DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 31 de agosto de 2010 Páx. 15.287

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de agosto de 2010 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario que cambien de idioma de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, destinadas ao alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos en 3º e 4º de educación primaria e en educación secundaria obrigatoria no curso escolar 2010/2011.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo) establece, no seu artigo 1, que todos os españois teñen dereito a unha educación que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio) establece no seu artigo 4, que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas. Así mesmo, no seu artigo 83 recolle o establecemento de bolsas e axudas ao estudo para garantir a igualdade no exercicio do dereito á educación.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Unha vez implantado o programa de préstamo de libros de texto en todo o ensino obrigatorio, foi preciso revisalo e adaptalo á realidade social. Así pois, á vista da conxuntura económica actual, no curso escolar 2009/2010 resultou necesario facer unha reforma do sistema de xeito que se beneficien da gratuidade as familias con menos recursos.

Neste sentido, e en consonancia coa política de austeridade do goberno da Xunta de Galicia, regulouse o programa de axudas para 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria, así como para educación especial. A actuación realizouse nestes cursos pois en 1º e 2º de educación primaria e en educación especial os libros repóñense na súa totalidade todos os anos, e en 5º e 6º de educación primaria foi necesario repoñelos xa que, de acordo co Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, no curso pasado implantáronse, con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes ao terceiro ciclo de educación primaria.

Por outro lado, a aplicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, leva consigo que algunhas materias cambien a lingua en que se imparten, e a teor do disposto no seu artigo 11, que establece que os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia, faise preciso a substitución destes.

En coherencia coa política desta consellería relativa á implantación dun sistema de axudas en función da renda per cápita familiar, e para que a aplicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, non lles supoña un esforzo económico ás familias con menos recursos, esta consellería en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 24 de xuño),

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria e procedemento.

O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario que cambien de idioma de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, destinadas ao alumnado matriculado en 3º e 4º de educación primaria e nos catro cursos de educación secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2010/2011.

Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado en 3º ou 4º de educación primaria ou en 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o curso escolar 2010/2011.

b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o anexo I desta orde, entregaranse en centros docentes en que estea matriculado o alumnado, segundo se indica a seguir. Presentarase unha solicitude por alumno/a matriculado/a, polo que se un solicitante ten varios fillos matriculados nas ensinanzas e cursos obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude por cada un deles.

2. As axudas serán solicitadas polos pais, as nais, os titores ou os representantes legais do alumnado.

3. O prazo de presentación de instancias será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. O centro poderá proceder á introdución da información na aplicación informática mediante dous procedementos distintos:

a) Recuperando a información da matrícula do alumno/a no sistema XADE. Neste caso o sistema recuperará os datos asociados ao NIF/NIE do solicitante existentes en XADE e deberá completarse cos datos indicados polo solicitante na súa instancia.

b) Iniciando unha solicitude nova en branco e cubrindo todos os datos indicados na instancia.

En todo caso, o centro tramitador deberá completar toda a información requirida polo sistema segundo os datos indicados polo solicitante na súa instancia e comprobar que a documentación estea completa.

O centro tamén deberá indicar o número de libros que como consecuencia da aplicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, cambian de idioma de acordo coas materias que curse cada alumno/a.

As solicitudes, así como a documentación presentada polos solicitantes, deberán quedar debidamente arquivadas no centro.

5. Unha vez que unha solicitude estea introducida no sistema, este permitirá ao centro educativo a xeración dun vale, segundo o modelo establecido como anexo II desta orde, que despois da sinatura do director e selo do centro, será entregado ao solicitante. Só se debe entregar un vale por alumno.

6. Transcorrido o prazo de 3 meses desde o día seguinte ao da presentación da solicitude sen que se poña á disposición do solicitante o correspondente vale, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co artigo 44.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os efectos de interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso

administrativa.

7. Os centros docentes asesorarán os interesados para que cubran as solicitudes correctamente en todos os seus puntos e acheguen a documentación exixida por esta orde.

8. Os centros concertados, que actúan como entidades colaboradoras na xestión das axudas, terán que asinar o anexo III, e quedarán suxeitos ao establecido nesta orde. Este anexo será arquivado no centro xunto coas solicitudes.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas que desexen optar á axuda deberán presentar a solicitude segundo o anexo I desta orde. As instancias poderán obterse nos centros, nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e tamén se poderán descargar en formato pdf do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es, epígrafe de gratuidade solidaria de libros de texto-plurilingüismo.

Unha vez cuberta a solicitude deberán presentala, xunto coa documentación, segundo se indica no artigo 3 desta orde. A solicitude deberá ser asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado excepto nos supostos de separación ou divorcio en que poderá ser asinada unicamente polo proxenitor que teña a custodia do menor. Todo iso sen prexuízo da sinatura por parte do resto de membros da unidade familiar computables para os efectos de renda que sexan maiores de idade.

A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a impresión da solicitude unha vez introducidos os datos.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar.

Só no caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar, o día 31 de decembro de 2008, non coincide coa reflectida no libro terá que presentarse documento ou documentos que acrediten os membros da unidade familiar, tales como:

1.-Orixinal ou copia compulsada da sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do menor.

2.-Orixinal ou copia compulsada do certificado de empadroamento da unidade familiar.

3.-Orixinal ou copia compulsada de certificado ou informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia, que acredite a situación familiar.

b) No caso de discapacidade do/a alumno/a, do solicitante ou dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude deberá xuntarse copia compulsada dun dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia o 31 de decembro de 2008:

1.-Certificado emitido polo órgano competente do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%,

2.-Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou gran invalidez, ou

3.-Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

4.-A documentación que se presente deberá ter validez na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir dos solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboará as axudas para o alumnado solicitante matriculado en 3º e 4º de primaria ou en calquera dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria que reúna os requisitos previstos nesta orde, nos seguintes importes por libro, alumno/a e curso segundo a renda per cápita familiar no ano 2008:

Educación primaria:

* Familias monoparentais:

-Renda per cápita familiar ata 6.000,00 €: 25 € por libro.

-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 €: 15 € por libro.

* Resto das familias:

-Renda per cápita familiar ata 5.400,00 €: 25 € por libro.

-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 €: 15 € por libro.

Educación secundaria obrigatoria:

* Familias monoparentais:

-Renda per cápita familiar ata 6.000,00 €: 30 € por libro.

-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 €: 17 € por libro.

* Resto das familias:

-Renda per cápita familiar ata 5.400,00 €: 30 € por libro.

-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 €: 17 € por libro.

No caso de que nunha mesma familia haxa varios alumnos que cumpran os requisitos desta orde, cada un deles recibirá a contía que lle corresponda segundo o establecido nesta convocatoria.

Artigo 6º.-Renda per cápita familiar.

1. Enténdese por renda per cápita familiar, a renda familiar dividida entre o número de membros da unidade familiar computables.

2. Para os efectos do cálculo da renda per cápita, computarán por dous os membros da unidade familiar (pai, nai, alumno e irmáns) que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que demostren a percepción dunha pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou que teñan recoñecida a condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

3. Nesta convocatoria terase en conta a situación familiar e persoal en 31 de decembro de 2008 e o exercicio fiscal 2008 para os efectos de determinar a renda per cápita familiar.

4. A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade familiar que presentasen declaración do imposto sobre a renda de 2008, para os efectos do cálculo da renda familiar sumarán os recadros 455 (base impoñible xeral) e a 465 (base impoñible do aforro) da declaración.

5. Respecto do solicitante, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para comprobar a través da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda a veracidade dos datos de carácter tributario declarados na solicitude, sendo necesaria tamén a autorización do resto dos membros computables da unidade familiar que obteñan ingresos, que deberán asinar para tal fin o anexo I e indicar o seu NIF/NIE.

6. Para a acreditación dos datos de carácter persoal que figuren no documento de identidade, os interesados prestan o seu consentimento expreso para a comprobación por medio de acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas, e para tal fin asinan o anexo I.

7. Coa sinatura da instancia o solicitante declara baixo xuramento que reúne o requisito de ingresos da unidade familiar que fai constar nesta, e queda sometido ao réxime de infraccións e sancións a que se refire a disposición adicional terceira desta orde.

8. No caso de familias monoparentais en que conviva un só proxenitor ou titor co alumno/a, deberá acreditarse documentalmente esta circunstancia. No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel que non conviva co alumno/a. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, e as rendas incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

Artigo 7º.-Determinación da unidade familiar.

1. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar en 31 de decembro de 2008, considérase que conforman a unidade familiar:

-Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.

-Os fillos menores de idade, con excepción dos emancipados.

-Os fillos maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

-Os fillos solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar.

2. Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior. No caso de que non exista convivencia, deberá acreditarse documentalmente mediante o correspondente certificado de empadroamento.

3. No caso de falecemento dalgún dos proxenitores do alumno/a que convivisen con el, acreditarase mediante certificado de defunción.

4. A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que a determine ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.

5. No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do computo da renda familiar.

6. En casos especiais, nos cales a unidade familiar non estea conformada do xeito establecido no punto 1 deste artigo, deberá achegarse certificado de empadroamento en que figure o alumno/a polo que se solicita a bolsa e todos os familiares que convivan con el, así como certificado dos servizos sociais do municipio que acredite tal extremo.

7. Nos supostos en que o solicitante da axuda sexa un menor en situación de acollemento, será de aplicación á familia de acollida o disposto nos parágrafos anteriores.

8. Para os menores que se atopen en situación de garda, tutela ou atención de día pola Xunta de Galicia, a solicitude poderá ser formulada polo/a director/a do centro de menores correspondente. Neste caso o alumnado recibirá a axuda máxima, non sendo necesaria a acreditación de datos da unidade familiar nin do nivel de renda.

Artigo 8º.-Tramitación das solicitudes.

1. Recibidas as solicitudes, o centro docente en que o/a alumno/a estea matriculado procederá a completar os datos recollidos, de ser o caso, do sistema XADE.

Unha vez que a solicitude estea introducida na aplicación informática, esta adxudicaralle un código único. Despois da súa validación, permitiralle ao persoal do centro educativo a xeración dun vale, segundo o anexo II, que, despois de ser selado e asinado pola dirección do centro, será entregado ao solicitante.

O sistema gardará constancia da xeración do vale, indicando a data de xeración e marcando a solicitude como concedida.

No suposto de que o persoal do centro despois de entregar un vale observe algún erro, deberá poñerse en contacto co solicitante para requirirlle o vale, unha vez recuperado este, poderá dar de baixa a solicitude, o que supón a anulación do vale, e cubrir unha nova para xerar outro vale cos datos correctos.

As solicitudes serán arquivadas nos centros educativos á disposición das comprobacións que poidan realizarse segundo se indica no artigo 16 desta orde.

Correspóndenlle á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as funcións de órgano instrutor do procedemento.

Artigo 9º.-Emenda de solicitudes.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non estean correctamente cubertas ou non acheguen os documentos preceptivos, o centro docente requirirá o interesado/a para que, nun prazo de dez días, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei. Ademais da notificación individualizada, publicarase no taboleiro de anuncios do centro educativo a relación de solicitudes pendentes de emendar con indicación das deficiencias ou documentación de que carecen.

Artigo 10º.-Adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico complementario.

1. Unha vez que o solicitante estea en posesión do correspondente vale, poderá adquirir os libros de texto e material escolar no establecemento que libremente decida e polo importe máximo que figura no documento.

O solicitante deberá asinar o vale no momento da recepción do material, dando a súa conformidade aos libros e material escolar entregado, así como, se é o caso, ao importe indicado polo establecemento no recadro establecido para tal efecto.

Unha vez entregados os libros e material escolar ao solicitante, o establecemento quedará en posesión do correspondente vale.

2. En todo caso, os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe total de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.

Artigo 11.-Presentación das facturas.

1. Os establecementos presentarán unha ou varias facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da súa provincia. As facturas que presenten as librarías deben estar emitidas ao CIF da Xunta de Galicia: S1511001H, e deben ir dirixidas ás xefaturas territoriais de Educación e Ordenación Universitaria da provincia onde estea situado o establecemento.

Os enderezos das xefaturas territoriais de cada provincia son:

-Xefatura Territorial de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña

Praza Luís Seoane, s/n

15008 A Coruña

-Xefatura Territorial de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo

Rolda da Muralla, 70

27071 Lugo

-Xefatura Territorial de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense

Rúa do Concello, 11

32003 Ourense

-Xefatura Territorial de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra

Rúa Fernández Ladreda, 43-7º e 8º

36003 Pontevedra

2. En cada factura deberán figurar, polo menos, os seguintes datos:

-O CIF, NIF ou NIE do titular do establecemento.

-O nome do titular do establecemento (empresa/apelidos e nome).

-Os datos do establecemento (denominación comercial, enderezo completo, concello e provincia).

-A data da factura.

-O número de factura.

-A relación de todos os códigos de vale que se facturen.

-O importe total dos vales facturados.

3. Os vales deben ir grampados coa factura na mesma orde en que se relacionaron.

Os vales deben ser orixinais e ter as sinaturas do director do centro, do responsable da libraría e do pai/nai/titor do alumno. Non se aceptan vales fotocopiados, nin os que carezan dalgunha das sinaturas indicadas.

O importe da factura debe coincidir coa suma dos importes dos vales que leve grampados (debe terse en conta que nalgún caso o importe gastado pode ser inferior ao total do vale).

-Se o importe dos libros e material escolar é superior ao do vale a diferenza debe ser aboada polo pai/nai/titor do alumno. A consellería non asume máis que o importe consignado no vale.

-Se o importe dos libros e material escolar é inferior ao do vale, o libreiro fará constar no espazo establecido para efecto no vale o importe efectivamente gastado e consecuentemente incluirá este último importe na facturación.

Para os efectos de tramitación cada factura cos seus correspondentes vales configura unha unidade, de tal xeito que non se tramitará a factura cando exista algún problema con calquera dos vales adxuntos, ata que este se solucione.

4. O persoal das xefaturas territoriais introducirá e validará as facturas no sistema. Se na factura se observa algún defecto de forma ou se o importe desta non coincide co dos vales que a acompañan non se poderá proceder á tramitación do pagamento, e as xefaturas territoriais requirirán o establecemento para que proceda á emenda do expediente.

O establecemento poderá consultar no sistema cal é o estado en que se atopan as súas facturas mediante unha clave asignada a cada libraría pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 12.º-Tramitación e pagamento.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tramitará as ordes de pagamento, nas que se incluíran as facturas dos establecementos que venderon os libros e material escolar, previamente validadas por cada xefatura territorial de Educación.

Artigo 13º.-Incorporación de novo alumnado ao longo do curso.

No caso de alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo que se matricule nalgún dos cursos obxecto desta convocatoria con posterioridade á finalización do prazo de solicitudes, e ata o 31 de marzo de 2011, o centro tramitará a súa solicitude seguindo o mesmo procedemento establecido para as solicitudes presentadas no período ordinario.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas do solicitante:

a) Seguir as directrices que marca a orde da convocatoria, e destinar o importe da bolsa na súa integridade á adquisición dos libros e demais materiais curriculares, didáctico e complementario, propios do curso académico para o que se solicitou a axuda, segundo a relación de textos que para tal efecto teña publicado o centro onde estea matriculado o alumno/a para o que se solicita a axuda.

b) Cooperar coa Administración educativa en cantas actividades de inspección e verificación leven a cabo, para asegurar o destino final da axuda.

Artigo 15º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude desta orde serán compatibles con calquera outra axuda que poida percibirse coa mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo dos libros e materiais subvencionados. Para estes efectos considéranse como materiais curriculares, didáctico e complementario todo o necesario para realizar as actividades que se desenvolven ou promoven no centro docente.

Artigo 16º.-Control, aplicación e revisión das axudas.

1. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

2. De conformidade co disposto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das bolsas e axudas ao estudo que se conceden con base na concorrencia dunha determinada situación no perceptor non requirirá outra xustificación que a acreditación previa á concesión de que o solicitante reúne os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria.

3. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especialmente no caso de que se detectase que o importe recibido non foi empregado na adquisición dos libros de texto e materiais obxecto desta orde.

Para estes efectos, os centros docentes informarán a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no caso de que detecten que algún alumno obxecto de subvención non dispoña dos libros de texto na lingua en que se imparta a materia de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, e materiais obxecto da subvención.

4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas poderán realizar, mediante os procedementos legais pertinentes, as comprobacións oportunas respecto ao destino e aplicación das subvencións, para o cal tanto os beneficiarios como os centros docentes quedan obrigados a facilitarlles canta información lles sexa requirida.

5. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 17º.-Financiamento das axudas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.05.423A.780.1, por importe total de 5.000.000 euros para o ano 2010 e na contía de 150.000 euros para o ano 2011.

Se é o caso poderanse ampliar os importes antes citados conforme o previsto nos artigos 31.2º b) e 31.4º da Lei 9/2007.

Artigo 18º.-Recursos contra a convocatoria.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Artigo 19º.-Colaboración dos centros educativos na difusión e participación nesta convocatoria.

1. A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao consello escolar, ao claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado.

2. O contido desta orde e a información complementaria exporase no portal educativo da consellería no seguinte enderezo: http://www.edu.xunta.es, epígrafe de gratuidade solidaria de libros de texto-plurilingüismo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Lexislación aplicable.

Para o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño) e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei (DOG do 29 de xaneiro).

Segunda.-Rexistro e tratamento de datos.

Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberán autorizar expresamente á Administración concedente a inclusión e publicidade nos rexistros regulados no citado decreto dos datos básicos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido, segundo dispón o número 2 da citada disposición adicional.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Terceira.-Infraccións e sancións.

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "16700D003P015.PDF"