DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 09 de setembro de 2010 Páx. 15.714

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 8 de setembro de 2010 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

O Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, actualizou a normativa existente na materia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 28 de xullo de 1995, pola que se desenvolve tal decreto, veu ordenar o funcionamento das federacións e, en especial, no correspondente á elección dos seus órganos de goberno.

En desenvolvemento do disposto na Lei 11/1997, xeral do deporte de Galicia, do 22 de agosto, publicouse no DOG do 24 de abril de 2006 a Orde do 3 de abril de 2006 pola que se establecían os criterios para a elaboración de regulamentos e a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

Coa finalidade de adaptar a regulación actualmente vixente ás novas circunstancias, e dado que neste ano terán lugar as eleccións aos órganos de goberno das federacións, é preciso a publicación da seguinte orde, que incorpora no seu texto novidades que afectan determinados aspectos dos procesos electorais como son a elaboración do censo electoral e os criterios da composición da asemblea, o voto por correo e as votacións para a elección do presidente da federación.

Por todo isto é polo que

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación ás federacións deportivas galegas no desenvolvemento dos procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e representación de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que deberán axustarse ao disposto nesta normativa.

Artigo 2º.-Realización de eleccións.

As federacións deportivas galegas procederán á elección das súas respectivas asembleas xerais, presidentes e comisións delegadas cada catro anos, e renovaranse nos que se realicen os xogos olímpicos de inverno.

Artigo 3º.-Regulamento electoral.

1. A xunta directiva da federación ou, de non existir esta, o seu presidente elaborará o regulamento electoral. Unha vez aprobado por parte da asemblea xeral da federación, presentarase á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa aprobación.

A Secretaría Xeral para o Deporte resolverá, no prazo máximo de 10 días hábiles desde a entrada do regulamento no seu rexistro, sobre a súa aprobación ou a súa devolución para a emenda de deficiencias.

Transcorridos estes sen que se dite ningunha resolución entenderase aprobado o regulamento. No caso de ser necesaria a emenda de deficiencias, indicaranse estas e concederanse dez días hábiles para proceder á dita emenda.

Neste último caso, sempre que así se estableza expresamente na asemblea xeral que aprobe o regulamento electoral, é potestativo de cada federación a convocatoria de nova asemblea xeral para a aprobación do regulamento electoral coas modificacións feitas pola Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben a delegación na xunta directiva da facultade de aprobación e realización das modificacións indicadas sen necesidade de novo sometemento á aprobación da asemblea xeral. Unha vez feitas estas modificacións, o novo regulamento presentarase á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa ratificación definitiva.

2. O regulamento electoral regulará as seguintes cuestións:

a) Calendario electoral: prazos, requisitos para presentación e proclamación de candidatos, así como sistemas de desempate e reclamacións.

b) Horario de apertura ao público da sede federativa.

c) Situación e horario da mesa electoral. No caso de existir en varias mesas electorais, e para os efectos de remisión do voto por correo por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, a federación deberá sinalar unha única mesa para a recepción deses votos.

d) Sistema de elección, composición, competencias e funcionamento da xunta electoral e da mesa electoral, así como o lugar, data e hora de realización do sorteo para a constitución desta última.

e) Censo electoral dividido por circunscricións electorais, de existiren estas. No estamento de clubs reflectirá separadamente aqueles membros considerados como membros natos da asemblea xeral, así como o baremo aplicado para a súa designación. Ademais establecerase o mínimo de competicións ou actividades deportivas consonte o reflectido no artigo 8.1º letra b) desta orde.

f) Regulación do voto por correo.

g) Número de membros da asemblea e distribución porcentual destes por estamentos, sen prexuízo do establecido no artigo 10.3º desta orde.

h) Sistema de elección dos membros non natos da asemblea xeral.

i) Sistema de elección do presidente.

j) Composición e sistema de elección da comisión delegada.

k) Procedemento de resolución de conflitos, reclamacións e recursos electorais.

l) O sistema de substitución dos membros da asemblea que perderon a condición pola que foron elixidos.

m) Forma e condicións de realización de eleccións parciais para cubrir as posibles vacantes que se produzan na asemblea xeral.

n) Modelos de sobres e papeletas.

3. O horario de apertura da sede federativa e das mesas electorais deberán garantir o adecuado desenvolvemento dos dereitos e obrigas dos electores e elixibles.

4. Calquera procedemento electoral iniciado con base nun regulamento electoral non aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte será nulo de pleno dereito.

Artigo 4º.-Censo electoral.

1. O censo electoral incluirá os/as deportistas, técnicos/adestradores, xuíces/árbitros e entidades deportivas inscritas na federación e no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia que reúnan os requisitos para seren electores e elixibles, de acordo co establecido no artigo 8º desta orde. Incluiranse os seguintes datos:

a) Para os/as deportistas, técnicos/adestradores e xuíces/árbitros: nome, apelidos, número de licenza federativa, número do documento nacional de identidade ou da tarxeta de residencia e domicilio para os efectos de notificación. O domicilio reflectido por defecto para o estamento de deportistas e de técnicos/adestradores será o do club a que pertenzan ou, de ser o caso e tamén respecto do estamento dos xuíces/árbitros, o que para estes efectos indiquen á federación. No período de reclamacións ao censo provisional poderase solicitar o cambio de domicilio.

b) Para as entidades deportivas (clubs): nome, denominación ou razón social e número de inscrición no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, así como o nome e apelidos do presidente e secretario. Os datos dos clubs deberán ser plenamente coincidentes cos datos contidos no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, e terá a federación a obriga de cotexar os ditos datos. No caso de discrepancias entre os datos que constan no rexistro da federación e os que constan no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, establecerase un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda.

2. O censo electoral provisional publicarase xunto coa convocatoria. A exposición pública deste deberá facerse por un prazo mínimo de 10 días hábiles, dentro do cal se poderán presentar as reclamacións que se consideren oportunas ante a xunta electoral, que resolverá no prazo máximo de 5 días hábiles, e considerarase o silencio da xunta en sentido estimatorio da petición realizada. Esta exposición farase no taboleiro de anuncios da federación e das delegacións territoriais, de habelas, así como na páxina web da federación ou, de non tela, na da Secretaría Xeral para o Deporte.

3. O censo será considerado definitivo se non se presenta ningunha reclamación ou, cando de presentarse, sexa resolta pola xunta electoral ou, se é o caso, polo Comité Galego de Xustiza Deportiva. Deberán aplicarse as mesmas garantías de difusión e publicidade que as previstas no número 2 deste artigo para o censo provisional.

4. Os datos contidos no censo electoral gozarán da protección do previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. En todo caso, o tratamento e publicación dos datos contidos no censo terá por única finalidade garantir o exercicio por parte dos electores do seu dereito de sufraxio, e estará prohibida a súa cesión ou utilización para unha finalidade distinta a aquela.

Artigo 5º.-Xunta electoral.

1. Constituirase, de forma simultánea á convocatoria de eleccións, unha xunta electoral por federación, de acordo cos criterios que estableza o regulamento electoral.

2. A xunta electoral estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na asemblea xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da xunta electoral. As candidaturas deberanse presentar na mesma asemblea en que teña lugar a súa elección, e poderán estar os candidatos presentes nela.

Os membros da xunta deberán reunir os requisitos seguintes:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Ter o título de bacharelato superior ou equivalente.

c) Non presentarse como candidato a membro da asemblea xeral.

d) Non ter relación contractual ou profesional coa federación deportiva correspondente.

e) Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.

3. No caso de non presentación de candidatos a membros da xunta electoral, o presidente da federación proporalle á asemblea os membros necesarios para completar esta, os cales deberán, así mesmo, reunir os requisitos definidos no punto anterior.

4. Actuará como presidente e secretario da xunta electoral ou membro de maior e menor idade, respectivamente. As decisións da xunta electoral tomaranse por maioría de votos. A asistencia á xunta electoral é obrigatoria salvo causa xustificada.

5. Funcións da xunta electoral:

a) Velar polo axustamento a dereito do proceso electoral dos órganos de goberno e representación federativos.

b) Organizar os procesos das eleccións para a asemblea xeral e presidente da federación, segundo o disposto no regulamento electoral.

c) Designar as mesas electorais de conformidade co previsto no regulamento electoral.

d) Aprobar as candidaturas que reúnan os requisitos exixidos, así como o resto da documentación electoral.

e) Garantir a exposición de censos, candidaturas e outros documentos segundo se estableza no regulamento electoral.

f) Coñecer e pronunciarse sobre os recursos que se presenten.

g) Custodiar a documentación correspondente a todo o proceso electoral, excepto o que non lle corresponda do procedemento do voto por correo, ata a súa finalización.

h) En xeral, cantas facultades lle sexan atribuídas polo regulamento electoral de aplicación.

6. O regulamento electoral poderá fixar indemnizacións co obxecto de sufragar os posibles gastos ocasionados.

Artigo 6º.-Mesa electoral: composición e competencias.

1. En cada circunscrición electoral constituirase unha única mesa electoral para a elección dos membros da asemblea, que se situará no lugar que se determine no regulamento electoral.

As mesas electorais estarán compostas por tres membros titulares (un presidente, un secretario e un vogal) e tres suplentes destes, elixidos por sorteo pola xunta electoral entre os integrantes do censo definitivo, conforme o disposto no regulamento electoral. Serán presidente e secretario os membros de maior e menor idade, respectivamente. A asistencia á mesa electoral é obrigatoria salvo causa xustificada que deberá ser autorizada pola xunta electoral.

Así mesmo, para a mesa electoral, os candidatos poden nomear interventores, entre quen desempeñe a condición de elector, que serán identificados ante a xunta electoral con antelación non inferior a 24 horas do día de realización das respectivas votacións. A xunta electoral expedirá a correspondente acreditación.

Os interventores poderán participar nas deliberacións da mesa, con voz pero sen voto, así como solicitar a ela certificacións e formular ante ela protestas, todo iso sen prexuízo da lexitimación que lles corresponde conforme os artigos 18º e 19º desta orde.

2. Son competencias da mesa electoral:

-Comprobar a identidade dos votantes.

-Recoller a papeleta de voto e depositala na urna pechada e preparada para os efectos.

-Proceder á contaxe de votos.

-Levantar acta dos votos emitidos, resultados e calquera outra incidencia, así como das incidencias e reclamacións, se as houber, facendo constar o número de votos obtidos por cada candidato.

3. A acta será subscrita por todos os membros da mesa electoral, así como polos interventores, se os houber, e remitirase posteriormente á xunta electoral, que deberá garantir a súa exposición pública mediante a publicación no taboleiro de anuncios e na páxina web da federación. Tamén será remitida á Secretaría Xeral para o Deporte, que publicará na súa páxina web as actas daquelas federacións que carezan deste servizo.

4. Cando proceda a elección de presidente constituirase a mesa electoral con dous membros que serán respectivamente o de maior e menor idade da asemblea. O primeiro actuará como presidente e o segundo como secretario. Así mesmo, e ata que conclúa a elección de presidente, exercerán funcións de presidente e secretario da asemblea.

5. O regulamento electoral poderá fixar indemnizacións co obxecto de sufragar os posibles gastos ocasionados aos membros da mesa electoral.

Artigo 7º.-Convocatoria de eleccións.

1. O procedemento electoral iníciase coa convocatoria de eleccións. A convocatoria corresponde ao presidente da federación, conforme o regulamento electoral aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

2. Simultaneamente á convocatoria de eleccións, as xuntas directivas disolveranse, e constituiranse en comisións xestoras que non poderán realizar máis que actos de mera administración e trámite.

3. A convocatoria de eleccións, que se publicará no taboleiro de anuncios da sede da federación e nas delegacións territoriais, se as houbera, así como na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, no caso de que a federación non dispoña dela, deberá conter cantos datos se precisen para o correcto desenvolvemento do proceso electoral, e concretamente:

a) Regulamento electoral.

b) Calendario electoral con indicación do lugar, data e hora de realización dos actos propios do proceso electoral.

c) Lugar de consulta dos censos electorais.

d) Modelos oficiais de sobres e papeletas.

e) Composición e sede da xunta electoral da federación.

4. Cun prazo de antelación mínimo de cinco días hábiles desde a data da convocatoria, esta deberá ser notificada, a través de medio que permita asegurar a súa recepción, cando menos, ás entidades deportivas integrantes da federación correspondente e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 8º.-Electores e elixibles.

1. Poderán ser electores e elixibles:

a) No caso dos estamentos constituídos por persoas físicas (deportistas, técnicos/adestradores, xuíces/árbitros) os que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser maior de idade na data da convocatoria das eleccións.

-Ter licenza federativa en vigor e tela tido na tempada deportiva anterior á da data de convocatoria de eleccións.

-Ter participado nun mínimo dunha competición ou desenvolvido outro tipo de actividades deportivas no caso das federacións en que as actividades deportivas máis relevantes non sexan actividades competitivas, na tempada deportiva anterior. As federacións que, por causa de forza maior, non puidesen desenvolver competicións ou actividades deportivas no período indicado anteriormente deberán atender ao último calendario oficial desenvolvido.

b) No caso do estamento de entidades deportivas: aqueles clubs que estean inscritos, no ano da convocatoria de eleccións, na federación correspondente e no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia e teñan participado en competicións deportivas ou desenvolvido outro tipo de actividades deportivas no caso das federacións en que as actividades deportivas máis relevantes non sexan actividades competitivas. Para estes efectos e con carácter mínimo, que poderá ser incrementado pola federación logo de autorización da Secretaría Xeral para o Deporte, deberán ter participado en catro competicións ou actividades entre o ano de convocatoria das elección e os dous anos inmediatamente anteriores a aquel, e necesariamente unha delas no ano da convocatoria das eleccións. Non será elixibles aqueles clubs que formen parte da asemblea na súa condición de membros natos, de conformidade co disposto no artigo 11º. As federacións que, por causa de forza maior, non puidesen desenvolver

competicións ou actividades deportivas no período indicado anteriormente deberán atender ao último calendario oficial desenvolvido.

2. Para efectos deste artigo entenderase como competición deportiva, ou actividade deportiva naquelas federacións en que as actividades deportivas máis relevantes non sexan actividades competitivas, as competicións ou actividades que estivesen reflectidas nos correspondentes calendarios deportivos aprobados pola asemblea xeral.

3. Os membros da federación que pertenzan a dous ou máis estamentos no censo provisional deberán optar por un deles, mediante escrito ante a xunta electoral, que deberá cursarse no período de reclamacións ao censo. O regulamento electoral deberá especificar os criterios para identificar os electores nun único estamento no caso de non existir a proposta individual.

Artigo 9º.-Composición da asemblea xeral.

1. O número de membros da asemblea xeral fixarase no regulamento electoral da federación. O presidente da federación desempeñará a presidencia da asemblea xeral.

2. Os seus membros serán elixidos cada catro anos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, salvo a singularidade prevista para o estamento de clubs, por e entre os compoñentes de cada estamento de conformidade co número e proporcións de representación que se establecen nesta orde e que deberán singularizarse nos respectivos regulamentos electorais.

3. Na asemblea xeral deberán estar representados todos os estamentos recoñecidos nos estatutos e integrados na federación e, cando menos, os clubs deportivos, os deportistas, os técnicos/adestradores e os xuíces/árbitros.

4. No estamento de clubs haberá membros natos e membros electos.

5. A representación dos clubs corresponde ao seu presidente ou persoa que conforme estatutos lle corresponda. Esta representación acreditarase fidedignamente mediante certificación da inscrición do Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia en que figuren expresamente os representantes legais da entidade.

6. Non cabe representación das persoas físicas.

7. Ningún membro da asemblea poderá desempeñar unha dobre representación nesta.

8. As federacións deportivas galegas axustarán, no posible, as súas actuacións ás recomendacións feitas pola Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Artigo 10º.-Proporcionalidade na composición da asemblea xeral.

1. As federacións con diferentes especialidades recoñecidas nos seus correspondentes estatutos deberán fixar dentro de cada estamento a porcentaxe de representantes que corresponderá a cada unha delas, conforme os seguintes criterios:

1.1. A representación de cada especialidade responderá a criterios de proporcionalidade ao nº de clubs e ao nº de licenzas. En calquera caso, todas e cada unha das especialidades terán cando menos un representante en cada estamento, sempre que o número establecido de membros de cada unha delas permita esta opción.

1.2. Se existe unha especialidade principal, deberá garantirse a esta un mínimo do 51% de cada un dos estamentos que teña a federación correspondente. Nestes casos o número de compoñentes dos respectivos estamentos adecuarase a este requisito.

2. A porcentaxe de cada estamento fixarase de acordo coas seguintes proporcións:

a) Representantes de clubs: entre 60 e 75%.

b) Representantes de deportistas: entre 20 e 30%.

c) Representantes de adestradores e técnicos: entre 5 e 10%.

d) Representantes de árbitros e xuíces: entre 5 e 10%.

e) Outros colectivos, se os houber: ata o 10%.

3. Unha vez aprobados definitivamente os censos electorais de cada un dos estamentos, e tendo en conta o número de membros do estamento de clubs, a xunta electoral fixará o número concreto de membros de cada estamento, segundo as porcentaxes e criterios establecidos no regulamento electoral.

4. A conformación do estamento de clubs deberá seguir os seguintes criterios:

-Nas federacións en que o censo definitivo de clubs sexa inferior ou igual a 100, estarán representados no estamento de clubs un mínimo do 50% deles.

-Nas federacións en que o censo definitivo de clubs sexa superior a 100, estarán representados no estamento de clubs un mínimo de 50.

En ambos os casos esta representación incluirá os membros natos.

En calquera caso todos os clubs deberán necesariamente cumprir os requisitos que para eles se establecen no artigo 8º desta orde.

5. Cando debido ás peculiaridades dunha federación non existan nela os estamentos de adestradores-técnicos e/ou de xuíces-árbitros, a totalidade da representación de cada un deles atribuirase aos demais estamentos en proporción á súa respectiva participación na asemblea xeral, efectuando a repartición de modo que non superen a porcentaxe máxima establecida.

6. As porcentaxes xerais atribuídas a cada un dos estamentos poderán ser distribuídas proporcionalmente entre as distintas delegacións territoriais, de existir nestas, en función do número e categoría de clubs (para o estamento de clubs) ou de individuos (para o resto de estamentos) incluídos no censo electoral, tendo en conta que cada delegación deberá ter como mínimo un representante para cada estamento, se o número de membros establecido para cada un deles o permite.

7. Cando o número de candidatos de calquera estamento coincida ou sexa inferior ao número de membros que hai que elixir non será necesaria a realización de eleccións polo que a ese estamento se refire, dando continuidade ao procedemento electoral.

Non obstante, no caso de que nalgún estamento da asemblea houbese máis dun 20% de vacantes, unha vez terminado o proceso electoral e no prazo máximo de 3 meses, o presidente procederá á convocatoria parcial de eleccións para cubrir as vacantes, sen que esta nova convocatoria parcial afecte os xa elixidos.

Artigo 11º.-Membros natos da asemblea xeral polo estamento de clubs.

Serán membros natos, unicamente para o estamento de clubs e para a especialidade principal no caso das federacións con máis dunha, polo tanto sen necesidade de someterse a votación:

a) No caso das asembleas xerais formadas por máis de 15 representantes do estamento de clubs, aqueles cinco que conten cun maior número de licenzas, así como outros cinco que teñan participado no maior número de competicións oficiais ou actividades oficiais no caso das federacións en que as actividades deportivas máis relevantes non sexan actividades competitivas. Para a determinación dos membros natos pola participación en competicións ou actividades, valorarase tanto o número de competicións ou actividades en que se participa como o número de deportistas participantes.

b) No caso das asembleas xerais formadas por 15 ou menos clubs, dous clubs por cada un dos dous supostos anteriores.

Nos casos de empate nalgunha das categorías anteriores, será membro nato aquel club que conte con máis méritos na outra categoría. No caso de proseguir o empate, este resolverase favorablemente para o club con máis antigüidade na súa afiliación á federación.

Estes datos referiranse ao ano inmediatamente anterior ao da convocatoria de eleccións.

No caso de que un club teña méritos para obter representación na asemblea por ambas categorías, a representación resultante será cuberta polos clubs candidatos á asemblea segundo o procedemento ordinario de elección no estamento de clubs.

Os clubs deberán estar incluídos no censo electoral definitivo. Aqueles clubs que desexen renunciar á súa condición de membro nato deberán facelo, ante a xunta electoral, no prazo de reclamacións ao censo provisional establecido no artigo 4.2º. A xunta electoral publicará tal incidencia no taboleiro de anuncios da federación, así como na súa páxina web.

Para os efectos de publicidade e posibles recursos observarase disposto no artigo 4º, respecto ao censo electoral.

Artigo 12º.-Candidatos a membros electos da asemblea xeral.

1. Poderá ser candidato a membro da asemblea xeral toda persoa física ou xurídica incluída no censo definitivo que o solicite persoalmente, por correo certificado ou por calquera outro medio que acredite fidedignamente en dereito a dita solicitude, ante a xunta electoral. Para a solicitude establecerase un prazo que non será inferior a 3 días hábiles contados desde a publicación do censo definitivo.

2. Unha vez presentadas as candidaturas, a xunta electoral proclamará a lista provisional de candidatos e faraa pública na páxina web da federación ou, no caso de que non a tivese, na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte. Haberá un prazo, non inferior a 2 días hábiles, para a presentación de posibles reclamacións ante a xunta electoral, que disporá de idéntico prazo para resolver.

3. A proclamación definitiva de candidatos efectuarase de conformidade co procedemento e prazos que se establezan no regulamento electoral.

Artigo 13º.-Sistema de votación a membros da asemblea xeral.

1. A votación a membros da asemblea realizarase en urnas separadas por estamentos. A votación desenvolverase sen interrupcións durante o horario que se fixe na súa convocatoria. Soamente por causa de forza maior poderán non iniciarse ou interromperse as votacións. En caso de suspensión da votación non se terán en conta os votos emitidos nin se procederá ao seu escrutinio. Neste caso, a xunta electoral fixará unha data para a nova votación.

2. O dereito de votar será acreditado pola inscrición no censo electoral definitivo. Para a súa identificación, o elector deberá presentar documento acreditativo da súa personalidade (DNI, pasaporte, tarxeta de residencia ou permiso de conducir con fotografía do titular). No caso das persoas xurídicas a representación corresponde ao seu presidente ou persoa que conforme aos estatutos lle corresponda, que se deberá acreditar fidedignamente mediante certificación da inscrición do Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia en que figuren expresamente os representantes legais da entidade.

3. Se un membro electo da asemblea xeral perdese a condición pola cal foi elixido, causará baixa automaticamente naquela, e procederase á súa substitución na forma que estableza o regulamento electoral.

Artigo 14º.-Voto por correo.

1. Unicamente se admitirá o voto por correo nas votacións para membros da asemblea naqueles estamentos integrados por persoas físicas.

2. O exercicio do voto por correo deberá ser solicitado polo interesado á xunta electoral, desde a data da convocatoria das eleccións ata 2 días hábiles despois da publicación do censo definitivo. Esta solicitude deberá facerse persoalmente, mediante correo certificado, burofax ou por calquera outro medio validamente admitido en dereito que deixe constancia da solicitude.

3. Recibida pola xunta electoral a solicitude referida no punto anterior, comprobará a inscrición no censo definitivo do solicitante, e realizará no caso de estar inscrito a anotación correspondente no censo e estenderá un certificado de autorización do voto por correo.

O certificado a que se refire o parágrafo anterior deberá reflectir o nome do elector, o estamento polo cal se solicita o exercicio do voto, así como un espazo en branco que deberá ser asinado polo elector previamente ao envío do voto á Secretaría Xeral para o Deporte.

A xunta electoral deberá remitir este certificado dentro dos 2 días hábiles seguintes á proclamación definitiva dos candidatos, remitíndollo aos solicitantes por correo certificado urxente e con xustificante de recepción ao enderezo postal sinalado polo interesado na súa solicitude. Igualmente, enviaráselle unha papeleta de votación en branco e o sobre de votación oficiais, xunto coa relación definitiva de todas as candidaturas presentadas ordenadas alfabeticamente.

A listaxe de persoas autorizadas para o exercicio do voto por correo deberase remitir á Secretaría Xeral para o Deporte, e publicarase ademais nas páxinas web das respectivas federacións, e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte no caso de que estas non dispuxesen deste servizo.

4. O elector introducirá a papeleta de voto no sobre da votación e pecharao. Incluirá este sobre de votación, xunto ao certificado emitido pola xunta electoral en que se autoriza o voto por correo, asinado polo emisor do voto e a copia do DNI, nun sobre de maior tamaño que os anteriores que remitirá á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa custodia, por correo certificado urxente, consignará no anverso e reverso del os seguintes datos:

Anverso:

Secretaría Xeral para o Deporte.

Estadio Multiusos de San Lázaro, porta 4.

15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Eleccións á Asemblea Xeral da Federación Galega de (nome correspondente).

Reverso:

Nome e apelidos do remitente.

Estamento de (consignarase o correspondente).

Modalidade ou especialidade de (a correspondente, de ser o caso).

5. A presentación dos votos nas oficinas de correos deberá realizarse con 6 días hábiles de antelación á data de realización das eleccións, mediante envío por correo certificado urxente e non serán admitidos os sobres depositados con data posterior. A Secretaría Xeral para o Deporte custodiará os votos emitidos, que serán postos á disposición da mesa electoral o día da votación, xunto cunha relación nominal dos mesmos, co fin de que, con posterioridade ao peche da votación presencial, os membros da mesa electoral poidan abrilos e, tras comprobar a súa regularidade, depositar cada voto na urna correspondente para incorporalo ao escrutinio.

6. Prevalecerá o voto persoal sobre o voto emitido por correo no caso de concorrencia de ambos.

Artigo 15º.-Presentación de candidaturas a presidente.

1. De conformidade e nos prazos establecidos no regulamento electoral, poderá presentar candidatura a presidente da federación calquera persoa física membro da asemblea xeral que teña a condición política de galego, maior de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís, que non incorrese en ningunha sanción deportiva que o inhabilite e que non estea inhabilitado para o desempeño dun cargo público por sentenza xudicial firme. A persoa que resulte elixida como presidente terá que cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación galega correspondente.

Se algún membro da comisión xestora presentase a súa candidatura á presidencia, deberá cesar naquela.

O presidente saínte da federación será membro da nova asemblea xeral. Esta condición perderase nos casos de non presentar candidatura á presidencia ou, de téndoa presentado, non resultase elixido.

2. A presentación de candidaturas farase na sede oficial da federación, nas súas delegacións ou calquera outro lugar que fixe o regulamento electoral, mediante escrito dirixido á xunta electoral, facendo constar a condición de membro de pleno dereito da asemblea xeral.

3. Finalizado o prazo de presentación de candidaturas, a xunta electoral exporá a listaxe provisional de candidatos a presidente no taboleiro de anuncios da federación así como na súa páxina web, ou na da Secretaría Xeral para o Deporte, no caso de non existir aquela. Pódense presentar impugnacións a esta no prazo definido no regulamento electoral e, como mínimo, será de 2 días hábiles. As impugnacións serán resoltas pola xunta electoral no prazo máximo dos 2 días hábiles seguintes.

4. A xunta electoral publicará no día seguinte hábil, seguindo os medios reflectidos no punto anterior, a lista definitiva de candidatos á presidencia.

Artigo 16º.-Elección do presidente.

1. No día e hora fixados na convocatoria correspondente, constituirase a asemblea xeral en primeira ou segunda convocatoria tendo como únicos puntos da orde do día a elección a presidente e a membros da comisión delegada. O presidente da federación será elixido mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos membros da asemblea xeral presentes no momento da elección.

2. Na votación á elección de presidente non se admitirá o voto por correo nin a delegación de voto. A representación dos clubs realizarase conforme o establecido no artigo 9 parágrafo quinto, e non se admitira que unha persoa posúa a representación de máis dun club.

3. Comezada a sesión e constituída a mesa electoral, o presidente presentará os candidatos, e iniciará, a seguir, o proceso de votación.

4. A continuación, se así se prevé no regulamento electoral, os candidatos exporán os seus programas, e procederase posteriormente á votación en urna para a elección do presidente, que será secreta.

5. A xunta electoral determinará o modelo de papeleta. Cada membro da asemblea só poderá votar a un candidato.

6. O proceso de votación está formado por un máximo de tres votacións.

6.a. Na primeira votación son elixibles todos os candidatos da listaxe definitiva. Aqueles que obteñan un mínimo do 10% dos votos dos membros presentes pasarán á seguinte votación. No suposto en que ningún candidato acade o 10% dos votos pasarán á seguinte votación aqueles dous candidatos que conten cun maior número de votos. No suposto en que soamente sexa un candidato o que obteña o 10% dos votos, pasará tamén á seguinte votación o seguinte candidato en número de votos. De acadarse por algún candidato a maioría absoluta dos votos, nesa primeira votación, será proclamado presidente.

6.b. Na segunda votación soamente serán elixibles aqueles que, como xa está exposto e coas excepcións establecidas, obtivesen polo menos o 10% dos votos dos membros presentes. Será elixido presidente o candidato que nesta fase obteña a maioría absoluta dos votos.

6.c. No caso de que na votación anterior ningún candidato obteña a maioría absoluta, procederase a unha nova votación entre os dous máis votados, no prazo establecido no regulamento electoral, e resultará elixido o que obteña maioría de votos.

7. Terminada cada unha das votacións realizadas, a mesa electoral procederá á contaxe de votos e levantará a oportuna acta.

8. No caso de existiren soamente dous candidatos, resultará elixido o que obteña a maioría simple dos votos. O regulamento electoral de cada federación deberá establecer o procedemento de desempate.

9. No caso de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación.

10. Se non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas, a comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións a presidente no prazo máximo de 3 meses.

11. Rematada a elección, a acta do resultado desta será remitida á xunta electoral. Transcorridos os prazos de presentación de posibles recursos e resoltos estes, a xunta electoral proclamará presidente o candidato máis votado e comunicará os resultados á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de 10 días.

12. Unha vez proclamado definitivamente o novo presidente, a comisión xestora deberá poñer á disposición deste no prazo máximo de 5 días hábiles, contados desde a proclamación definitiva, toda a documentación relativa á federación, e levantará acta da documentación entregada e remitialle copia desta á Secretaría Xeral para o Deporte.

13. Tras a súa proclamación o presidente designará os demais órganos e comités de acordo cos estatutos da federación, debendo comunicarlle a súa composición á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de 10 días hábiles, dende o seu nomeamento.

Artigo 17º.-Elección de membros da comisión delegada.

A comisión delegada será elixida entre e pola asemblea xeral mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre os seus membros. O seu mandado coincidirá co da asemblea xeral. Será presidida polo presidente da federación como membro nato desta.

O número de membros da comisión delegada, así como o procedemento de elección, será o fixado polo regulamento electoral da federación. A composición da comisión delegada non poderá ser menor de cinco nin superior a quince membros, e deberán estar obrigatoriamente representados todos os estamentos, respectándose a proporcionalidade da asemblea xeral.

Artigo 18º.-Recurso ante a xunta electoral.

O coñecemento de todos os recursos que se poidan formular na materia electoral corresponde á xunta electoral, e serán todas as súas resolucións impugnables ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. Están lexitimados para interpoñer estes recursos os representantes das candidaturas ou as persoas ou entidades debidamente afectadas polos acordos da xunta electoral.

Os recursos ante a xunta electoral serán presentados, persoalmente ou por calquera medio que acredite fidedignamente en dereito a presentación do escrito (burofax, correo certificado, telegrama…), na sede federativa mediante escrito dirixido ao presidente da xunta electoral.

Os prazos para a presentación destes recursos, así como os de resolución da xunta electoral, serán os fixados no regulamento electoral, e respectaranse en todo caso os establecidos nesta norma.

Artigo 19º.-Recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

1. Contra os acordos e resolucións das xuntas electorais procederá recurso electoral ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, e as resolucións deste poñerán fin á vía administrativa.

Están lexitimados para interpoñer este recurso os representantes das candidaturas ou as persoas ou entidades debidamente afectadas polos acordos da xunta electoral.

2. Os prazos para formalizaren estes recursos estableceranse no regulamento electoral e serán de dous días hábiles como mínimo desde o seguinte ao da notificación do acordo expreso da correspondente xunta electoral ou do seguinte a aquel en que rematou o prazo de resolución de reclamacións segundo o calendario electoral.

3. O escrito de interposición do recurso deberá expresar:

a) Nome, DNI e domicilio da persoa física ou denominación e enderezo social dos entes asociativos interesados, incluíndo neste último caso o nome do seu representante legal.

b) Se é o caso, o nome, DNI e enderezo do representante do interesado, que poderá acreditar a súa representación, ademais de polos medios legais procedentes, a través de comparecencia ante a Secretaría do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

c) Lexitimación para interpoñer o recurso.

d) O acto contra o que se recorre e a razón da súa impugnación.

e) As consideracións de feito e de dereito en que baseen as súas pretensións, así como as propostas de proba que ofrezan en relación con aquelas.

f) As pretensións que deduzan de tales consideracións.

g) Lugar, data e sinatura.

Artigo 20º.-Incumprimento das disposicións da orde.

O incumprimento das disposicións establecidas nesta orde dará lugar á aplicación das sancións establecidas no título VII da Lei 11/1997, xeral do deporte de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-O mes de agosto non se considera hábil para os efectos de presentación de candidaturas e de celebración de votacións. Ademais, consideraranse días hábiles para os efectos desta orde os dos concellos onde se localice a sede federativa.

Segunda.-As federacións adecuarán os seus respectivos estatutos ás disposicións contidas nesta orde antes de iniciar o proceso electoral correspondente ao actual período.

Terceira.-Os procesos electorais das federacións que nunca realizasen eleccións rexeranse polas regras establecidas nesta orde coas seguintes particularidades:

1. O regulamento electoral a que se refire o artigo 3 desta orde poderá ser elaborado e aprobado pola xunta directiva existente na federación como órgano provisional de goberno, e presentarase igualmente á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa ratificación.

2. Para ser elector ou elixible no caso de estamentos constituídos por persoas físicas exixirase ter licenza federativa en vigor desde o 1 de xaneiro do ano anterior á data de realición das eleccións. Naquelas federacións en que non se poida cumprir este suposto bastará con posuír licenza na data de convocatoria das eleccións. En todo caso serán de aplicación os restantes requisitos de idade e participación en competicións exixidos no artigo 8.1º a) desta orde.

3. Para ser elector ou elixible no estamento de clubs exixirase estar inscrito no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia e ter participado en competicións deportivas ou desenvolvido outro tipo de actividades deportivas, no caso das federacións en que as actividades deportivas máis relevantes non sexan actividades competitivas, no ano de convocatoria das eleccións, así como no ano inmediatamente anterior no caso das federacións que estivesen xa constituídas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 28 de xullo de 1995 pola que se desenvolve o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas no tocante ao réxime electoral que se opoña ao establecido nesta orde, a Orde de 3 de abril de 2006 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza