DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 13 de setembro de 2010 Páx. 15.821

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 148/2010, do 2 de setembro, polo que se constitúen unidades técnico-administrativas nos edificios xudiciais e unidades de apoio a presidencias de tribunais e decanatos dos xulgados.

Dentro da nova estrutura prevista para a Administración de xustiza na Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial (LOPX), tras a reforma introducida pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, o artigo 439 da LOPX regula as denominadas unidades administrativas.

Segundo o dito artigo, enténdese por unidade administrativa aquela que, sen estar integrada na oficina xudicial, se constitúe no ámbito da organización da Administración de xustiza para a xefatura, ordenación e xestión dos recursos humanos da oficina xudicial sobre os cales se teñen competencias, así como sobre os medios informáticos, novas tecnoloxías e demais medios materiais.

En virtude das competencias transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios ao servizo da Administración de xustiza a través dos reais decretos 2166/1994, 2397/1996 e 233/1998, correspóndelle á Administración autonómica o deseño, creación e organización das unidades administrativas, segundo establece o artigo 439.2º da LOPX.

As circunstancias en que se está a desenvolver a Administración de xustiza en Galicia aconsellan con urxencia a introdución de cambios organizativos que fortalezan os medios postos á disposición dos xulgados e tribunais, que favorezan un funcionamento máis eficiente das oficinas e que lles faciliten aos cidadáns unha relación máis satisfactoria coa organización xudicial.

Con esta finalidade apróbase este decreto, que forma parte dun plan de primeiras medidas para a posta en marcha da nova oficina xudicial, centrado naquelas unidades e servizos que desde hai anos veñen sendo obxecto de demanda por parte de diversos sectores profesionais, e que contan neste ámbito cun importante grao de consenso. Primeiras medidas que constitúen, así mesmo, un anticipo do profundo proceso modernizador que persegue a reforma organizativa denominada nova oficina xudicial.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, situando sempre en primeiro plano a satisfacción das necesidades dos cidadáns, comeza con este decreto un proceso de modernización da Administración de xustiza mediante o establecemento de estruturas que potencian a eficiencia das unidades e que facilitan a mellora continuada cara a un servizo próximo e de calidade que deberá ser respectuoso cos principios recollidos na Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras seren oídas as organizacións sindicais máis representativas, logo dos informes do Consello da Avogacía Galega, do Consello Galego de Procuradores dos Tribunais e do Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto crear e regular as unidades administrativas previstas no artigo 439 da Lei orgánica do poder xudicial, no exercicio das competencias da Xunta de Galicia nesta materia.

Artigo 2º.-Tipos de unidades.

A través deste decreto créanse e regúlanse as seguintes unidades:

a) As unidades técnico-administrativas de xustiza, para a xestión dos medios persoais e materiais ao servizo dos xulgados, tribunais, fiscalías e demais órganos da Administración de xustiza.

b) As unidades de apoio ás presidencias dos tribunais e aos decanatos dos xulgados das cidades, para o soporte burocrático da actividade gobernativa dos seus titulares.

Artigo 3º.-Das unidades técnico-administrativas de xustiza.

1. Nas sedes xudiciais da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo créase un órgano administrativo, denominado Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza, que desenvolverá as súas funcións no marco das competencias que en relación coa Administración de xustiza en Galicia lle corresponden á consellería competente en materia de xustiza.

2. A estrutura e as funcións destas unidades axustaranse ao que dispón este decreto.

Artigo 4º.-Dependencia orgánica e funcional.

As unidades técnico-administrativas de xustiza a que se refire este decreto dependerán organicamente, a través dos servizos de xustiza -ou, se for o caso, de xustiza e Administración local-, dos departamentos territoriais da consellería competente en materia de xustiza e, funcionalmente, da Dirección Xeral de Xustiza.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial das unidades técnico-administrativas de xustiza é o seguinte:

a) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza da Coruña: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.

b) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza de Ferrol: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.

c) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza de Santiago de Compostela: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Arzúa, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.

d) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza de Lugo: o seu ámbito territorial é a provincia de Lugo.

e) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza de Ourense: o seu ámbito territorial de actuación é a provincia de Ourense.

f) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza de Pontevedra: o seu ámbito de actuación abarca os partidos xudiciais da Estrada, Lalín, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

g) Unidade Técnico-Administrativa de Xustiza de Vigo: o seu ámbito de actuación abrangue os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño, Tui e Vigo.

Artigo 6º.-Funcións das unidades técnico-administrativas de xustiza.

1. As unidades técnico-administrativas de xustiza exercerán as súas funcións nas seguintes áreas: xestión de recursos humanos, administración de medios económicos e materiais, e formación e asistencia no uso de medios audiovisuais e informáticos.

2. As unidades técnico-administrativas de xustiza, logo das comprobacións que sexan necesarias, subministraranlles aos servizos centrais da consellería competente en materia de xustiza cantos datos, informes ou estudos lles sexan solicitados ou consideren oportuno remitir en relación coas súas competencias, de acordo coas instrucións recibidas.

Artigo 7º.-Xestión de recursos humanos.

En materia de xestión de recursos humanos, as unidades técnico-administrativas exercerán as seguintes funcións:

a) Xefatura de persoal respecto dos centros de destino comprendidos no seu ámbito territorial, para os efectos de atribución de funcións e de substitucións, reguladas respectivamente nos artigos 39.2º e 74 do Regulamento orgánico de ingreso, promoción profesional e provisión de postos de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, e na normativa autonómica sobre a materia.

b) Aprobación das adscricións temporais dos integrantes dos servizos comúns de apoio.

c) Xestión das funcións de titoría do persoal titular e interino de novo ingreso, e colaboración na formación de reciclaxe.

d) Xestión das incidencias en materia de control horario e do absentismo laboral.

e) Colaboración co servizo e unidades de prevención de riscos laborais, velando pola aplicación do establecemento das medidas preventivas contidas nas avaliacións de riscos e plans de emerxencia, informando ao Servizo de Prevención de Riscos sobre os accidentes e incidentes que se detecten, así como sobre as variacións que se produzan nas condicións de traballo e asumindo aqueloutras funcións relacionadas coa seguridade e saúde laboral no ámbito da Administración de xustiza.

f) Notificación das resolucións dos órganos competentes en materia de recursos humanos.

g) Coordinación e colaboración coas unidades competentes en materia de nóminas e xestión de persoal.

h) Outras funcións que se lles poida encomendar por delegación relacionadas co contido deste artigo.

Artigo 8º.-Xestión de medios económicos e materiais.

En materia de xestión de medios económicos e materiais, as unidades técnico-administrativas:

a) Recollerán as solicitudes que presenten as persoas que interveñan en procesos xudiciais como testemuñas ou peritos, asistiranas na formalización de impresos e formularios e informaranas respecto da documentación complementaria ou xustificantes para reclamar as indemnizacións económicas que lles corresponda percibir da Xunta de Galicia, que tramitarán ante o departamento territorial da consellería competente en materia de xustiza.

b) Organizarán, xestionarán e coordinarán todas as cuestións relativas á constitución e ao funcionamento do xurado en aspectos alleos aos estritamente procesuais.

c) Administrarán e xestionarán a utilización e o consumo do equipamento, dos fornecementos e do material de oficina e non inventariable que resultan necesarios para o funcionamento dos órganos xudiciais, das fiscalías e das unidades da oficina xudicial.

d) Desempeñarán as demais funcións que en materia de xestión económica e medios materiais e relacionadas co contido deste artigo lles encomende a Dirección Xeral de Xustiza.

Artigo 9º.-Área de formación e asistencia no uso de medios audiovisuais e informáticos.

Nesta materia, as unidades técnico-administrativas:

a) Formarán na utilización dos sistemas de videoconferencia e dos medios de gravación audiovisual de vistas e comparecencias.

b) Asistirán, informarán e resolverán as dúbidas dos usuarios respecto das aplicacións informáticas da Administración de xustiza.

c) Impartirán a formación de reciclaxe relativa ás aplicacións informáticas.

Artigo 10º.-Das unidades de apoio aos órganos de goberno.

1. Nas sedes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, das audiencias provinciais e dos xulgados das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo créase unha unidade de apoio aos órganos de goberno, as cales atenderán as necesidades organizativas e gobernativas das persoas que desempeñen a presidencia dos ditos tribunais e o decanato dos xuíces dos ditos xulgados. Ademais, xestionarán as bibliotecas xudiciais.

2. Realizarán as funcións burocráticas precisas para a tramitación dos expedientes atribuídos pola normativa sobre repartición e sobre xurados, e por outras leis, aos titulares da presidencia ou decanato. Así mesmo, prestaranlles soporte administrativo nas funcións que precisen para o exercicio da presidencia, segundo o caso, da sala de goberno ou das xuntas de xuíces.

3. O persoal destinado nos postos destas unidades dependerá funcionalmente do/a presidente/a ou decano/a respectivo/a.

Artigo 11º.-Dos postos de traballo nas unidades técnico-administrativas de xustiza e nas unidades de apoio a presidencias de tribunais e decanatos.

1. Os postos de traballo para as unidades previstas neste decreto serán adscritos ao persoal dos corpos xerais ao servizo da Administración autonómica, definidos no artigo 475 a) da Lei orgánica do poder xudicial.

2. O complemento específico destes postos, a súa forma de provisión, os requisitos exixidos para o seu desempeño e os méritos específicos avaliables serán os que se determinen nas relacións de postos de traballo.

Artigo 12º.-Relacións de postos de traballo.

1. Correspóndelle á consellería competente en materia de xustiza, logo da negociación cos representantes dos traballadores e do informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, a aprobación e modificación dos cadros de persoal das unidades recollidas neste decreto. Os cadros de persoal e as súas modificacións serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

2. Con carácter previo á aprobación dos cadros de persoal e das súas modificacións solicitarase un informe da consellería competente en materia orzamentaria, que será vinculante.

3. Estes cadros de persoal integraranse, xunto cos cadros de persoal dos servizos comúns procesuais, e no seu día das unidades de apoio directo a xulgados e tribunais, na relación de postos de traballo da Administración de xustiza en Galicia, que se financiará con cargo aos créditos comprendidos no programa orzamentario 131-B: Persoal ao servizo da Administración de xustiza. Tamén se integrarán na dita relación de postos de traballo os cadros de persoal das oficinas de fiscalía, dos rexistros civís, do Instituto de Medicina Legal e das secretarías e agrupacións de secretarías de xulgados de paz.

Artigo 13º.-Provisión dos postos de traballo.

1. A provisión de postos de traballo de persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza realizarase segundo o previsto no Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, ou, se for o caso, na normativa que o substitúa ou complemente.

2. A provisión inicial de postos será recollida nun plan de recursos humanos, que abranguerá os aspectos precisos para a adaptación dos funcionarios ás novas tarefas e relacións.

Disposicións transitorias

Primeira.-Desenvolvemento da estrutura organizativa das unidades administrativas.

A estrutura organizativa prevista neste decreto desenvolverase de forma progresiva segundo o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-Ámbito territorial provisional.

O ámbito territorial das unidades técnico-administrativas de xustiza limitarase ao partido xudicial da súa sede ata que, a través da aprobación das correspondentes relacións de postos de traballo, se produza a incorporación en partidos xudiciais distintos dos da súa sede de postos singularizados que asuman tarefas de enlace e coordinación coas ditas unidades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Entrada en funcionamento das unidades administrativas.

As unidades previstas neste decreto entrarán en funcionamento, de forma gradual, a través de ordes da consellería competente en materia de xustiza, nas datas que nelas se establezan.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza