DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.730

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 2 de setembro de 2010 pola que se convoca para o 2010 a concesión de subvencións para os promotores de vivendas protexidas destinadas a aluguer e promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2º establece que as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como os que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidos á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións, de acordo co procedemento do artigo 19.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Á vista do anterior, e para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3º do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro) para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a favorecer a construción de vivendas protexidas destinadas a arrendamento ou aloxamentos protexidos.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as devanditas subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas promotoras de:

1. Vivendas protexidas de nova construción para arrendamento a 25 ou a 10 anos de réxime especial ou xeral que obtivesen préstamo convido ao abeiro do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, reguladas no artigo 22 e seguintes do Real decreto 2066/2008.

2. Aloxamentos protexidos regulados no artigo 35 e seguintes do Real decreto 2066/2008.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. A promoción deberá reunir os requisitos establecidos polo Real decreto 2066/2008, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012 e o Decreto 402/2009, do 22 de outubro e, en todo caso, terá que contar con cualificación definitiva emitida con anterioridade á data de publicación desta orde.

Ademais, para a concesión das subvencións dirixidas á promoción de vivenda protexida destinada a aluguer, é preciso que o solicitante formalizara o préstamo convido do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012 entre o 6 de novembro de 2009 e a data de publicación desta orde.

E para a concesión da subvención á promoción de aloxamentos protexidos será preciso que o promotor indique na súa solicitude os contratos visados para os que pretende a subvención.

2. As circunstancias que serán tidas en conta para resolver sobre estas subvencións, serán as acreditadas no expediente de cualificación así como as acreditadas pola documentación indicada no artigo 6.3º desta orde.

3. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2 do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

1. Para promotores de vivendas protexidas de nova construción para arrendamento a 25 anos:

a) 350 euros por cada metro cadrado de superficie útil de vivenda protexida de réxime especial. Co límite de 90 metros cadrados útiles de vivenda.

b) 250 euros por cada metro cadrado de superficie útil de vivenda protexida de réxime xeral. Co límite de 90 metros cadrados útiles de vivenda.

Esta subvención incrementarase en 15 euros por cada metro cadrado de superficie útil de vivenda no caso de que a promoción estea situada nun ámbito territorial de prezo máximo superior (ATPMS), operando igualmente o límite dos 90 metros cadrados útiles de vivenda.

2. Para promotores de vivendas protexidas de nova construción para arrendamento a 10 anos:

a) 250 euros por cada metro cadrado de superficie útil de vivenda protexida de réxime especial. Co límite de 90 metros cadrados útiles de vivenda.

b) 200 euros por cada metro cadrado de superficie útil de vivenda protexida de réxime xeral. Co límite de 90 metros cadrados útiles de vivenda.

Esta subvención incrementarase en 15 euros por cada metro cadrado de superficie útil de vivenda no caso de que a promoción estea situada nun ATPMS, operando igualmente o límite dos 90 metros cadrados útiles de vivenda.

3. Para promotores de aloxamentos protexidos:

a) Destinados a colectivos vulnerables: 500 euros por cada metro cadrado de superficie útil do aloxamento máis da superficie útil destinada a servizos comúns a cal non poderá exceder do 30% do total da superficie útil dos aloxamentos.

b) Destinados a outros colectivos específicos: 320 euros por cada metro cadrado de superficie útil do aloxamento máis da superficie útil destinada a servizos comúns a cal non poderá exceder do 30% do total da superficie útil dos aloxamentos.

c) Ademais, por cada aloxamento que conte con contrato visado, corresponderá unha axuda adicional de 200 euros por metro, cada metro cadrado de superficie útil do aloxamento máis da superficie útil destinada a servizos comúns, a cal non poderá exceder do 30% do total da superficie útil dos aloxamentos.

Artigo 5º.-Crédito orzamentario e contía.

As subvencións, que se convocan mediante esta orde, concederanse con cargo aos créditos que figuran consignados para esta finalidade nas aplicacións seguintes:

1. (07.90.451B.770.0) proxecto 2006 00604 do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2010, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na que se reserva o importe total de 462.710,25 € para atender ás concesións que procedan.

2. (07.90.451B.770.0) proxecto 2010 00033 do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2010, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na que se reserva o importe total de 435.000 € para atender ás concesións que procedan.

3. (07.90.451B.781.1) proxecto 2008 00597 do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2010, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na que se reserva o importe total de 614.250 € para atender ás concesións que procedan.

4. (07.90.451B.781.1) proxecto 2010 00035 do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2010, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na que se reserva o importe total de 154.229 € para atender ás concesións que procedan.

Con base no anterior, establécese un crédito máximo de 1.666.189,25 €.

Artigo 6º-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que corresponda pola situación da promoción, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante e ao que se xunten os documentos que nel se requiren. Presentaranse en calquera rexistro do IGVS, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude implicará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puidesen obter de oficio, requirirase o interesado a súa presentación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións indicadas.

3. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Autorización para consultar os datos de identidade do solicitante ou, de non outorgala, fotocopia compulsada do seu DNI.

b) No caso de non tela presentado con anterioridade, dilixencia de toma de razón no rexistro da propiedade da cualificación definitiva das vivendas ou aloxamentos protexidos por nota na marxe da inscrición da obra nova, con expresión das súas circunstancias esenciais, en particular, o prazo de duración do réxime de protección.

c) Certificación da entidade de crédito de ter ao seu nome unha conta na que desexe que se realice o pagamento.

d) No caso de promotores de vivendas protexidas destinadas a aluguer, certificación da entidade de crédito sobre a data de formalización do préstamo convido do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

e) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, deberá xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que tivese recibido non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais de acordo co establecido no artigo 3.2º c) do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.

Artigo 7º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 15 de outubro de 2010, ambas as dúas datas incluídas.

Artigo 8º.-Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde, debidamente cuberta e acompañada da documentación que nela se indica consonte co artigo 6.3º desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase á persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, terase por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 5º desta orde, resolverá o que segundo en dereito proceda.

3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da área provincial do IGVS competente para a súa tramitación.

Artigo 9º.-Resolución das subvencións.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 10º.-Pagamento das subvencións.

1. Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

2. A subvención por promoción de vivendas protexidas destinadas a aluguer farase nun único pagamento e as subvencións de aloxamentos protexidos faranse separadamente dous pagamentos, o da axuda xeral e o da adicional.

Artigo 11º.-Compatibilidade e incompatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos, que correspondan, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 12º.-Reintegro da subvención.

O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do estado estableza outro diferente.

Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos nos artigos 33 da Lei de subvencións de Galicia.

O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/A director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 14º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, este organismo publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude e, solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun rexistro informático de carácter permanente, a disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 15º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Disposición adicional

Delégase no director xeral do IGVS a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste os orzamentos nestas ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "17400D007P022.PDF"