DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2010 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados no marco da Resolución do 15 de decembro de 2009, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, e se anuncia a convocatoria 2010, e se incrementa a dotación orzamentaria aprobada inicialmente.

Por Resolución do 15 de decembro de 2009 apróbanse as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia e anúnciase a convocatoria para o ano 2010 (DOG nº 250, do 24 de decembro). Posteriormente, e por Resolución do 17 de febreiro de 2010 (DOG nº 35, do 22 de febreiro), ampliouse o prazo de presentación de solicitudes ata o 24 de marzo de 2010. O prazo para resolver o procedemento é de seis meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación das solicitudes.

A epígrafe terceira da citada resolución establece como prazo límite para a execución e xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados o 30 de novembro de 2010.

Dado o volume de proxectos presentados e a complexidade de moitos deles, a dificultade de acadar financiamento complementario para afrontar a total execución e posterior viabilidade dos proxectos como consecuencia da actual conxuntura de crise económica, así como a necesidade de obter todos os permisos e licenzas administrativas para a súa correcta xustificación (coa dilación que este trámite comporta en numerosas ocasións, por causas alleas á vontade do promotor) resulta necesario ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos, co fin de asegurar que se cumpren os obxectivos que determinaron o outorgamento das correspondentes subvencións.

Por outra banda, a epígrafe 3 da Resolución do 15 de decembro de 2009 prevé a posibilidade de incrementar o crédito máximo inicialmente establecido na convocatoria por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, sen que este incremento supoña a ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, resulta que o número das presentadas supera o de calquera convocatoria tramitada anteriormente, e que esta espertou unhas expectativas e intereses nos promotores que, atendida a situación de crise económico-financeira, resulta conveniente atender, no marco obxectivo xeral de dinamización do territorio rural galego e promoción e consolidación do tecido produtivo no ámbito rural.

Ante as ditas circunstancias, e no exercicio das competencias atribuídas polo acordo do Consello de Dirección da Agader, do 21 de xuño de 2007,

RESOLVO:

1. Modificar o prazo para a execución e xustificación dos investimentos dos gastos vinculados aos proxectos subvencionados no marco da Resolución do 15 de decembro de 2009 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia e se anuncia a convocatoria para o ano 2010, ata o 30 de xuño de 2011, de acordo coas seguintes prescricións:

-En 30 de novembro de 2010 deberá estar executado e xustificado o 30% dos gastos correspondentes a cada proxecto.

-Para os proxectos cun investimento aprobado inferior a 30.000 €, así como para aqueles subvencionados no marco da terceira epígrafe da liña C) da medida IV (Novos retos; proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables), mantense a data do 30 de novembro de 2010 como data límite para a execución e xustificación final dos gastos vinculados aos ditos proxectos.

2. Incrementar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 15 de decembro de 2009 en 8.384.000 € con cargo ao exercicio orzamentario de 2011, de xeito que o total do crédito vinculado á convocatoria importa 12.000.000 €.

A dotación distribuirase do seguinte modo, por anualidades e medidas:

Ver referencia pdf "17400D014P038.PDF"

3. As modificacións anteriores non comportan a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición adicional

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2010

Antonio Crespo Iglesias

Director xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural