DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2010 Páx. 14.972

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de agosto de 2010 pola que se establecen o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial.

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena da comunidade autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades no ámbito das súas competencias; e o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión.

A Orde do 31 de xullo de 2009 (DOG do 17 de agosto), establece o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial, vixente na actualidade.

Tendo en conta a modificación de unidades nun importante número de centros públicos en que se imparte educación infantil e/ou primaria, e para acadar unha efectiva organización dos centros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, atendendo ao seu compromiso dunha atención especializada, dunha atención á diversidade e ás necesidades educativas específicas, considera necesaria a publicación da relación dos centros públicos dependentes dela coas unidades e os correspondentes postos de traballo docentes mediante esta orde que derroga a citada do 31 de xullo de 2009.

En consecuencia, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Establecer o número de unidades e de postos de traballo docentes que corresponde prover polas funcionarias e funcionarios do corpo de mestres e mestras nos seguintes centros docentes públicos:

a) Escolas infantís, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria e centros públicos integrados, que se relacionan no anexo I.

b) Colexios de educación especial que se relacionan no anexo II.

c) Colexios rurais agrupados que se relacionan no anexo III.

Segundo.-Suprimir os centros que se relacionan no anexo IV.

Terceiro.-Aos centros que, como consecuencia das modificacións que se sinalan nos puntos anteriores, incrementen o número de postos de traballo aplicaráselles o establecido na Orde do 30 de marzo de 1992, pola que se regula a mobilidade dos funcionarios e funcionarias pertencentes ao corpo de mestres/as nos propios centros por incremento de postos de traballo.

Estes novos postos poderán ser solicitados polo profesorado con destino definitivo no centro que conte coa oportuna habilitación e accedera a este por concursos anteriores ao convocado no curso 1990/1991, sempre que non acadase novo posto de traballo nel como consecuencia doutros procesos de adscrición ou de mobilidade no propio centro; non obstante o anterior, poderaos solicitar o profesorado que, estando en posesión da correspondente habilitación, estea adscrito a postos de traballo que se vexan afectados por diminución nun número máximo igual ao da redución de postos.

Cuarto.-Así mesmo, aplicarase o Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

Quinto.-Os procesos de mobilidade regulados na Orde do 30 de marzo de 1992, que se produzan como consecuencia desta orde, desenvolveranse durante o mes de setembro do ano de aplicación do catálogo, e terán efectos do 1 de setembro correspondente.

Sexto.-Queda derrogada a Orde do 31 de xullo de 2009 pola que se establecen o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "16100D004P008.PDF"