DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.735

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 2 de setembro de 2010 pola que se convoca a concesión de subvencións para os promotores de urbanización de solo destinado á construción maioritaria de vivendas protexidas.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2º establece que as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como os que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidos á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Á vista do anterior, e para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3º do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro) para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a favorecer a urbanización protexida de solo destinado maioritariamente á promoción de vivendas protexidas.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán solicitar as ditas subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas promotoras de urbanización de solo destinado á súa inmediata edificación de vivendas maioritariamente protexidas, nos termos establecidos no artigo 64 e seguintes do Real decreto 2066/2008.

1. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2 do Regulamento 1998/2006 da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

Artigo 3º.-Requisitos.

A solicitude deberá reunir os requisitos establecidos no artigo 65 do Real decreto 2066/2008, polo que se regula o Plan estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 e o Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Non se poderá obter financiamento para as actuacións en materia de solo cando a súa solicitude sexa presentada con posterioridade á obtención do préstamo convido correspondente ás vivendas protexidas de nova construción que se vaian edificar no dito solo. Tampouco caberá a obtención de axudas financeiras cando a unidade de execución, ou parte dela, xa as recibira, incluso no marco de plans estatais anteriores.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

A resolución que conceda o dereito a obter a subvención virá determinada, respecto das contías, polo que se establece a continuación.

Haberá que ter en conta a porcentaxe prevista de vivendas protexidas que van ser cualificadas para arrendamento ou vivendas protexidas de réxime especial, e situalas dentro dos grupos seguintes:

Ver referencia pdf "17400D008P027.PDF"

Nas áreas de urbanización prioritaria a actuación protexida poderá incluír a adquisición onerosa do solo que se vai urbanizar, sempre que este aínda non fose adquirido no momento da solicitude destas axudas.

Artigo 5º.-Crédito orzamentario e contía.

As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo aos créditos que figuran consignados para esta finalidade nesta aplicación 07.90.451B.770.0, proxecto 200600604, do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2010, a cal está dotada adecuada e suficientemente e na cal se reserva o importe total de 1.800.000 € para atender ás concesións que procedan.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que corresponda pola situación da promoción, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante e xuntando os documentos que nel se requiren. Presentaranse en calquera rexistro do IGVS, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude implicará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puidesen obter de oficio, requiriráselle ao interesado a súa presentación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar daquela as certificacións indicadas.

3. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante ou autorización para consultar os datos de identidade.

b) Certificación da entidade de crédito de ter ao seu nome unha conta en que desexe que se realice o pagamento.

c) Un plano dixitalizado e xeoreferenciado da delimitación do ámbito de cada actuación en formato dixital.

d) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, deberá xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que tivese recibido non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de acordo co establecido no artigo 3.2º c) do Regulamento 1998/2006 da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.

e) Acreditación da propiedade do solo, opción de compra, dereito de superficie ou un concerto formalizado con quen teña a titularidade do solo ou calquera outro título ou dereito que conceda facultades para efectuar a urbanización.

f) Subscrición do compromiso de iniciar dentro dun prazo máximo de tres anos, por si ou mediante concerto con promotores de vivendas, a construción de, cando menos, un 30 por cento das vivendas protexidas de nova construción.

g) Unha memoria de viabilidade técnico-financeira e urbanística do proxecto na cal se especificará a aptitude do solo obxecto da actuación para os fins perseguidos, os custos da actuación protexida, edificabilidade residencial e o número de vivendas que se van construír, xa sexan libres ou protexidas, segundo tipoloxía e outras características que poidan dar lugar á obtención das subvencións establecidas nesta materia. Así mesmo, a memoria deberá conter a programación temporal pormenorizada da urbanización e edificación, o prezo de venda das vivendas protexidas e demais usos previstos do solo, o desenvolvemento financeiro da operación, así como os criterios de sustentabilidade que se aplicarán á urbanización.

Respecto da área de urbanización, especificarase a clasificación do solo, a planificación que lexitima a actuación, o estado do planeamento, os usos permitidos, a existencia ou non de proxecto de urbanización e, de ser o caso, a data de aprobación, identificación rexistral da/s parcela/s (indicando rexistro, tomo, libro, folio, predio, inscrición e sección), o sistema de xestión para a urbanización do solo, a superficie total do solo obxecto da actuación, a edificabilidade residencial da unidade de actuación e a edificabilidade residencial protexida da unidade de actuación.

A documentación que xa tivese sido achegada coa solicitude do préstamo para a urbanización do solo non será necesario presentala novamente.

Artigo 7º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase desde o día seguinte ao da publicación desta orde ao 15 de outubro de 2010, ambas as dúas datas incluídas.

Artigo 8º.-Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde e debidamente cuberta, á cal se deberá xuntar a documentación que nela se indica consonte o artigo 6º.3 desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen a remitirá ao Ministerio de Vivenda co fin de que preste a súa conformidade ao financiamento, no caso de áreas de urbanización non prioritarias, ou se acorde sobre el en Comisión Bilateral, no caso de áreas de urbanización prioritarias.

Unha vez tramitado o expediente co Ministerio de Vivenda, o/a director/a xeral do IGVS, tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 5 desta orde, resolverá o que en dereito proceda.

3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da área provincial do IGVS competente para a súa tramitación.

Artigo 9º.-Resolución das subvencións.

1. Unha vez completada a tramitación do expediente, o prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 10º.-Pagamento das subvencións.

1. Unha vez concedida a subvención, o pagamento fraccionarase en función do grao de desenvolvemento e xustificación do investimento e logo de solicitude do interesado.

2. Coa solicitude de pagamento deberá presentar:

a) Certificacións da obra correspondentes.

b) Dilixencia de toma de razón no rexistro da propiedade referida á afectación do solo á finalidade establecida polo que se refire a número de vivendas protexidas previstas, incluíndo as súas tipoloxías e outras características que poidan dar lugar á obtención das subvencións establecidas nesta materia.

c) No caso da presentación da última certificación, acta de recepción da urbanización polo concello.

3. Ditada a resolución de pagamento, tramitarase o correspondente expediente e aboarase mediante transferencia bancaria.

Artigo 11º.-Compatibilidade e incompatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 12º.-Reintegro da subvención.

O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/A director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención e comunicaralle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 14º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no dito rexistro, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, este organismo publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun programa informático de carácter permanente, á disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 15º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Disposición adicional

Delégase no director xeral do IGVS a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste os orzamentos nestas ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "17400D008P027.PDF"