DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 31 de agosto de 2010 Páx. 15.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de agosto de 2010 pola que se convoca e se regula a reposición do programa de libros de texto e materiais curriculares en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2010/2011 naquelas materias que non cambien de idioma de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo) establece, no seu artigo 1, que todos os españois teñen dereito a unha educación que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria rematou a implantación do programa de libros de texto no curso 2007/2008, cumprindo así o compromiso adquirido no ano 2003.

Non obstante, á vista da conxuntura económica, resultou necesario facer unha reforma do sistema no curso 2009/2010, de xeito que se beneficien as familias con menos recursos.

Neste sentido, e en consonancia coa política de austeridade do Goberno da Xunta de Galicia, para 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria, así como para educación especial, continuarase coa convocatoria de axudas dirixidas ás familias en función da súa renda.

Por outro lado, en 3º e 4º curso de educación primaria e nos catro cursos de educación secundaria obrigatoria manterase o sistema de cesión de uso mentres non transcorran catros anos desde a súa implantación, coa finalidade de optimizar os recursos existentes. Non obstante, este sistema só se manterá nas materias que non cambien de idioma, logo da aplicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, xa que o seu artigo 11 establece que os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia.

Para a adquisición dos libros de texto das materias que cambien de idioma de acordo co citado decreto, establecerase un sistema de axudas en función da renda per cápita familiar, polo que estes libros quedan excluídos desta convocatoria.

Segundo o indicado con anterioridade, esta consellería dispón a continuación da reposición do programa de libros de texto nos cursos e materias citados, a través do réxime de cesión de uso, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, e con criterios educativos e de organización que permitan un axeitado funcionamento deste servizo educativo.

Tendo en conta a liberdade dos pais, nais ou titores para a elección de centro e a dos centros docentes para a elección dos libros de texto, así como a experiencia na xestión de anos anteriores, nesta convocatoria de reposición a totalidade do proceso realízase a través dos centros onde se escolarice o alumnado.

En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 24 de xuño de 2009),

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por finalidade regular a reposición do programa de libros de texto e materiais curriculares que se desenvolverá no curso escolar 2010/2011.

2. O programa ten como obxectivo facilitar ao alumnado a utilización dos libros de texto existentes nos centros daquelas materias que non cambien de idioma.

3. O programa será de aplicación a todos os centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para que faciliten ao alumnado dos citados cursos, mediante o sistema de cesión de uso, os libros de texto das áreas que non cambien de idioma, que curse cada alumno ou alumna e de acordo coa relación de libros de texto incluídos no programa.

4. Non se inclúen neste programa aqueles libros de texto que en aplicación do disposto no artigo 11 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, cambien de lingua.

Tampouco poderán adquirirse aqueles libros que, por diversas circunstancias, non poidan ser reutilizados polo alumnado durante catro cursos escolares, nin outros materiais de uso persoal tales como cadernos de idiomas, cadernos de exercicios ou libros en que se escriba, pinte ou recorte, nin dicionarios, atlas, libros de titoría e outros materiais similares.

5. Os centros educativos que optasen por substituír a adquisición dos libros de texto para unha ou varias áreas por materiais curriculares elaborados polo correspondente departamento do centro, poderán proceder á reposición destes por deterioración e incremento dentro dos límites máximos fixados no artigo sexto desta orde e sempre que non sexan materias que cambien de idioma. O importe destinado a esta actuación deberá acreditarse mediante factura que quedará arquivada no centro.

Segundo.-Beneficiarios.

Será beneficiario do programa todo o alumnado que curse 3º de educación primaria, 4º de educación primaria ou calquera dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto no artigo terceiro desta orde.

A participación do alumnado no programa ten carácter voluntario. A aceptación da participación seguindo os compromisos adquiridos nesta convocatoria será asinada polo pai, nai ou titor/a do alumno/a seguindo o anexo V.

Terceiro.-Actuacións no curso escolar 2010-2011.

No curso escolar 2010-2011 levarase a cabo a reposición por incremento do alumnado ou por deterioración dos libros de texto en 3º e 4º de educación primaria e nos catro cursos de educación secundaria obrigatoria naquelas materias que non cambien de idioma de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Cuarto.-Adhesión ao programa.

Todos os centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ou vaian impartir 3º de educación primaria, 4º de educación primaria e/ou calquera dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria no curso escolar 2010-2011 enténdense adheridos ao programa.

Quinto.-Permanencia dos libros de texto.

Os libros de texto ou materiais curriculares que se vaian utilizar nestes cursos no programa manteranse durante o tempo que reste para cumprir o período de permanencia de catro cursos.

Sexto.-Importe máximo por alumno e curso.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboará os libros de texto destes cursos nos seguintes importes máximos por alumno ou alumna acollidos ao programa e curso:

Ver referencia pdf "16700D002P006.PDF"

A limitación de reposición por deterioración será conxunta para todos os cursos, é dicir, cada centro poderá repoñer un maior importe que o previsto en calquera dos cursos sempre e cando se repoña menos noutros e a suma da reposición por deterioración de todos os cursos non supere a suma das contías establecidas no cadro anterior.

Os importes máximos por alumno ou alumna para reposición por incremento de alumnado ou para novas incorporacións, en cada curso, poderanse superar sempre e cando se compense con gastos inferiores ao máximo para outros alumnos ou alumnas do mesmo curso.

Sétimo.-Procedemento para a reposición dos libros, por deterioración destes ou por incremento de alumnado.

1. Os centros poderán repoñer por deterioración e/ou incremento os exemplares de libros de texto de 3º e 4º de educación primaria e dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria nas materias que non cambien de idioma e que sexan necesarios para o curso escolar 2010/2011, como consecuencia:

a) O incremento de alumnado acollido ao programa neste nivel educativo con respecto aos acollidos no curso ou cursos anteriores. Se no curso ou cursos anteriores o centro non impartise as citadas ensinanzas ou non tivese ese nivel concertado, entenderase o curso completo como incremento de alumnado. Na tramitación da reposición por incremento só se poderán adquirir os libros de texto das materias en que, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, non cambie a lingua en que se imparten.

b) Os exemplares que, debido ao seu grao de deterioración, non poidan ser utilizados polo alumnado no curso escolar 2010/2011, sempre que esta deterioración non sexa imputable ao alumno ou alumna, coas limitacións establecidas no artigo 6º desta orde e sempre que non cambien de lingua.

c) Os exemplares para o alumnado con materias pendentes, optativas que non coincidan coas do curso anterior, así como os destinados ao alumnado con necesidades educativas específicas cubriranse coas existencias de libros de que dispoña o centro e/ou coa contía asignada para reposición por deterioración dos libros. Só se non se poden cubrir as necesidades do xeito anterior poderanse incluír como reposición por incremento de alumnado, imputando ao programa unicamente o importe das facturas dos libros que sexan precisos. Esta actuación só se poderá levar a cabo con cargo a este programa nas materias en que os libros non cambian de idioma.

2. Os exemplares de reposición por deterioración e de reposición por incremento serán adquiridos pola dirección do centro. A tramitación realizarase de xeito separado, debendo utilizar o anexo I para reposición por deterioración dos libros e o anexo II para reposición por incremento de alumnado.

Os anexos cubriranse por triplicado, facendo constar o/s importe/s máximo/s e o número de exemplares de cada área. Un dos exemplares do anexo deberá ser devolto ao centro asinado e selado pola libraría no momento da solicitude, con indicación, de ser o caso, do libro ou libros que non se inclúen por superar a contía máxima prevista na orde.

Se a libraría devolve o anexo ao centro sen facer indicación expresa da exclusión dalgún libro, adquire o compromiso de entregar todos os libros sen superar o/s importe/s máximo/s indicados no anexo.

3. Os libros para a reposición por deterioración e/ou incremento que soliciten os centros nas librarías deberán ser adquiridos, preferentemente, en varios establecementos do concello ou comarca.

4. Os libros solicitados deberán ser entregados nos centros coa maior brevidade posible e, en todo caso, antes do 30 de setembro de 2010. No momento de entregar os libros cada un dos lotes debe ir acompañado dun dos dous exemplares do anexo I ou II que quedaron en posesión do libreiro. No outro exemplar, farase constar a recepción no espazo establecido para o efecto, pola persoa do centro que reciba os libros e devolverase ao libreiro.

5. O prazo para que as librarías presenten as facturas correspondentes á reposición nos centros remata o 30 de setembro de 2010.

As facturas dos libros de reposición recollerán o prezo efectivo que se aboará polos libros de texto, incluíndo, se é o caso, os descontos que, de acordo co establecido pola normativa vixente, puidesen realizarse sobre o prezo destes, sen que en ningún caso o prezo final, impostos engadidos, poida superar o importe máximo establecido no artigo 6º desta orde.

6. As facturas dos exemplares de reposición, os anexos I e II e calquera outra documentación que derive do disposto nesta orde, deberán quedar arquivados na secretaría do centro, á disposición dos órganos de fiscalización e control competentes.

7. As facturas expediranse a nome da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, farase constar o nome do centro que realiza a xestión da compra.

Oitavo.-Presentación da xustificación e procedemento para o aboamento do importe do programa.

1. Os centros deberán dirixir a xustificación, segundo o anexo III, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, edificio administrativo San Caetano, bloque II, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. Os centros concertados poderán presentar a citada documentación en calquera dos rexistros a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro). Se a solicitude fose remitida por correo certificado, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos.

3. Para os efectos de cómputo de prazos os rexistros dos centros docentes non son válidos, de conformidade co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán (DOG do 24 de xuño).

4. Os centros dispoñen de prazo ata o 31 de outubro para presentar a citada xustificación.

5. Unha vez presentada a xustificación, e sempre coas limitacións dos importes máximos previstos no artigo 6º desta orde, a consellería ingresará o importe da adquisición dos libros de texto. Os centros educativos, unha vez que reciban os importes para este programa procederán, no prazo máximo de 10 días hábiles, ao aboamento das facturas ás librarías.

6. No caso de que por erro se xustifique un importe inferior ao real, o centro deberá cubrir unha corrección ao anexo III, e a consellería asignará un pagamento complementario. Se por erro se xustificase un importe superior ao real o centro deberá cubrir igualmente unha corrección ao anexo III e reintegrar o importe sobrante na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia nº 2091-0300-47-3110063172, facendo constar no concepto Devolución programa de libros de texto 2010/2011, e xuntar copia compulsada da operación coa xustificación.

Noveno.-Incorporación de novo alumnado ao longo do curso.

A adquisición dos libros de texto das materias que non cambien de idioma para a incorporación ao centro de novo alumnado que se acolla ao programa, en calquera dos cursos obxecto desta orde, unha vez presentada a xustificación inicial (anexo III), será tramitada pola dirección do centro empregando o anexo II por triplicado, facendo constar o número de exemplares de cada área e o importe máximo. Un dos exemplares do anexo II deberá ser devolto ao centro asinado e selado pola libraría no momento da solicitude, con indicación, de ser o caso, do libro ou libros que non se inclúen por superar o importe máximo previsto na orde.

Se a libraría devolve o anexo ao centro sen facer indicación expresa da exclusión dalgún libro, adquire o compromiso de entregar todos os libros sen superar os importes máximos indicados no anexo.

O prazo para a incorporación de novo alumnado ao programa remata o 31 de marzo de 2011.

No momento en que o libreiro entregue os libros, cada un dos lotes debe ir acompañado dun dos dous exemplares do anexo II que quedaron en posesión do libreiro. No outro exemplar, farase constar a recepción no espazo establecido para o efecto, pola persoa do centro que reciba os libros e devolverase ao libreiro.

Os centros xustificarán os gastos dos libros das novas incorporacións, mediante o anexo IV desta orde e, unha vez que reciban os importes para o pagamento dos libros correspondentes as novas incorporacións de alumnado, procederán, no prazo máximo de 10 días hábiles, ao aboamento das facturas ás librarías.

No caso de que por erro se xustifique un importe inferior ao real, o centro deberá cubrir unha corrección ao anexo IV, e a consellería asignará un pagamento complementario. Se por erro se xustificase un importe superior ao real o centro deberá cubrir igualmente unha corrección ao anexo IV e reintegrar o importe sobrante na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia nº 2091-0300-47-3110063172, facendo constar no concepto Devolución programa de libros de texto 2010/2011, e xuntar copia compulsada da operación coa xustificación.

Décimo.-Alumnado con necesidades educativas específicas.

Co obxecto de incluír no programa ao alumnado que, estando matriculado nun curso obxecto desta orde, presenta necesidades educativas específicas, poderán adquirirse con cargo a este programa os libros de texto que utilice este alumnado das materias que non cambien de idioma, aínda que non se correspondan cos aprobados polo órgano competente do centro para o citado nivel educativo, logo de informe motivado ao respecto do departamento de orientación ou órgano equivalente dos centros privados concertados, que quedará arquivado na secretaría do centro xunto co resto da documentación do programa. Deberanse ter en conta os límites por alumno ou alumna e curso no que estea matriculado/a establecidos no artigo 6º desta orde. Nestes casos procederase segundo se indica no artigo sétimo, punto 1º c).

O alumnado de centros específicos de educación especial, así como o que, estando escolarizado en centros ordinarios non estea matriculado en 3º de educación primaria, 4º de educación primaria ou en calquera dos catro cursos da ESO, non está incluído dentro do ámbito desta orde de convocatoria.

Décimo primeiro.-Da conservación dos libros.

1. O centro ao recibir os libros de texto procederá ao seu inventario, debendo ser convenientemente identificados e conservados, podendo dispoñer deles o alumnado en réxime de cesión de uso.

2. Concluído o período lectivo os libros de texto serán reintegrados e depositados polo alumnado nos centros, coa finalidade de seren revisados e determinar o seu grao de conservación e a súa posible reutilización durante o curso seguinte, segundo o procedemento establecido polo centro. Non obstante, o alumnado de educación secundaria obrigatoria que estea pendente da realización dos exames de setembro ten de prazo ata o día 10 dese mes para devolver os libros.

3. Se ao longo do curso escolar un alumno ou alumna dos cursos obxecto desta orde se traslada de centro deberá devolver ao centro de orixe os libros de texto. Unha vez que se incorpore ao novo centro, a dirección do centro de destino, despois de comprobar que o alumno ou alumna devolveu os libros de texto no centro de orixe, facilitaralle o lote de libros que se utiliza no novo centro das materias que non cambien de lingua é, de non dispor de todos ou parte dos libros, tramitará a adquisición dos exemplares ou do lote completo, segundo o procedemento previsto no artigo noveno desta orde para novas incorporacións.

4. O alumnado quedará obrigado a conservar en bo estado os libros de texto entregados e a devolvelos ao centro ao finalizar o período lectivo. Se os libros están estragados e a deterioración é imputable ao alumno ou alumna, o centro requirirá aos pais, nais ou titores para que os repoñan. De non repoñerse voluntariamente, poderá dar lugar á exclusión do programa ou da correspondente bolsa ou axuda no/s curso/s seguinte/s.

Décimo segundo.-Información sobre o programa.

1. Esta orde, así como toda a información relativa ao programa poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no enderezo http://www.edu.xunta.es. Tamén se poderán descargar os anexos I e II en formato PDF.

2. Os anexos III e IV, así como as súas posibles correccións, deberán ser cubertos nesta páxina, mediante a aplicación informática Xadelibros deseñada pola consellería para estes efectos, que estará dispoñible a partir do 1 de setembro de 2010, e á que se poderá acceder co nome de usuario e contrasinal do correo electrónico de edu.xunta.es do director ou do secretario. Esta aplicación permitirá introducir os datos necesarios e a impresión dos anexos que deberán ser asinados polo director e selados para seren enviados por correo postal á consellería.

Décimo terceiro.-Financiamento do programa.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará o programa con cargo á aplicación orzamentaria 09.05.423A.628.2 por importe total de 2.181.655 euros para o ano 2010 e na contía de 247.533 euros para 2011. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación.

2. O importe do ano 2010 poderá incrementarse, antes da resolución de concesión, cos importes remanentes do programa de libros de texto do curso 2009/2010, unha vez que se conclúa a súa execución e se peche este e/ou se formalicen outras achegas do Ministerio de Educación para esta mesma finalidade, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

3. Non obstante, dado o carácter universal da axuda, se o orzamento anterior non fose suficiente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as medidas necesarias para garantir os libros para todo o alumnado acollido ao programa, dentro das dispoñibilidades orzamentarias e os límites establecidos por alumno ou alumna e curso nesta orde.

Décimo cuarto.-Recursos.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposición adicional

Constitución da comisión de seguimento: cada centro educativo incorporará ao seu regulamento de réxime interior os criterios básicos para o funcionamento deste programa. Así mesmo, no seo do Consello Escolar de cada centro constituirase unha comisión de seguimento, integrada por representantes de distintos sectores da comunidade educativa, coa finalidade de coordinar todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento do programa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Atribúese ao director do centro docente e ao seu equipo directivo, no ámbito das súas competencias, as funcións e responsabilidades propias da prestación do programa de libros de texto para que se estenda ao alumnado.

Segunda.-Autorízase ao titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación do establecido nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "16700D002P006.PDF"

ANEXO III

Ver referencia pdf "16700D002P006.PDF"

ANEXO IV

Ver referencia pdf "16700D002P006.PDF"