DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2010 Páx. 15.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2010, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se concede un permiso de ocupación temporal do Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido, Pontevedra, a favor da Federación Galega de Piragüismo.

Conforme o artigo 27.22º do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma galega ten a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a adecuada utilización do lecer, competencia desenvolvida, en concreto no ámbito das infraestruturas, pola Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do Deporte de Galicia, establece que a Administración autonómica fomentará a construción e óptima utilización das instalacións deportivas, así como tamén planificará e executará, directamente ou en colaboración con outras administracións, a construción de instalacións deportivas propias ou a mellora das xa existentes no territorio de Galicia.

No exercicio desta competencia, a Xunta de Galicia proxectou e executou a obra de construción do Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido, co obxecto de destinalo á formación, preparación e especialización dos deportistas galegos da modalidade deportiva de piragüismo.

A Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia sinala, artigo 32 letra d), que as federacións deportivas de Galicia posúen a competencia exclusiva para elaborar e desenvolver programas de promoción e desenvolvemento da súa modalidade deportiva, e establece legalmente, ademais, que só se poderá recoñecer unha federación deportiva galega por cada modalidade deportiva (artigo 29).

Para o máis axeitado desenvolvemento dos procesos de tecnificación e rendemento deportivo en Galicia na modalidade deportiva do piragüismo, é necesario contar, no Complexo Náutico e Campo de Regatas, cunha fórmula de xestión que garanta a súa máxima rendibilidade deportiva, a través da aplicación de criterios e programas técnicos-deportivos rigorosos, onde se garanta un contexto idóneo para o desenvolvemento e perfeccionamento dos deportistas no eido deportivo, pedagóxico, técnico, de utilización de instalacións e, en xeral, de todas as condicións que inciden na mellora da práctica deportiva.

Ademais, e xunto a esta prioridade cara á mellora da tecnificación e do rendemento da modalidade deportiva da piragüismo de Galicia, faise necesario optimizar o complexo cara a posibilitar o axeitado desenvolvemento dun programa deportivo do piragüismo de base que veña nutrir os programas de tecnificación e de rendemento existentes e futuros.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

dispoño:

Artigo 1º.-Obxecto.

1.1. Mediante esta resolución, e de acordo co artigo 51 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, concédese un permiso de ocupación temporal da instalación de titularidade autonómica Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido, a favor da Federación Galega de Piragüismo nos termos previstos no artigo 2º desta resolución.

1.2. A finalidade será a de desenvolver nel os programas de iniciación, tecnificación, rendemento e alto nivel dos deportistas galegos desta modalidade deportiva co obxectivo de proxectalos á elite mundial do deporte do piragüismo.

1.3. A concesión da ocupación temporal da instalación supón tamén o uso do equipamento de titularidade da Xunta de Galicia e que se encontra nas instalacións do Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido.

1.4. A Secretaría Xeral para o Deporte faculta a Federación Galega de Piragüismo para realizar os trámites administrativos necesarios para o axeitado funcionamento da instalación e do equipamento propiedade desta secretaría xeral; entre outros: matriculación de embarcacións, contratos de auga, de electricidade e de telefonía.

1.5. As actuacións que realizará a federación en virtude desta resolución en ningún caso supoñen autorización ningunha para a realización de obras de adecuación, mellora, estruturais ou de calquera outro tipo no Complexo Náutico e Campo de Regatas.

Artigo 2º.-Condicións de exercicio do permiso de ocupación en relación á xestión da instalación.

A Federación Galega de Piragüismo xestionará o Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido, e proporcionará os medios necesarios, económicos, técnicos e humanos para o óptimo desenvolvemento das actividades e programas que teñan lugar no complexo (deixando a salvo o previsto no artigo 1.3º) e, en todo caso, baixo a supervisión da Secretaría Xeral para o Deporte. A xestión obxecto desta resolución deberá de realizala a federación de forma directa, e ten un alcance exclusivo e unicamente deportivo.

A xestión da instalación levarase a cabo tendo en conta as seguintes condicións:

a) A instalación estará aberta os 7 días da semana, co seguinte horario mínimo:

Horario de inverno: das 10.00 ás 18.30 horas.

Horario de verán (15 xuño a 15 setembro): das 10.00 ás 20.00 horas.

b) A instalación poderá ser utilizada polos seguintes colectivos:

-Deportistas dos programas de tecnificación, rendemento e elite da Federación Galega de Piragüismo e da Federación Española de Piragüismo.

-Deportistas participantes en estadías de grupos de tecnificación, rendemento e elite doutras comunidades autónomas e países.

-Deportistas participantes en competicións deportivas oficiais.

-Poboación escolar galega que participe en programas de promoción do piragüismo desenvolvidos pola FGP.

-Alumnos dos cursos das formacións deportivas oficiais.

c) A Federación Galega de Piragüismo deberá dotar o centro, polo menos, do seguinte persoal: 1 director técnico-xerente, 1 adestrador e 1 encargado do mantemento da instalación.

d) O persoal que desenvolverá as actividades da Federación Galega de Piragüismo deberá ter unha relación contractual axustada á lei.

e) A Federación Galega de Piragüismo deberá subscribir unha póliza de seguro que cubra os danos que poida sufrir a instalación, así como unha póliza de responsabilidade civil que cubra os danos producidos polo desenvolvemento da actividade.

Artigo 3º.-Vixencia.

Esta resolución entrará en vigor desde o momento da súa sinatura e, tendo en conta que os permisos de ocupación temporal levan implícita a cláusula de precariedade, o permiso de ocupación poderá ser revogado en calquera momento pola Administración, sen que o interesado teña dereito a ningunha indemnización (artigo 53 da Lei 3/1985); non obstante, a Administración deberá comunicar, de forma fidedigna á Federación Galega de Piragüismo a revogación do permiso de ocupación temporal cunha antelación de tres meses.

En calquera caso, será causa de extinción do permiso de ocupación o incumprimento de calquera das condicións previstas nesta resolución ou na normativa vixente.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2010.

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte