DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Venres, 27 de agosto de 2010 Páx. 15.148

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de agosto de 2010 pola que se modifica a Orde do 7 de febreiro de 2008, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola Orde do 7 de febreiro de 2008 (DOG nº 39, do 25 de febreiro) faise pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, no artigo 10.1º letra a), os membros do Consello Social cesarán pola expiración do período de mandato, especificándose ademais outras causas na letra b) e entre elas a renuncia, sinalando o parágrafo 2 do citado artigo 10 que as vacantes deberá cubrilas a autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato.

O artigo 7 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, establece a composición dos consellos sociais.

O artigo 7.4º desta lei establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Con data do 21 de xuño de 2010, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica a renuncia de José Antonio López Graña, como vogal do consello social designado pola Xunta de Galicia en representación dos intereses sociais. O Consello da Xunta de Galicia do 29 de xullo de 2010, por proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acordou designar a José Manuel Chousa Vázquez, para que se integre no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en representación dos intereses sociais.

Con data do 29 de xullo de 2010, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica o nomeamento de Pedro García Herradón, como representante do Consello de Goberno da universidade, en substitución de Carlos Herrero Latorre.

Coa mesma data do 29 de xullo, o presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica o nomeamento, por acordo do reitor do 25 de xuño de 2010, de Lourdes Noya Ferreiro como secretaria xeral da dita universidade en substitución de Isabel García-Rodeja Gayoso.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Nomear a José Manuel Chousa Vázquez, designado pola Xunta de Galicia como representante dos intereses sociais no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en substitución de José Antonio López Graña.

Artigo 2º

Nomear a Pedro García Herradón, como representante do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela no Consello Social da citada universidade, en substitución de Carlos Herrero Latorre.

Artigo 3º

Nomear a Lourdes Noya Ferreiro secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela, como membro nato do Consello Social desta universidade, en substitución de Isabel García-Rodeja Gayoso.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria