DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2010 Páx. 15.860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 8 de setembro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 27 de abril de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2010.

A Orde do 27 de abril de 2010 establece as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións, e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2010 (DOG número 83, do 4 de maio).

No seu artigo 23 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e, así mesmo, que os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas se poderán incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Dado o interese das accións amparadas pola orde, e co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes posibles, aprobáronse os correspondentes expedientes de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño), e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 27 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2010 (DOG número 83, do 4 de maio).

2. O incremento da dotación será de 1.849.109 euros con cargo ás aplicacións 13.02.713 C770.6 por 1.794.294 e 13.02.712C 770.2 por 54.815 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na dita Orde do 27 de abril de 2010.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural