DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.746

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2010 pola que se convocan unhas Xornadas sobre dereito social e administración pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2010, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre dereito social e administración pública conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar en detalle todas as cuestións relativas á reforma da Seguridade Social e ao dereito do traballo, así como á reestruturación da Administración pública central, autonómica, local e institucional no campo do emprego público, das relacións laborais, da acción social, asistencia social e réximes complementarios da Seguridade Social. Avaliar as máis recentes reformas do dereito social.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-Os deberes dos empregados públicos no seu estatuto básico.

-A mobilidade xeográfica e funcional do persoal laboral ao servizo das administracións públicas.

-A participación e representación dos empregados públicos.

-A readmisión obrigatoria do empregado público improcedentemente despedido.

-A igualdade de mulleres e homes na Administración pública: un estudo comparado dos dereitos español e alemán.

-Os dereitos dos cidadáns en relación coa actuación das administracións públicas.

-Os puntos críticos do mal chamado procedemento de oficio. Especial referencia aos procesos cualificatorios.

-A reforma da Seguridade Social.

-A reforma do réxime sanitario.

-A conciliación da vida laboral e familiar do persoal ao servizo das administracións públicas.

3. Destinatarios.

Persoal das diferentes administracións públicas, Administración autonómica e local, axentes sindicais, persoal investigador, letrados da Xunta de Galicia, letrados do Consello Consultivo de Galicia, letrados da Seguridade Social, do Consello de Estado, avogados do Estado, maxistrados e xuíces, inspectores de traballo, graduados sociais, inspectores médicos, avogados, procuradores, directores de asesorías e servizos xurídicos de entidades e empresas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); r/ Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 24 e 25 de setembro de 2010.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

Os interesados en participar nestas xornadas poderán optar por asistir:

1. Unicamente ás sesións científicas, en cuxo caso, deberán cubrir a folla de inscrición que figura como anexo a esta convocatoria e que deberán presentar no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Estas inscricións tamén poderán enviarse por medio de fax (ao número 981 54 63 30) ou por correo electrónico (ao enderezo novas.egap@xunta.es).

As inscricións fóra de prazo só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes teléfonos 981 54 62 41-881 99 70 14.

2. Ás sesións científicas e ao programa social; neste caso, deberán formalizar a súa inscrición, vía telemática, a través da seguinte ligazón:

Inscrición en sesións científicas + programa social que figura dentro do apartado dedicado a estas xornadas na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es).

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 21 de setembro de 2010.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización das xornadas.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "17400D014P038.PDF"