DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 31 de agosto de 2010 Páx. 15.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de agosto de 2010 pola que se crea un ficheiro de datos de carácter persoal existente na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establecendo no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Para dar cumprimento a este precepto publicouse a Orde do 15 de abril de 2009 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 80, do 27 de abril). A evolución da actividade administrativa determina a necesidade de creación dun novo ficheiro.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é crear o ficheiro de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de modificación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso do ficheiro.

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria creado por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable da seguridade dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

No anexo detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan no ficheiro.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O ficheiro creado por esta orde atópase clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico) do ficheiro creado por esta orde.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "16700D001P005.PDF"