DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 06 de setembro de 2010 Páx. 15.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2010 pola que se convocan dous cursos sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos sobre primeiros auxilios e excarceración, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: primeiros auxilios e excarceración.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 40.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar o persoal do sistema integrado de protección civil de Galicia, a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, da formación necesaria para o exercicio da súa función conforme o establecido no artigo 46 desta lei.

Contido:

Neste curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranoencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de vítimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: os cursos van dirixidos aos profesionais e voluntarios dos servizos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia. Deberán ter realizado o curso de accidentes en estradas antes da data de inicio do curso.

Prazas ofertadas: 27.

3. Solicitudes de participación.

Presentación de solicitudes: para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da AGASP http://agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, e remitirana telematicamente. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazo de inscrición: o prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á AGASP, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23. Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da AGASP).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: mañá e tarde.

Datas: mes de novembro.

Exixencias: os cursos van dirixidos aos membros dos servizos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente teñan superado o curso de accidentes na estrada antes da data de inicio do curso. Terán prioridade os membros dos servizos de protección civil que dispoñan de equipos de excarceración.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da AGASP, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro de 2009).

6. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de agosto de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Pública