DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 13 de setembro de 2010 Páx. 15.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2010, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da avinza acadada entre a empresa Atendo Calidade, S.L. e o comité de empresa, asinantes do convenio colectivo Atendo Calidade, S.L., publicado no Diario Oficial de Galicia número 65, do 8 de abril de 2010, tras a resolución ditada polo secretario xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Social, do 22 de xullo de 2010.

Mediante resolución ditada polo secretario xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Social, do 22 de xullo de 2010, derivada da demanda de impugnación do convenio, promovida pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT) e a Asociación de Empresarios de Servizos Sociais e Axuda a Domicilio de Galicia, pola que se aproba a avinza acadada entre os representantes da empresa Atendo Calidade, S.L. e o seu comité de empresa , e se deixa sen efecto o convenio colectivo da empresa Atendo Calidade, S.L., publicado no Diario Oficial de Galicia nº 65, do 8 de abril de 2010, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do referido acordo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral, con notificación á comisión negociadora.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2010.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Impugnación de convenios.

Demandante/s: Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), Asociación de Empresarios de Servizos Sociais e Axuda a Domicilio de Galicia.

Demandado: Atendo Calidade, S.L., comité de empresa de Atendo Calidade, S.L.

M. Asunción Barrio Calle secretaria xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Social, dou fe e testemuño:

Que nos citados autos se ditou resolución que literalmente di:

«Decreto

Secretaria xudicial

M. Asunción Barrio Calle

A Coruña, 22 de xullo de 2010.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), Asociación de Empresarios de Servizos Sociais e Axuda a Domicilio de Galicia. presentaron demandas fronte a Atendo Calidade, S.L. e comité de empresa de Atendo Calidade, S.L., que, admitidas a trámite, foron acumuladas por auto do 30-6-2010, e fixouse como día de celebración dos actos de conciliación, e de ser o caso, xuízo o día 13 de xullo ás 10.00 horas, data en que se suspenderon os actos sinalados por estar as partes en negociacións, fixándose de novo para o día de hoxe.

Segundo.-No acto de conciliación as partes, perante min, chegaron a esta avinza:

A empresa Atendo Calidade, S.L. e o comité de empresa recoñecen que o convenio asinado por eles e publicado no DOG do 8 de abril de 2010 ten problemas de legalidade nalgún dos seus artigos e, así mesmo, para salvar problemas de concorrencia con outro convenio, as partes acordan deixalo sen efecto e solicitan a remisión deste acordo á autoridade laboral para a súa publicación no DOG.

O Ministerio Fiscal non se opón ao acordo.

Fundamentos de dereito:

Único.-O artigo 84 da LPL establece que se as partes alcanzan unha avinza, sempre que non sexa constitutiva de lesión grave a terceiro, fraude de lei ou abuso de dereito, o secretario xudicial ditará decreto aprobándoa e, ademais, acordará o arquivo das actuacións.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Acordo:

Aprobar a avinza alcanzada entre as partes no día da data e o arquivo das actuacións.

Notifíquese esta resolución ás partes.

Modo de impugnación: mediante recurso directo de revisión que se deberá interpoñer ante quen dita esta resolución, no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa notificación, citándose a infracción que a xuízo do recorrente puidera conter a resolución impugnada (artigo 186 LPL). Se o recorrente non tivera a condición de traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, deberá realizar un depósito de 25 euros para recorrer na conta do Banesto 1552, debendo indicar no campo concepto, a indicación recurso seguida do «código 31 Social-Revisión». Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria, deberá incluír tras a conta referida, separados por un espazo coa indicación «recurso» seguida do «código 31 Social-Revisión». Se efectuas diversos pagamentos na mesma conta, deberá especificar un ingreso por cada concepto, incluso se obedecen a outros recursos da mesma ou distinta clase, indicando no campo de observacións a data da resolución recorrida utilizando o

formato dd/mm/aaa. Quedan exentos do seu aboamento en todo caso, o Ministerio Fiscal, o Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e os organismos autónomos dependentes deles.

A secretaria xudicial»

Concorda ben e fielmente co seu orixinal ao cal me remito, e para que produza os efectos oportunos, expido este decreto que asino na Coruña, o vinte e dous de xullo de dous mil dez. Dou fe.