DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Xoves, 26 de agosto de 2010 Páx. 15.124

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 13 de agosto de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a colaboración titoriada en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia exerce, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafo 18 a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, competencia recollida na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas e o seu posterior desenvolvemento regulamentario. Consonte esta responsabilidade a consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas. Por iso, a través da súa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, vén ocupándose mediante cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos futuros bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non podería ser nunca completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén

contacto diario e directo dos beneficiarios, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca ou centro de documentación, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia abondos, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, bolsas de formación en biblioteconomía mediante colaboración titoriada na organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía en bibliotecas.

O financiamento con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia será para o ano 2010, por un importe de setenta e nove mil cincuenta euros (79.050 €) e para o ano 2011 por un importe de douscentos trinta e sete mil cento cincuenta euros (237.150 €) ata acadar unha suma total de trescentos dezaseis mil douscentos euros (316.200 €) e que queda condicionada á existencia de crédito adecuado e abondo para o seu financiamento. O importe individualizado de cada bolsa será de oitocentos cincuenta euros (850 €) mensuais.

2. O número de prazas convocadas será de trinta e unha, que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 4º desta convocatoria.

3. Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros aos que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación de centros en que deberán realizar as prácticas publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

4. A bolsa terá carácter plurianual, cunha duración total de 12 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.

5. Ás persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, seralles de aplicación o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, así mesmo, quedarán obrigadas a:

-Incorporarse aos centros aos que sexan destinadas dentro dos dez (10) días naturais seguintes ao da notificación da resolución definitiva.

-Asistir aos centros onde resulten destinadas, de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación teórica e práctica.

-Presentar antes do primeiro pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

-Cumprir o compromiso de formación durante todo o período para o cal se lle concedeu a bolsa.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Titulación universitaria de diplomatura en biblioteconomía e documentación, ou licenciatura en biblioteconomía, documentación, historia, filoloxía ou humanidades.

-Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

-Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

-Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.

2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo a esta orde, na oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán presentarse, así mesmo, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que cómpre achegar:

Os solicitantes, ademais da solicitude, deberán xuntar a documentación seguinte:

-O anexo cuberto e unha fotocopia dos méritos alegados.

-Fotocopia do DNI, NIF, NIE ou equivalente, orixinal ou debidamente compulsado ou cotexado. O solicitante poderá autorizar á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, tal e como se establece na solicitude. Neste caso a fotocopia de identidade non será exixida.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta ou, no caso de o ter, un compromiso expreso de renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro ao que sexa destinado.

-Fotocopia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

-Fotocopia dos documentos que acrediten os méritos alegados.

4. Se as solicitudes non reunisen os requisitos sinalados, os solicitantes serán requiridos para que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se lles concederá un prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a recepción do escrito de requirimento correspondente.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas como medio de aprendizaxe das tarefas técnicas que se realizarán nas bibliotecas e centros de documentación de Galicia. A relación destes e o número de prazas asignadas a cada un faranse públicos xunto coa resolución de adxudicación das bolsas rexidas por esta orde.

Artigo 4º

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas levaraa a cabo o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As solicitudes serán analizadas e valoradas por unha comisión presidida polo subdirector xeral de Bibliotecas e composta polo xefe do Servizo do Sistema de Bibliotecas, o director dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia e un funcionario ou laboral, que actuará como secretario.

3. Esta comisión actuará consonte os seguintes criterios:

-Titulación universitaria en biblioteconomía ou documentación: doutoramento: 1 punto.

-Expediente: puntuarase en función do número de materias estudadas relacionadas especificamente con bibliotecas ou centros de documentación e da puntuación obtida en cada unha delas. Máximo: 15 puntos.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata o máximo de 0,75 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas impartidos por outros organismos: ata un máximo de 0,75 puntos. Nesta epígrafe puntúanse os cursos en razón da súa duración. Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

-Impartición de cursos de bibliotecas, ata 1,50 puntos, en función das horas impartidas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,75 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

-Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos por congreso, ata un máximo de 0,75 puntos.

-Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,25 puntos.

-Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos por publicación, ata o máximo de 1,5 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

Avaliarase o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda, e puntuarase do seguinte xeito:

-Cursos de galego:

Iniciación: 2,5 puntos.

Perfeccionamento: 3,5 puntos.

Ata o máximo de 3,5 puntos.

-Experiencia, con acreditación expresa, na realización de tarefas técnicas en bibliotecas: 0,15 puntos por mes, ata o máximo de 4 puntos.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados, e concederase un prazo de dez (10) días para presentar alegacións. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou solicitantes para os cales se propón a concesión da bolsa e a súa contía, especificando a súa avaliación e, de ser o caso, os criterios de valoración seguidos para efectuala.

Artigo 5º

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ao conselleiro de Cultura e Turismo, e ditarase no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución. O acordo farase público no portal da Rede de Bibliotecas de Galicia (http://www.rbgalicia.es/), nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo, nas súas delegacións provinciais e segundo o establecido no artigo 15.1º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia nun prazo que non deberá exceder en ningún caso os dous meses tras o remate do período de presentación de instancias. En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os nove meses.

2. No suposto de que non recaese ningunha resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se incorporaren no prazo que se determine para tal efecto na resolución da concesión sen causa suficiente, ou de demostrar falsidade ou non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura poderá propoñer o seguinte ou seguintes candidatos, por orde de puntuación, e quedará sen efecto o nomeamento das persoas que se atopen nalgunha destas situacións.

3. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura poderá solicitarlles aos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán entregar nun prazo non superior aos dez (10) días.

4. De acordo co artigo 14 m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 16/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, segundo autorización do solicitante que figure na convocatoria correspondente.

6. A resolución de adxudicación ponlle fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da data de notificación efectiva desta aos interesados.

7. Unha vez rematado o período de percepción da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada.

Artigo 6º

1. O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en doce (12) mensualidades, logo da certificación da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura de que a persoa beneficiaria realizou, de conformidade, as actividades que son obxecto da bolsa.

2. Aos beneficiarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao seu pagamento.

Artigo 7º

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada polo menos con sete días de antelación á data na que solicite sexa aceptada a súa renuncia. Esta dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º

1. En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei anterior. Con carácter supletorio será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

2. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, ao rematar a formación, expedirá unha certificación acreditativa das actividades realizadas, logo de informe favorable dos responsables correspondentes.

Artigo 9º

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta conforme estas bases, sen ningún outro vencello laboral ou administrativo.

Artigo 10º

A Consellería de Cultura e Turismo contratará unhas pólizas colectivas de seguro de accidentes para todos os bolseiros durante o período de formación que será financiado con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Artigo 11º

A Consellería de Cultura e Turismo, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos desta.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "16400D002P004.PDF"