DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2010, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas do Fondo de Acción Social do exercicio 2009 para o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido na norma 7.2 dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio do ano 2009, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 26 de novembro de 2009 e publicados por resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais do 4 de xaneiro de 2010 (DOG número 6, do 12 de xaneiro), o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 15/1995, do 13 de decembro, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos solicitantes ou dos causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para dar cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Facer públicas as listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas do Fondo de Acción Social do exercicio 2009 na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública:

http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberan introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Segundo.-Contra a resolución provisional dos expedientes os interesados poderán presentar reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, no prazo de dez días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros públicos, oficinas de correos e demais lugares establecidos no artigo 38 da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As reclamacións e achegas de documentos deberán dirixirse ao director xeral da Función Pública, da Consellería de Facenda, no edificio administrativo San Caetano número 1, piso 2º, 15770 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2010.

José María Barreiro Díaz

Director xeral da Función Pública