DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 10 de setembro de 2010 Páx. 15.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso sobre condución e manexo de vehículos motobomba.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre condución e manexo de vehículos motobomba, conforme as seguintes bases.

1. Datos da actividade.

Denominación: condución e manexo de vehículos motobomba.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: con este curso preténdese conseguir que os/as condutores/as de vehículos motobomba de diferentes servizos de emerxencias e protección civil adquiran coñecementos teórico-prácticos para conducir con maior seguridade os vehículos motobomba empregados na loita contra incendios.

Contido: o contido do curso de condución e manexo de vehículos motobomba divídese en dúas partes:

Teoría: 4 horas nas que se abordarán os seguintes temas:

Posición de condución.

-Movementos do volante.

-Traxectorias.

-Adherencia do pneumático.

-Uso freo acelerador.

-Transferencia de masas, centro de gravidade, eixe balanceo.

Condución todoterreo.

-Características das motobombas.

-Peculiaridades no uso do acelerador/freo/embrague e caixa de cambios.

-Ángulo de ataque, ángulo de saída. Pendentes lonxitudinais.

-Ángulo de crista.

-Ángulo de inclinación transversal.

-Subida e baixada de superficies esvaradías.

Módulo de igualdade de oportunidades.

Práctica: 16 horas de prácticas de condución en simulador e en circuíto e manexo de bombas. Para a realización das prácticas cada alumno ou grupo de alumnos procedentes dun mesmo servizo deberán traer a súa motobomba, de xeito que haxa como mínimo un vehículo motobomba por cada tres alumnos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido aos profesionais dos servizos de protección civil dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan asinado convenio coa Xunta de Galicia para o funcionamento do Grumir e aos condutores de vehículos motobomba dos diferentes servizos de emerxencias ao servizo das administracións públicas.

Prazas ofertadas: 20.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37 bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

Presentación de solicitudes: para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente. Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazo de inscrición: o prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23. Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: mañá e tarde.

Datas: do 25 ao 27 de outubro.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, no tema prioritario 72.

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 6 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública