DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 01 de setembro de 2010 Páx. 15.325

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 23 de agosto de 2010 pola que se aproba o Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Os artigos 7 e 8 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ocúpanse da Comisión de Goberno do Issga como órgano de dirección e xestión do instituto e o segundo dos artigos, entre as funcións da comisión, sinala a de elaborar o seu propio regulamento orgánico de funcionamento.

De igual xeito, o Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, regula no seu artigo 4 a Comisión de Goberno como máximo órgano de dirección do instituto e establece novamente que lle corresponde á comisión elaborar o seu propio regulamento orgánico de funcionamento.

A constitución efectiva da Comisión de Goberno tivo lugar o 25 de setembro de 2008. Despois do tempo transcorrido e despois da análise en diferentes reunións da Comisión de Goberno, faise necesario aprobar as normas que rexen o seu funcionamento.

Para reforzar a transparencia no seu funcionamento recóllense as competencias do/a presidente/a da comisión e do/a secretario/a, os dereitos e deberes dos membros da comisión, o réxime de constitución e reunións, así como o de adopción de acordos, o contido das actas e a posibilidade de creación de grupos de traballo, ben que asentada en criterios de excepcionalidade.

A Comisión de Goberno, en sesión que tivo lugar o 4 de maio de 2010, e en uso das facultades establecidas nos artigos mencionados, acordou elevar á Consellería de Traballo e Benestar, para a súa aprobación, o Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

En virtude do sinalado e por proposta da Comisión de Goberno do Issga,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar o Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), que se insire a continuación.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión

de Goberno do Instituto Galego de Seguridade

e Saúde Laboral

Artigo 1º.-A Comisión de Goberno. Natureza.

1. A Comisión de Goberno é o máximo órgano de dirección do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Os seus membros, agás os designados por razón do seu cargo, serán nomeados por orde da persoa titular da consellería competente en materia de traballo, por proposta das consellerías e das organizacións empresariais e sindicais.

Artigo 2º.-Funcións.

As funcións da Comisión de Goberno son as establecidas no artigo 8 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, isto é:

a) Establecer os criterios xerais de actuación en materia de seguridade e saúde laboral na Comunidade Autónoma, en virtude das políticas, dos programas e dos plans que estableza o Consello da Xunta de Galicia.

b) Establecer as liñas xerais de actuación do Instituto e aprobar o plan anual de actividades.

c) Aprobar o anteproxecto de orzamento anual.

d) Elaborar o seu propio regulamento orgánico de funcionamento.

Artigo 3º.-Composición.

A Comisión de Goberno do instituto estará integrada polos membros establecidos no artigo 7 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 4º.-O/a presidente/a da Comisión.

Correspóndelle ao/á presidente/a da Comisión de Goberno:

a) Presidir as sesións, moderar e ordenar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas con suficiente antelación.

c) Exercer a representación da Comisión.

d) Dirimir co seu voto os empates.

e) Velar polo cumprimento e a execución dos acordos adoptados.

f) Dar conta, de ser o caso, aos departamentos da Xunta de Galicia dos acordos adoptados pola Comisión.

h) Adoptar todas as decisións e as medidas que requira a organización do traballo da Comisión.

i) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da Comisión.

Artigo 5º.-Membros da Comisión de Goberno.

1. Os membros da Comisión de Goberno, no exercicio das súas funcións, teñen dereito a:

a) Recibir, xunto coa convocatoria coa orde do día das reunións, a información sobre os temas que figuren nela.

b) Participar nos debates das sesións. Neste sentido calquera membro terá dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta sempre que achegue no acto, ou no prazo que sinale o/a presidente/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a aquela.

c) Votar e explicar o sentido do seu voto. Así mesmo, cando un dos membros discrepe dun acordo maioritario poderá formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ao texto aprobado.

d) Solicitar, a través da secretaría, os datos e documentos que, non estando en posesión da Comisión de Goberno, sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.

e) Proceder á rolda de intervencións libres.

2. Os membros da Comisión de Goberno teñen o deber de:

a) Asistir ás sesións, salvo en caso de forza maior ou outra causa xustificada. A ausencia será comunicada por escrito coa debida antelación ao/á presidente/a a través do/a secretario/a da Comisión.

b) Gardar reserva en relación coas actuacións da Comisión que, por decisión desta, se declaren reservadas ou a súa propia natureza así o aconselle.

3. Se un membro da Comisión estivese ausente máis de tres sesións consecutivas sen causa xustificada, o/a presidente/a poderá invitar o/a interesado/a a xustificar a súa ausencia e, en caso de non o fixese, pedir ás organizacións de procedencia que consideren a oportunidade de propoñer a súa substitución.

4. O cargo de membro da Comisión non será retribuído, sen prexuízo da percepción das indemnizacións económicas que procedesen por asistencia.

5. Os membros da Comisión de Goberno disporán dos medios necesarios para o exercicio da súa función.

Artigo 6º.-O/a secretario/a da Comisión de Goberno.

1. Corresponderanlle ao/á secretario/a as seguintes funcións:

a) Efectuar a convocatoria das sesións por orde do/a presidente/a, así como as citacións aos seus membros.

b) Recibir os actos de comunicación dos membros coa Comisión de Goberno e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales aquela deba ter coñecemento.

c) Preparar as sesións, así como redactar e autorizar, co visto e prace do/a presidente/a, as súas actas.

d) Manter e custodiar o libro de actas.

e) Realizar o seguimento dos acordos da Comisión.

f) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

g) Dar apoio administrativo á Comisión.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a ou lle sexan expresamente delegadas.

Artigo 7º.-Constitución e reunións.

1. Para a válida constitución da Comisión de Goberno, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do/a presidente/a e do/a secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os substitúan, e da maioría absoluta, polo menos, dos seus membros, en primeira e en segunda convocatoria.

Non existirá substitución dos membros da Comisión agás no caso do presidente/a, que pode ser suplido/a polo membro da Comisión que designe.

O secretario/a pode ser substituído/a pola persoa designada como substituta na orde de nomeamento correspondente.

2. A Comisión reunirase en sesión ordinaria, polo menos, unha vez cada tres meses e en sesión extraordinaria ou de urxencia sempre que a convoque a Presidencia, por propia iniciativa ou por petición da maioría absoluta dos seus membros. A solicitude de convocatoria extraordinaria ou de urxencia deberá incluír o razoamento da dita solicitude, a proposta da orde do día e a relación dos solicitantes se se convoca a Comisión por este sistema.

Artigo 8º.-Convocatoria das sesións.

1. O/a presidente/a convocará, a través do/a secretario/a, a totalidade dos membros da Comisión cunha antelación mínima de 7 días hábiles no caso de sesión ordinaria e extraordinaria e corenta e oito horas no caso de convocatoria de urxencia.

2. A notificación, que se referirá á primeira e segunda convocatoria achegará a orde do día e demais documentación relativa aos asuntos nela incluídos, en soporte papel e/ou vía telemática. A segunda convocatoria preverase con, polo menos, quince minutos de marxe respecto á primeira.

3. Salvo que, expresamente e por escrito, algún dos vogais sinale outro domicilio, e así o acepte o/a presidente/a, as convocatorias notificaranse no enderezo oficial correspondente á organización ou organismo representado na Comisión.

Artigo 9º.-Orde do día.

1. A orde do día será formulada pola presidencia da Comisión de Goberno e incluirá os asuntos que ela mesma propoña e aqueles cuxa introdución propoñan os seus membros, tanto para a realización das sesións ordinarias coma na solicitude de convocatoria de sesións extraordinarias.

A proposta de inclusión de asuntos na orde do día deberá facerse por escrito coa antelación suficiente.

A orde do día será remitida polo/a secretario/a a todos os membros da Comisión de Goberno xunto coa convocatoria da sesión.

Artigo 10º.-Adopción de acordos.

1. Os acordos da Comisión de Goberno adoptaranse por maioría simple, entendendo por esta a maioría dos membros presentes, sempre que o órgano estea validamente constituído.

As votacións serán individualizadas respecto de cada cuestión obxecto desta. En caso de empate decidirá o voto de calidade do/a presidente/a.

2. Os membros que discrepen dos acordos adoptados poderán formular o seu voto particular de acordo co establecido no artigo 5.1.c, expresando o seu parecer sobre a cuestión formulada que, en todo caso, deberá constar xunto co acordo adoptado.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou de acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que por parte de todos os membros da comisión presentes sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da unanimidade deles.

4. Cando os membros da Comisión voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivar dos acordos.

Artigo 11º.-Actas.

1. De cada sesión que realice a Comisión de Goberno, o/a secretario/a redactará, despois de cada sesión, unha acta na cal fará constar:

a) A indicación das persoas que asistiron, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e a data en que se realizou, os puntos principais de deliberación, a forma e o resultado da votación e o contido dos acordos adoptados.

b) As manifestacións sintetizadas de cada unha das diferentes representacións, incluídos os votos particulares dos membros que discrepen dos acordos adoptados, os cales se incorporarán aos ditos acordos nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) A hora de finalización da sesión.

2. Cando non se realice a sesión por calquera motivo, o/a secretario/a farao constar mediante dilixencia coa súa sinatura e a do/a presidente/a, na cal se farán constar as causas polas cales non se realizou e, se é necesario, o nome dos asistentes e dos que se escusaron.

3. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión e autorizaraas o/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a. Non obstante, o/a secretario/a poderá emitir informe sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

4. As actas, unha vez aprobadas e autorizadas, incorporaranse ao libro de actas.

Artigo 12º.-Grupos de traballo.

1. Poderanse crear grupos de traballo por acordo da Comisión de Goberno adoptado por maioría simple dos seus membros, no cal se definirán os seus obxectivos, as súas funcións, a composición e a súa duración temporal, de ser o caso.

2. A existencia dos grupos de traballo mencionados estará fundamentada en criterios de excepcionalidade. Conformaranos persoas expertas que poderán ser membros da propia Comisión. O número total de representantes e/ou de persoas expertas deberá ser acordado por maioría simple no seo da Comisión.

3. A finalidade destes grupos de traballo será o desenvolvemento de investigacións e análises específicas en materia de seguridade e saúde laboral que a Comisión de Goberno considere oportunas para optimizar os fins que deba realizar o organismo.

4. No desenvolvemento da súa actividade serán coordinados en xeral polo/a director/a do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, a través do persoal do instituto que proceda.

5. O/a secretario/a da Comisión de Goberno elevará a esta, para o seu coñecemento e adopción de acordos, de ser o caso, o informe de actuación dos grupos de traballo .

Artigo 13º.-Réxime xurídico.

No non previsto neste regulamento será de aplicación o establecido para os órganos colexiados no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Reforma.

A iniciativa de reforma do regulamento realizarase por instancia do/a presidente/a ou dun terzo dos membros da Comisión de Goberno. A reforma deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros da Comisión de Goberno.