DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 20 de agosto de 2010 Páx. 14.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para centros e recursos integrais para mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (SI427A).

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGI), organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia, en virtude do establecido na disposición adicional do Decreto 82/2009, do 21 de abril e creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, ten atribuídas, entre outras funcións, a achega de información e asesoramento especializado ás mulleres, facilitar a súa formación cara á mellora da súa empregabilidade, así como incentivar a súa participación na vida política, económica, cultural, educativa e social.

No exercicio das súas funcións, ao organismo correspóndelle executar as medidas definidas para a consecución efectiva da igualdade das mulleres, levar a cabo plans e programas de acción e colaborar e cooperar no desenvolvemento das actuacións das entidades de iniciativa social que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos.

Dentro deste marco de actuación, esta convocatoria vai dirixida ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, inscritas na área de igualdade do rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento de recursos especializados para as mulleres que se atopan en situacións de especial vulnerabilidade, de contribuír tamén ao mantemento de centros que acollen a mulleres sen recursos con dificultades especiais, ademais de considerar axudas específicas para o desenvolvemento de actividades formativas vinculadas á empregabilidade feminina, todo iso co obxectivo prioritario da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Porén, a finalidade desta medida de apoio correspóndese directamente cos obxectivos que deben perseguir todas aquelas accións que se desenvolvan, ou sexan susceptibles de inclusión, no marco do eixo 2, tema prioritario 71, do Programa Operativo FSE-Galicia 2007-2013, motivo polo cal o orzamento establecido nesta resolución conta cun cofinanciamento do Fondo Social Europeo do 80% para as axudas e subvencións que se inclúan no ámbito desta convocatoria.

O procedemento para a concesión de subvencións a través desta resolución seguirá o réxime xeral de concorrencia competitiva, tendo en conta, en todo caso, os principios básicos de publicidade, transparencia e obxectividade; adaptarase en todo o procedemento ao establecido na normativa autonómica e na estatal e comunitaria de aplicación, con especial atención aos regulamentos comunitarios que regulan a xestión de fondos estruturais.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida, sen constitución de garantías, no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, réxime e convocatoria.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas do SGI, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, rexistradas na área de igualdade do Rexistro de Entidades de Iniciativa Social, destinadas ao financiamento corrente e de persoal para o funcionamento de centros e do desenvolvemento de recursos integrais de atención ás mulleres e para a realización de proxectos formativos para a mellora da súa empregabilidade.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Financiamento.

Ás subvencións obxecto desta convocatoria dedícase un orzamento total de 1.165.500,00 euros, que conta cunha cofinanciación do 80% polo Fondo Social Europeo do Programa Operativo FSE-Galicia 2007-2013, e que se distribúe do seguinte xeito:

a) Liña 1: financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.80.313B.481.2 (eixo 2 tema prioritario 2.71) do orzamento de gastos do SGI para 2010, cun importe de 765.500,00 euros.

b) Liña 2: financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.80.313B.481.1 (eixo 2 tema prioritario 2.71) cun importe de 400.000,00 euros.

De acordo co disposto no artigo 30.2º do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo; e no suposto previsto no artigo 25.3º do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta resolución publícanse no DOG, non obstante, preferentemente poderanse obter, cubrir e imprimir a través da web http://sgi.xunta.es/

3. As solicitudes dirixiranse á directora do SGI e presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4º.-Instrución, avaliación e resolución do procedemento.

A instrución, avaliación e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Lugar e prazos de presentación de xustificación.

Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades presentarán nos lugares indicados no artigo 3º desta convocatoria a documentación que sinala o artigo 16º das bases reguladoras, nos seguintes prazos:

a) As axudas correspondentes á liña 1 do artigo 1º das bases reguladoras poderán xustificarse ate o 30 de novembro de 2010.

b) As axudas correspondentes á liña 2 do artigo 1º das bases reguladoras poderán xustificarse ate o 15 de novembro de 2010.

Artigo 6º.-Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI427A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional no SGI, na Secretaria Xeral da Igualdade, nos servizos de igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial: http://sgi.xunta.es/, dos teléfonos 981 54 53 69, 981 54 53 66, no enderezo electrónico cooperación.sgi@xunta.es, ou presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

A Dirección do SGI ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2010.

P.S. (Resolución 4-5-2009)

Marta González Vázquez

Secretario xeral da Igualdade

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime

de concorrencia competitiva, das subvencións ás entidades

de iniciativa social sen ánimo de lucro, rexistradas na área

de igualdade do rexistro único de entidades prestadoras

de servizos sociais, destinadas ao mantemento de centros

e ao desenvolvemento de recursos integrais e de proxectos formativos para mulleres, nomeadamente aquelas

que se atopan en situación de especial discriminación

ou desigualdade

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das axudas.

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto colaborar economicamente coas entidades de iniciativa social para o mantemento de centros e o desenvolvemento de recursos integrais, incluídos os proxectos formativos para o emprego, dirixidos ás mulleres. Consisten en dúas liñas de axuda:

Liña 1: axudas económicas de apoio ao mantemento de centros de atención especializada a mulleres (centros de acollida, centros de día) nos que se ofrece asistencia básica (aloxamento, manutención) ás mulleres en situación de exclusión especial e programas de apoio; para a realización de recursos integrais de axuda para mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social (reclusas, ex-reclusas, drogodependentes), recursos integrais de apoio a mulleres en situación de especial protección (anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, pertencentes a minorías étnicas); programas de apoio e acompañamento dirixidos a vítimas de violencia de xénero; e aqueloutros que se definan para mulleres en situación de especial discriminación ou desigualdade susceptibles de inclusión no ámbito desta resolución.

Non serán subvencionables os servizos de asesoramento xurídico e psicolóxico aos que se refire o Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres por tratarse de servizos prestados por centros acreditados e que este organismo cofinancia a través de convocatoria pública específica.

Liña 2: axuda económica para a realización de proxectos formativos para mulleres dirixidos á súa integración laboral ou mellora da súa empregabilidade, nomeadamente destinados a aquelas que se atopan en situación de risco de exclusión ou de especial discriminación ou desigualdade.

1. Os tipos de axuda e contías que se establecen para a liña 1 son:

a) Axuda por ocupación: compensación económica de 20,00 (vinte) euros por día e persoa, directamente vinculada aos custos da atención básica ás mulleres e, se é o caso, ás/ós menores que teñan ao seu cargo, en centros de atención especializada ás mulleres en situación de especial protección.

b) Incentivos para o fomento da contratación de profesionais da acción social (educadores/as, traballadoras/es sociais, técnicas/os en integración social, técnicas/os en animación sociocultural, axentes de igualdade, etc.), as contías máximas segundo o tipo de contrato serán as seguintes:

b.1) 12.000 euros, por cada contrato laboral a tempo completo por un período mínimo de 12 meses pertencente ás categorías ou grupos profesionais I e II.

b.2) 8.000 euros, por cada contrato laboral a tempo parcial por un período mínimo de 12 meses pertencente ás categorías ou grupos profesionais I e II.

b.3) 6.000 euros, por cada contrato laboral a tempo completo por un período mínimo de 6 meses pertencente ás categorías ou grupos profesionais I e II.

b.4) 4.000 euros, por cada contrato laboral a tempo parcial por un período mínimo de 6 meses pertencente ás categorías ou grupos profesionais I e II.

c) Subvención para gastos correntes e de persoal (soldos, cotas á Seguridade Social, material de oficina non inventariable, material funxible e específico, subministracións de auga, luz, teléfono; vestiario, alimentos, limpeza, alugueiros e similares) efectivamente realizados no período establecido, directamente vinculados ao desenvolvemento dos programas subvencionados e que figuren debidamente reflectidos no orzamento presentado coa solicitude.

1.1. Para optar á axuda por ocupación é obrigatorio que os centros dispoñan de libro de rexistro de altas/baixas. As ocupacións contabilizaranse polos días de estadía no centro, segundo cada número de rexistro, e serán certificadas polo órgano competente da entidade titular do centro; os libros estarán en todo momento á dispor do órgano competente para a súa comprobación.

1.2. Para o establecemento da contía de incentivos terase en conta que, en ningún caso, poderán ser superiores ao equivalente ao custo salarial total dos postos; así mesmo, as/os profesionais contratados/as teñen que estar directamente adscritos/as ao programa subvencionado.

Cando o período de referencia temporal para o cálculo sexa superior ao número de meses de contrato efectivo nese período, o incentivo calcularase proporcionalmente.

Para aqueles casos nos que o número de postos dera lugar a un incentivo global superior á contía máxima establecida neste artigo, este reducirase no importe necesario para respectar os máximos e o órgano concedente indicará os postos que quedan vinculados á axuda.

1.3. En todo caso, o número máximo de programas (sexan centros ou recursos integrais) subvencionables por entidade nesta liña será de tres, agás que as posibilidades orzamentarias o permitan, e o importe máximo que perciba cada entidade por cada programa queda fixado en 40.000 euros, tendo en conta que:

a) A compensación económica por ocupación determinarase en función do número de atencións no centro nos doce meses anteriores ao da publicación da convocatoria e declarado pola entidade na súa solicitude; non obstante, a entidade, no trámite de xustificación, certificará as atencións realizadas no período de referencia temporal desta liña de axuda, que é de doce meses anteriores ao mes de decembro do exercicio da convocatoria. No caso de que o número de ocupacións certificadas sexa inferior ao número declarado na solicitude, a axuda definitiva corresponderá ás ocupacións efectivas do período de referencia da axuda.

b) O período de referencia temporal para a determinación de incentivos e de subvención por gastos correntes e de persoal é de doce meses anteriores ao mes de decembro do exercicio da convocatoria; así mesmo un único programa pode optar aos tres tipos de axuda observando, en todo caso, que non se poderá imputar ao tipo de axuda c) ningún gasto salarial relativo aos contratos incentivados.

c) A subvención para gastos correntes e de persoal a centros de atención especializada que reciban axuda por ocupación non poderá exceder do 30% do importe máximo de axuda total que lle corresponda.

2. Para a realización de proxectos formativos da liña 2 establécese unha subvención para os gastos correntes e/ou de persoal vinculados directamente ao desenvolvemento de proxectos formativos para mulleres programados e realizados polas entidades. Consistirá nunha contía económica para sufragar os custos por hora de formación impartida que se fixará segundo o nivel de formación previsto, o grao de dificultade técnica e o nivel de especialización docente necesarios para levar a cabo o proxecto. Para ter dereito a subvención os proxectos terán por cada acción formativa un número de horas que non será inferior a 15 nin superior a 100, e o seu custo non excederá de 12.000 euros, agás que concorran circunstancias excepcionais expresamente razoadas no proxecto; en todo caso o tope máximo fíxase en 15.000 euros.

2.1. A subvención para formación poderá acadar o 100% do custo da acción e só será subvencionable un proxecto formativo por entidade, agás que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, tendo en conta que o período de referencia temporal para a determinación dos gastos susceptibles de subvención nesta liña de axuda abrangue desde a publicación da correspondente convocatoria ate a data límite para a presentación da xustificación que esta estableza.

2.2. Os proxectos formativos presentaranse cunha memoria razoada das necesidades formativas e conterán obrigatoriamente os seguintes puntos:

a) Datos xerais: denominación do curso e duración total, obxectivos xerais, requisitos do profesorado (nivel académico, experiencia profesional), requisitos das alumnas (coñecementos previos, nivel académico, nivel profesional), número de alumnas, relación secuencial de módulos formativos, instalacións, equipos e materiais, emprego de tecnoloxías avanzadas, sistema de selección, medios de difusión e publicidade, cronograma, procedementos de xestión, control e avaliación.

b) Orzamento: custo estimado -euros/hora- do proxecto; describiranse pormenorizadamente os gastos concretos que a entidade teña que realizar para levalo a cabo (persoal docente, alugueiros de instalacións, equipamentos, seguros, materiais didácticos, etc.) Neste orzamento especificarase a contía de fondos propios que, de ser o caso, a entidade achega para a realización.

c) Datos específicos: denominación e duración de cada módulo, enumeración dos contidos formativos.

d) Módulo complementario: políticas de igualdade (evolución e políticas vixentes, situación diferencial por razón de xénero, accións positivas para diferentes colectivos de mulleres, a igualdade de homes e mulleres no ámbito laboral). Este módulo, que é de obrigada inclusión en todos os proxectos formativos, terá unha duración equivalente ao 10% das horas totais e será impartido necesariamente por persoal con formación e/ou experiencia acreditada en xénero e políticas de igualdade. A xustificación deste requisito farase mediante a presentación do currículo e documentación xustificativa dos méritos alegados, documentación que forma parte do proxecto formativo.

e) De ser o caso, outras referencias salientables e susceptibles de valoración: períodos de prácticas; programación temporal de actividades relacionadas co curso; accións formativas con compromiso de contratación laboral; servizos complementarios para mulleres con especiais dificultades (servizos de conciliación); grao e tipo de participación, colaboración ou apoio doutras entidades públicas ou privadas para o seu desenvolvemento, etc.

2.3. As alumnas que rematen con aproveitamento a acción formativa obterán un certificado acreditativo que se expedirá pola entidade, atendendo ás instrucións e requisitos establecidos e será rexistrado co visto e prace da dirección deste organismo.

3. Cando os importes dos servizos ou subministracións superen as contías establecidas no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes profesionais ou empresas provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega da subministración, salvo que polas especiais características do gasto non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

4. Para os efectos desta subvención non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Concorrencia.

Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o custo das accións subvencionadas. Non obstante o anterior, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do FSE ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das accións reguladas nesta convocatoria, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e que estean inscritas na área de muller/igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter esta condición con carácter específico aquelas que resultaran adxudicatarias en exercicios anteriores de axudas deste organismo para o mesmo ou análogo programa e non xustificaran o seu investimento, e con carácter xeral aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable do/a interesado/a.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazos que se indiquen na respectiva convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Anexo II: solicitude.

b) Anexo III: certificación do secretario/a da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención.

c) Anexo IV: declaración responsable asinada pola/o representante legal da entidade na que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias ás que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e do SGI, de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e, de ser o caso, o compromiso de utilización da lingua galega.

d) Anexo V: declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ou, se é caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

e) Documentación acreditativa de representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais.

f) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación, etc.), presentarase certificación orixinal da/do secretaria/o, co visto e prace da/do presidenta/e, ou órganos similares, acreditativa das asociacións ou federacións integradas, especificando o nome, CIF, número asignado no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na área de igualdade e número de socias de cada unha delas.

g) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta na que conste o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente, e fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal, de ser o caso.

h) Memoria explicativa do funcionamento do centro e/ou do programa integral para o que se solicita a axuda, definida para un período de doce meses, onde figuren obxectivos, destinatarias, ámbito xeográfico de influencia, medios materiais e humanos e réxime de funcionamento e/ou programa de actuación, e orzamento desagregado por tipo de gasto e sistema de financiamento previsto para a actuación. Para o caso de que a entidade tivera posto en marcha a acción con anterioridade ao exercicio da convocatoria reflectirase nesta memoria o balance de situación económica do mesmo no último exercicio.

i) Certificación relativa ao custo salarial, coas súas especificacións, de cada posto de traballo para profesionais da acción social, que reflectirá, como mínimo, o tipo de contrato, o grupo ou categoría profesional, os requisitos e titulacións exixidas e data de alta na Seguridade Social, retribucións básicas e complementarias e cotizacións sociais, de ser o caso.

j) Proxecto formativo conforme ao sinalado no artigo 1º.2 destas bases, de ser o caso.

k) Anexo VI: no caso de que a entidade necesite concertar cunha terceira persoa a execución das accións da liña 2, ademais ten que achegar os documentos e cumprir os requisitos de acordo co establecido no artigo 14º destas bases.

l) Outra documentación de interese para a valoración da solicitude.

3. O SGI reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resultara que a entidade solicitante ou beneficiaria non se atopa ao día das súas obrigas tributarias e sociais, requiriráselle para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, este organismo publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. O SGI velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; no entanto o SGI revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A secretaría do SGI será o órgano competente para a instrución do procedemento, correspondendo á directora do organismo a súa resolución.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Esta publicación tamén se realizará na páxina web do SGI. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, sen posibilidade de emenda e procedéndose ao seu arquivo, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, de determinar o orzamento elixible en cada caso, así como de elevar ao órgano instrutor o informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A secretaria do SGI, que a presidirá.

b) A subdirectora xeral de Promoción da Igualdade da Secretaria Xeral da Igualdade.

c) Os/as xefes/as do Servizo de Estudos e Programas do SGI e de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade da Secretaria Xeral da Igualdade.

d) O/a xefe/a do Servizo de Cooperación do SGI, que exercerá as funcións de secretario/a.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola dirección do SGI.

4. A comisión poderá estar asistida por persoas expertas externas para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

5. Na proposta de concesión que formule o órgano instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, a porcentaxe que se vai aplicar ao tope de axuda específico para cada solicitude e a contía da axuda resultante, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das accións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios que servirán de base para a determinación da porcentaxe aplicable para o cálculo da contía das subvencións da liña 1 serán os seguintes:

a) Ámbito territorial de influencia: máximo 10 puntos.

Autonómico: 10.

Provincial: 7.

Local: 5.

b) Contorna de desenvolvemento do proxecto: máximo 10 puntos.

Proxecto desenvolvido en establecementos pechados (hospitais, penitenciarías, centros de acollida, de día, de recuperación, ou similares): 10.

Proxecto desenvolvido en zonas rurais: 8.

Proxecto desenvolvido en zonas urbanas desfavorecidas ou deprimidas: 6.

c) Colectivo destinatario: máximo 15 puntos.

Mulleres es situación de especial vulnerabilidade (vítimas de violencia de xénero, mulleres con discapacidade, pertencentes a minorías étnicas, maiores): máx. 15.

Mulleres pertencentes a colectivos de atención específica (drogodependentes, reclusas, ex-reclusas, etc.): máx. 15.

Mulleres con especiais dificultades de empregabilidade: máx. 12.

Mulleres en situación de discriminación ou desigualdade: máx. 12.

d) Servizos prestados: máximo 25 puntos.

Recursos de atención permanente integrados con programas de asistencia básica e formación sociolaboral: máx. 13.

Recursos especializados para atención a mulleres embarazadas e/ou con menores: máx. 11.

Recursos de atención permanente integrados con programas de asistencia básica: máx. 9.

Recursos de apoio permanente integrados con programas de formación sociolaboral: máx. 7.

Recursos de apoio permanente integrados con programas de benestar persoal, lúdicos ou similares: máx. 5.

e) Calidade do servizo: máximo 20 puntos.

Nivel de especialización do persoal adscrito as funcións técnicas e/ou directivas: máx. 5.

Proporcionalidade dos medios humanos e materiais do centro/programa e o número de mulleres atendidas: máx. 5.

Programa con financiamento deste organismo no exercicio anterior e óptimo rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación: máx. 5.

Rigor técnico-administrativo na prestación de servizos ás usuarias e nas relacións institucionais: máx. 5.

f) Achega de recursos económicos ao proxecto: máximo 15 puntos.

Achega superior a o 60% do custo do proxecto: 15.

Achega entre o 51% e o 60% do custo do proxecto: 13.

Achega entre o 41% e o 50% do custo do proxecto: 11.

Achega entre o 31% e o 40% do custo do proxecto: 9.

Achega entre o 21% e o 30 % do custo do proxecto: 7.

Achega ata o 20% do custo do proxecto: 5.

g) Galego.

Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (punto 2 anexo IV): 5.

2. Os criterios que servirán de base para a determinación da porcentaxe aplicable para o cálculo da contía da subvención para a realización de proxectos formativos, liña 2, serán os seguintes:

a) Ámbito de desenvolvemento do proxecto en zona rural (concellos con densidade de poboación inferior a 150 hab./km2): máximo 15 puntos.

Local: 15.

Comarcal: 12.

Intercomarcal: 10.

b) Mulleres destinatarias da formación (para o cómputo deste apartado é necesario que polo menos o 75% das participantes se atope nalgunha das situacións valoradas): máximo 20 puntos.

Desempregadas en situacións de especiais dificultades: 20.

Desempregadas soas con cargas familiares: 18.

Desempregadas maiores de 45 anos: 16.

Desempregadas de longa duración: 14.

c) Tipo de proxecto formativo: máximo 20 puntos.

Cursos que promovan a cualificación das mulleres en actividades emerxentes ou novos viveiros de emprego no ámbito territorial de referencia: 20.

Cursos que promovan a cualificación das mulleres en sectores vinculados a tecnoloxías avanzadas: 18.

Cursos que promovan a cualificación das mulleres en profesións ligadas a sectores económicos prioritarios na comarca: 16.

Cursos que promovan a cualificación das mulleres nas seguintes áreas: empresa/economía; informática/tecnoloxía; medio ambiente; servizos socioculturais e á comunidade: 14.

d) Custo económico do proxecto (o número máximo de alumnas para o cómputo é de 15): máximo 10 puntos.

4-5 euros/hora/alumna: 10.

6-7 euros/hora/alumna: 8.

8-10 euros/hora/alumna: 6.

e) Calidade do proxecto: máximo 30 puntos.

Proxectos con compromiso de contratación laboral ou promoción profesional para máis do 5% das alumnas participantes: máx. 10.

Deseño e metodoloxía definida para a realización e avaliación do proxecto: máx. 10.

Experiencia na organización e desenvolvemento de proxectos semellantes con acreditación de resultados (porcentaxe e grao de calidade de empregos obtidos directamente vinculados aos proxectos formativos): máx. 5.

Recursos técnicos, humanos, materiais e económicos achegados pola entidade: máx. 5.

f) Galego.

Presentación de toda a documentación relativa ao procedemento en galego e compromiso do seu uso no desenvolvemento do proxecto (número 2 anexo IV): 5.

3. Atendendo ao disposto no artigo 1º destas bases, a cada solicitude, e segundo cada tipo de axuda, corresponderalle o 100% da contía cando a puntuación resultante sexa superior ao 50% da puntuación que obtivese a proposta mellor avaliada; en caso contrario, por cada punto inferior a esta valoración reducirase nun punto porcentual a contía da axuda. En caso de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as alíneas parciais dos criterios empezando pola letra a).

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, para o caso de que concorran entidades integradas noutras de segundo nivel con solicitudes para o desenvolvemento de programas análogos, similares ou confluentes, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o que a comisión de valoración proporá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación da restante ou restantes.

Artigo 10º.-Resolución e notificación.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A resolución deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a entidade solicitante ou a relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención, a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes e a súa causa.

2. O prazo para resolver será o establecido na correspondente convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial do organismo, e nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do SGI. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes denegadas notificaranse individualmente, con indicación das causas; non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. Na resolución de concesión informaranse as beneficiarias de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias, na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación, que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a dirección do organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cando se trate de proxectos formativos e por circunstancias sobrevidas se varíe o contido específico das actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no resultado da acción e/ou na contía da axuda, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, e deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a entidade solicite a modificación para a súa avaliación antes do desenvolvemento do proxecto.

b) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta resolución.

c) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiras persoas.

d) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora do organismo, logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio no obxecto para o que se concedeu a axuda, agás modificacións autorizadas.

2. Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

3. Manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ao proxecto subvencionado e conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos (ata o ano 2018) a partir do peche do Programa Operativo.

4. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración, e do SGI, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

7. Facilitarlle ao persoal asignado polo SGI para a verificación do cumprimento do disposto nestas bases o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de ter autorizada a subcontratación da acción formativa, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitar ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións formativas subcontratadas.

8. No caso de proxectos formativos, comunicar, cunha antelación mínima de dez (10) días, o inicio da actividade indicando o lugar, as datas, o horario e os teléfonos de contacto da persoa responsable do proxecto. Xunto coa xustificación da subvención, deberán presentar a acta de selección de alumnas, os controis permanentes de asistencia e a certificación de realización na cal consten os datos de identidade e residencia de todas as alumnas participantes, o resultado da avaliación e os diplomas correspondentes para a súa supervisión e rexistro. No prazo máximo de seis meses posteriores ao remate da acción presentarase un informe sobre a situación laboral das alumnas formadas.

9. Presentar nos dez primeiros días do ano seguinte a memoria de funcionamento do centro ou de execución do programa.

10. Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Reintegrar totalmente o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

*Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

*Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

*Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

*Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

*Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas percibidas para a mesma finalidade de calquera Administración ou ente público ou privado.

*Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Cando o cumprimento se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que cómpre reintegrar parcialmente responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

12. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 14º.-Subcontratación.

1. Ao abeiro desta convocatoria as axudas da liña 1 quedan excluídas da subcontratación; unicamente poderán ser obxecto de subcontratación as axudas da liña 2; a realización dos proxectos formativos subvencionados poderá subcontratarse con centros de formación ocupacional homologados pola Administración autonómica, tendo en conta o disposto neste artigo e de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A subcontratación realizarase por unha soa vez e poderá acadar o 100% da acción subvencionada; en todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

3. A subcontratación para as actividades formativas obxecto desta convocatoria exixe autorización previa, a súa necesidade estará debidamente motivada e as actividades que se pretendan subcontratar realizaranse necesariamente con posterioridade á súa autorización, que se notificará xunto coa resolución de concesión da subvención. O contrato celebrarase por escrito.

4 Os/as subcontratistas quedarán obrigadas/os soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nestas bases reguladoras en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables, e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

5. Os/as subcontratistas están obrigadas/os a facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

6. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios/as ou asesores/as cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Artigo 15º.-Responsabilidade.

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria; a actuación do SGI quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar as axudas concedidas pola liña 1 as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo e lugares sinalados no artigo 5º da convocatoria, os orixinais da seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VII.

b) Certificación de finalidade: documento expedido polo órgano competente da entidade, que acredite que se cumpriu o obxecto para o cal se concedeu a subvención e que inclúa a relación de xustificantes de gasto, na cal consten: identificación da persoa acredora, número e data da factura ou documento equivalente, concepto, importe total e importe imputado, e data de pagamento. Cando se trate de axudas por ocupación presentarase a certificación na cal se inclúa cada número de rexistro e os días de estancia; e para o caso de incentivos presentarase certificación do importe dos custos de persoal realizados (con desagregación de retribucións salariais e custos sociais) pola entidade no período subvencionable diferenciado por posto de traballo.

c) Declaración de axudas actualizada á data de xustificación (anexo V).

d) No caso de subvencións para gastos correntes e de persoal: facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) acreditativas dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

2. Para cobrar as axudas concedidas pola liña 2 as entidades beneficiarias deberán presentar, no prazo e lugares sinalados no artigo 5º da convocatoria, os orixinais da seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VII.

b) Certificación de finalidade e de gasto: documento expedido polo órgano competente da entidade, que acredite que os gastos realizados foron aplicados para o fin para o cal se concedeu a subvención. Incluirá a desagregación pormenorizada de todos os gastos realizados, de conformidade co orzamento reflectido no artigo 1º.2.2.b).

c) Declaración de axudas actualizada á data de xustificación (anexo V).

d) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) acreditativas dos gastos subvencionados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

e) Acta de selección de alumnas, fichas dos controis permanentes de asistencia e certificación de alumnas que completan a formación, na cal consten os datos de identidade e residencia de todas elas, o resultado da avaliación e os diplomas correspondentes para a súa supervisión e rexistro (as entidades disporán de información específica e modelos de documentación que lles faciliten o cumprimento do exixido nesta alínea na páxina web oficial).

f) Memoria da actuación realizada á cal se xuntará un exemplar dos materiais didácticos e de todos aqueloutros materiais, os carteis, folletos, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complementa a xustificación da actividade subvencionada.

3. Para os efectos do establecido nestas bases, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa adecuado aos obxectivos da medida á cal pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede o prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último

trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante tícket, como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba a regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. Así mesmo, con carácter excepcional, admitiranse como xustificantes de pagamento os recibín, nos termos establecidos no artigo 42.3º do Regulamento de subvencións de Galicia, polas achegas directas ás usuarias para gastos persoais de primeira necesidade que para os efectos desta subvención teñen a consideración doutros gastos correntes do programa.

4. As facturas, ou documentos equivalentes ou substitutivos, presentaranse en orixinal para seren seladas, polo SGI, cun selo que indicará o procedemento para o cal se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada.

5. A xustificación do pagamento das facturas, ou documentos equivalentes, farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc.) nos cales consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas das cales é obxecto.

6. As entidades beneficiarias deberán acreditar, na xustificación, de maneira documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) o cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

7. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Cando a entidade beneficiaria o solicite expresamente, dentro do mes seguinte á notificación da concesión, poderán acordarse anticipos de ata o 80% da contía da subvención concedida.

3. Cando a entidade beneficiaria o solicite expresamente poderán acordarse pagamentos fraccionados á conta, que responderán ao ritmo de realización da acción subvencionada, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada, para o cal se achegará a documentación establecida no artigo anterior, e non superarán o 80% da contía da concesión. En todo caso os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4. Procederá a minoración do importe da subvención concedida cando o orzamento executado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final ou, de ser o caso, dos pagamentos parciais, de acordo co artigo 5º destas bases, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da comunidade autónoma.

6. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe da retención ou cotización devengadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19º.-Control.

1. O SGI poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nestas bases.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, o SGI, ben con persoal propio, da Secretaría Xeral da Igualdade ou a través de empresas auditoras, poderá realizar actuacións de comprobación material para verificar o cumprimento das condicións establecidas para as entidades beneficiarias. As comprobacións en todos os tipos de axuda incidirán sobre todos aqueles extremos que garantan o cumprimento dos requisitos fixados nestas bases, fundamentalmente nas contratacións, nomeamentos, tomas de posesión, altas na Seguridade Social ou mutualidades profesionais, efectividade dos pagamentos, das retencións á conta dos impostos correspondentes e dos seguros sociais, así como das obrigas sobre publicidade e información; no proxecto formativo comprobarase, ademais, a realización dos compromisos adquiridos. Os controis sobre proxectos formativos terán lugar durante a realización dos cursos e as comprobacións sobre o funcionamento e persoal dos centros e dos programas poderán producirse en calquera

momento posterior ao da adxudicación da axuda.

3. O persoal encargado da verificación redactará a acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente do SGI xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 20º.-Publicidade e información.

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través do SGI e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se realice a prestación do servizo ou onde se desenvolva o proxecto formativo deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada

inclusión.

Cando o proxecto se publicite nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio; cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dese lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de entidades beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e dos artigos 6 e 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión. Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro,

xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "16000D004P007.PDF"