DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 03 de setembro de 2010 Páx. 15.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2010 pola que se convoca un curso sobre monitores de formación en educación viaria.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre monitores de formación en educación viaria, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: curso de monitores de formación en educación viaria.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 16.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: conseguir que nos concellos que non contan con corpo de policía local, ou naqueles en que, existindo ese corpo, polo reducido do seu número de membros, non se pode prestar a necesaria atención á educación viaria dos escolares, poderíase levar a cabo esa tarefa por parte do persoal de protección civil.

Para iso é necesario introducir na formación deste colectivo uns novos conceptos que inicialmente se atopan máis afastados da súa actividade habitual, pero que non deixan de ser outra forma de protexer os cidadáns.

-Coñecer e comprender as xeneralidades do comportamento e pensamento dos escolares na etapa de educación primaria.

-Recordar os preceptos normativos básicos que rexen a circulación de peóns, ciclistas e viaxeiros, así como as recomendacións de seguridade viaria nesas situacións.

-Coñecer os recursos e actividades pedagóxicas que se poden utilizar nas sesións de educación viaria, así como algunhas experiencias xa postas en marcha.

Contido:

No curso trataranse os seguintes temas:

-A seguridade viaria e a educación viaria. Os recursos pedagóxicos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

-Os alumnos de educación primaria: a etapa de 3 a 6 anos. A etapa de 7 a 10 anos.

-A circulación de peóns: normas e medidas de seguridade viaria.

-A circulación de ciclistas: normas e medidas de seguridade viaria.

-Os viaxeiros no transporte público: normas e medidas de seguridade viaria.

-Os sinais de circulación: do persoal de protección civil e sinais verticais.

-O cinto de seguridade e o casco: normas e medidas de seguridade viaria.

-Planificación dunha actividade formativa. Distribución das áreas temáticas por grupos de traballo: o neno como peón, o neno como usuario de vehículo privado, o neno como usuario do transporte público, o neno como ciclista.

-Visualización dunha sesión real. A súa análise.

-Realización e análise dos traballos dos grupos nas distintas temáticas. Simulacións.

-Realización dunha clase.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: responsables de protección civil e membros dos servizos de emerxencias e protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente teñan superado o curso de accidentes na estrada.

Prazas ofertadas: 27.

3. Solicitudes de participación.

Presentación de solicitudes: para inscribirse ,os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da AGASP http://agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, e non serán admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente. Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazo de inscrición: o prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á AGASP, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23. Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da AGASP).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: mañá e tarde.

Datas: mes de outubro.

Exixencias: o curso vai dirixido aos responsables das unidades de protección civil e aos membros dos servizos de emerxencias e protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente teñan superado o curso de accidentes na estrada.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da AGASP, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

6. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de agosto de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública