, situada no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

Datas: do 7 de outubro de 2010 ao 7 de xullo de 2011 (os xoves, pola tarde), en horario das 16.00 ás 20.00 horas.

Prazas: 35.

Dirección académica:

-USC: Dra. María Ángeles López Cabarcos.

-UAB: Dra. María José Feijóo Rey.

Profesorado:

Profesionais das distintas comunidades autónomas e de recoñecido prestixio nas materias que deben impartir.

Cuarta.-Obxectivos do curso.

O obxectivo perseguido polo curso é o de implicarse decididamente na formación para a dirección das administracións ou das empresas públicas no contexto de valores actual.

Este curso desenvolve unha acción específica de formación dos profesionais da empresa e do emprego público, onde a calidade é un factor horizontal, así como a formación nos temas xurídicos e de valores, utilizando ferramentas TIC.

Ademais, pretende facilitar unha potencial e eficaz cualificación profesional nun contorno actual condicionado pola sociedade da información e das novas tecnoloxías, facilitándolles ás/aos empregadas/os públicas/os a posibilidade dunha maior accesibilidade á actualización profesional que lles facilite conseguir maiores cotas de responsabilidade profesional.

O curso pretende:

-Facer accesible a formación de calidade na xestión e dirección na empresa e no emprego público, utilizando as TIC.

-Contribuír a formar o alumnado na concepción das administracións e das empresas públicas desde as ópticas económica, xurídica e de valores.

-Formar nas tecnoloxías como instrumento profesional.

-Favorecer a familiarización co contexto do e-learning para contribuír á implantación das TIC.

-Afondar no ámbito do coñecemento da empresa e do emprego público.

-Fomentar o respecto e a igualdade na actividade e no emprego público.

Metodoloxía:

A metodoloxía utilizada é mixta, combínase a teleformación coa formación presencial.

Quinta.-Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

Módulo I. Módulo de empresa.

1. Dirección da calidade.

2. Administración de empresas públicas e dirección de persoas.

3. Dirección comercial.

4. Comercio internacional.

5. Dirección financeira, análise e avaliación de proxectos.

6. A empresa.

Módulo II. Módulo xurídico e de valores.

1. Empresa e emprego público: escenario e coordenadas actuais.

2. Funcionario público versus contrato de traballo.

3. Dereito de traballo colectivo: sindical e empregados públicos.

4. O dereito procesual no emprego público.

5. A Seguridade Social: cuestións de actualidade.

6. A prevención de riscos laborais nas administracións públicas: cuestións xurídicas.

7. A empresa e o emprego público: posibles valores.

8. A prevención de riscos laborais: diversas vías de aproximación.

9. Políticas sociolaborais no marco da igualdade.

10. A educación: implicación da empresa e do emprego público na sociedade actual.

Sexta.-Destinatarias/os.

O programa do curso vai dirixido ás/aos empregadas/os públicas/os das administracións públicas galegas, aos profesionais e interesadas/os que pretendan acadar un maior coñecemento no ámbito da empresa e/ou das administracións públicas e das relacións laborais nos devanditos medios.

Sétima.-Pagamento da matrícula.

O importe da matrícula é de 2.500 euros.

O pagamento da taxa de matriculación deberá efectuarse dentro dos cinco días seguintes á comunicación por parte da dirección do curso da aceptación das/os alumnas/os no mesmo.

Oitava.-Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para a inscrición finalizará o día 30 de setembro de 2010.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar, simultaneamente, un curriculum vitae aos seguintes enderezos electrónicos:

angeles.lopez.cabarcos@usc.es e mariajose.feijoo@ uab.es, no que incluirán necesariamente:

-Fotocopia do DNI.

-Orixinal ou copia compulsada do título de diplomada/o ou licenciada/o, dos estudos e da experiencia profesional alegada.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos no curriculum.

Igualmente poderán dirixirse aos enderezos electrónicos sinalados anteriormente, para obter información sobre o curso; así como aos números de teléfono da USC (profra. López Cabarcos): 982 28 59 00 (ext. 24483) ou da UAB (profra. Feijóo Rey): 619 71 25 27 - 93 5812 277.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública