DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 24 de agosto de 2010 Páx. 15.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente de delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, coa excepción do tramo entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino.

O Camiño de Santiago foi declarado conxunto histórico-artístico en virtude do Decreto 2224/1962, do 5 de setembro, comprendéndose nesta declaración os lugares, edificios e paraxes coñecidos e determinados actualmente e todos aqueles outros que a partir deste momento se fixen e delimiten polo padroado que se crea por este decreto.

A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, na súa disposición adicional primeira establece que os bens que con anterioridade fosen declarados histórico-artísticos pasan a ter a consideración e a denominarse bens de interese cultural, quedando sometidos ao réxime xurídico que para eses bens establece a dita lei.

A adecuación do Decreto 2224/1962 ao establecido nos artigos 11 da Lei 16/1985, do patrimonio histórico español, e 12 do Real decreto 111/1986, do 10 de xaneiro, fixo necesario proceder á delimitación da zona afectada pola declaración.

Por Resolución do 12 de novembro de 1992, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, incóase o expediente para a concreción e definición da delimitación do Camiño de Santiago (Camiño Francés) e do seu ámbito de protección que se fai coincidir cos límites das parroquias polas que atravesa o Camiño ao longo de todo o percorrido, desde o concello de Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela. No mesmo acto administrativo acórdase seguir a tramitación do expediente de conformidade coas disposicións vixentes, abrir un período de información pública e publicar a resolución, o cal se leva para o efecto no Diario Oficial de Galicia nº 246, do 18 de decembro de 1992.

En exercicio das competencias outorgadas polo Estatuto de autonomía de Galicia en materia de patrimonio cultural, dítase a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que na súa disposición transitoria primeira establece que a tramitación e os efectos dos expedientes de declaración de bens de interese cultural incoados con anterioridade á entrada en vigor desta lei quedarán sometidos ao disposto por esta. O seguinte ano, a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, no seu artigo 1.3º dispón que a ruta principal, dentro do marco desta lei, é o Camiño Francés, ben de interese cultural, segundo a delimitación do seu territorio histórico, recollida na Resolución do 12 de novembro de 1992, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, e no 4 que o Camiño de Santiago constitúe un ben de dominio público de carácter cultural incluído na categoría de territorio histórico.

De acordo coa disposición transitoria primeira da devandita norma, a delimitación establecida pola Resolución do 12 de novembro de 1992 permanecerá vixente mentres non se aprobe o expediente de delimitación do Camiño que, segundo o artigo 5 da Lei 3/1996, debe levarse a cabo mediante o correspondente decreto do Consello da Xunta por proposta do conselleiro de Cultura.

Ata a data incoáronse dous expedientes de delimitación do Camiño Francés correspondentes aos tramos situados entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino, e desde o aeroporto ata o Monte do Gozo, no concello de Santiago de Compostela, polas respectivas resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 29 de outubro de 2007 e do 19 de decembro de 2007. A primeira das resolucións citadas foi obxecto de impugnación en vía contencioso-administrativa; o recurso foi admitido a trámite e está pendente de resolución xudicial. Na vía administrativa os dous procedementos de delimitación están pendentes de resolver, para o cal, de conformidade co disposto no anexo I da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, disponse dun prazo máximo de 5 anos contados a partir da data de incoación.

Por todo iso, e á vista do informe dos servizos técnicos competentes e da proposta formulada pola Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, de acordo co pronunciamento favorable do Comité Asesor do Camiño de Santiago manifestado na súa reunión do 20 de xullo do ano en curso, tendo en conta o disposto na normativa citada e no resto da lexislación aplicable, en virtude das competencias atribuídas no Decreto 337/2009, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 110/2010, do 1 de xullo, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar o expediente de delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, coa excepción do tramo entre o lugar do Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino, segundo a proposta que se concreta nos anexos que se xuntan a esta resolución.

Segundo.-Acumular neste procedemento o expediente de delimitación do Camiño Francés, no tramo que vai desde o aeroporto ata o Monte do Gozo, no concello de Santiago de Compostela, incoado pola Resolución do 19 de decembro de 2007.

Terceiro.-Acordar a apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, setembro e outubro do ano en curso, durante o cal se poderá examinar o expediente na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo (edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela), nos servizos de Patrimonio Cultural das provincias de Lugo e da Coruña e nas oficinas municipais que en cada concello haxa dispostas para estes efectos.

O expediente estará integrado pola seguinte documentación debidamente dilixenciada:

-O informe-proposta da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural no que se resumen os antecedentes dos traballos realizados, así como as consideracións técnicas e xurídicas que facilitan a comprensión e xustificación da proposta de delimitación do trazado do Camiño Francés ao seu paso por Galicia e dos seus ámbitos de protección (contorno do ben de interese cultural e da área de influencia ou zona de respecto).

-Esta resolución de incoación do expediente de delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, co seu anexo gráfico onde se concretan o trazado e zonas de protección sobre a cartografía recollida nos planos en branco e negro: 1 a escala 1:500.000, 14 a escala 1:50.000 e 29 a escala 1:20.000.

-Unha separata por concello (en total 12), coa seguinte información sobre a ruta dentro de cada termo municipal: antecedentes históricos, breve xustificación do trazado do camiño proposto e descrición pormenorizada do percorrido, un mapa xeral do estado de conservación do camiño, descrición breve do contorno do ámbito do ben de interese cultural coa lista de elementos patrimoniais nel situado, descrición breve da delimitación da súa zona de respecto, un anexo fotográfico e planos a escala 1:10.000.

Cuarto.-Someter a nova proposta de delimitación do ben de interese cultural, Camiño Francés, a informe das comisións territoriais de Patrimonio Histórico das provincias da Coruña e de Lugo (nos tramos correspondentes aos municipios das respectivas provincias) e, polo menos, a dous dos órganos consultivos mencionados no artigo 7 da Lei do patrimonio cultural de Galicia.

Quinto.-Realizar a anotación preventiva da incoación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a notificación ao órgano competente do Ministerio de Cultura para o seu coñecemento e efectos oportunos.

Sexto.-Notificar esta resolución aos concellos polos que discorre o Camiño e anunciala no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2010.

José Manuel Rey Pichel

Director xeral de Patrimonio Cultural

Ver referencia pdf "16200D003P005.PDF"