DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.744

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2010 pola que se convoca un curso de control e extinción de incendios de interior.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de control e extinción de incendios de interior para persoal dos diferentes servizos contra incendios e salvamento de Galicia, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: curso de control e extinción de incendios de interior.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 35.

Modalidade: presencial.

Edicións: 2.

Obxectivos: dotar o persoal dos servizos contra incendios e de salvamento dunha formación homoxénea conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 2 de maio, de emerxencias de Galicia. Con este obxectivo, neste curso teórico-práctico formarase o citado persoal na execución de operacións de control e extinción de incendios de interior, recoñecemento do efecto flashover, loita contra el con seguridade e rescate de vítimas.

Contido: o contido de cada curso divídese en dúas partes: unha parte teórica de 8 horas de duración en que se tratarán aspectos relativos á física e química do lume, o fenómeno flashover, mergullo en fume, dinámica de fluídos na ventilación e tipos e métodos de ventilación; e unha parte práctica, de 27 horas de duración, en que se realizarán diferentes exercicios de rastrexo, localización e rescate en interiores con lume real.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido ao persoal dos diferentes servizos contra incendios e salvamento de Galicia: parques dos consorcios contraincendios e salvamento e parques municipais.

Prazas: 14 por edición.

3. Solicitudes de participación.

Presentación de solicitudes: para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na sección Actividades formativas, cursos con inscrición aberta. Non serán admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente. Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura do responsable do parque, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazo de inscrición: o prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

4. Selección do alumnado participante.

Na selección empregaranse os criterios de selección establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública e instalacións da empresa Seganosa.

Horario: mañá e tarde.

Datas: a primeira edición terá lugar do 18 ao 22 de outubro e a segunda do 25 ao 29 de outubro.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada na mesma.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

7. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de setembro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública