DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 19 de agosto de 2010 Páx. 14.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2010 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para optar a prazas exentas, total ou parcialmente, do pagamento de matrícula nos estudos de ciencias criminolóxicas e da seguridade pública.

Ao abeiro do convenio asinado pola Academia Galega de Seguridade Pública-Agasp e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), en materia de formación, para contribuír á realización e ao desenvolvemento do título universitario propio de ciencias criminolóxicas e da seguridade pública, así como facilitar a obtención deste título por parte dos alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública de cara a favorecer a súa promoción interna e a carreira profesional, anúnciase a oferta de prazas que estarán exentas, total ou parcialmente, do pagamento de matrícula, e a apertura do prazo de solicitudes para todos aqueles interesados, que deberán ter en conta as bases seguintes:

-Obxectivos.

Estes estudos, impartidos a través do Instituto de Criminoloxía da USC (ICUS), son unha titulación propia desta universidade que se axusta aos requirimentos da Orde ministerial do 19 de novembro de 1996 (BOE do 27 de novembro), pola que se declara equivalente o diploma superior de Criminoloxía ao título de diplomado universitario, para os efectos de tomar parte nas probas de acceso aos corpos, escalas e categorías das forzas e corpos de seguridade, dependentes das distintas administracións públicas, nos cales o ingreso veña condicionado á posesión dun título de diplomado universitario ou equivalente.

Tamén figura no convenio a posibilidade de validar, por proposta da comisión mixta que se crea para o seguimento das actividades obxecto del, as materias ou disciplinas que formen parte dos programas de estudos dos cursos selectivos organizados e impartidos pola Agasp, con suxeición aos criterios adoptados polo Consello de Universidades e ás normas de xestión académica da USC.

-Destinatarios/as.

Para poder optar a estas prazas, ademais dos requisitos que se sinalan nos puntos seguintes, é preciso ser funcionario/a de carreira dos corpos de policía local de Galicia ou da policía autonómica (unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia), e atoparse na situación administrativa de servizo activo nalgún destes corpos.

Ademais, como requisito académico, os solicitantes deberán ter superada a PAAU (selectividade) ou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos da USC ou da UNED, ou calquera outra titulación homóloga que permita o acceso aos estudos universitarios.

-Prazas.

Segundo se estipula no convenio, a cantidade total destinada pola Agasp a este convenio é de 12.500 euros anuais, polo que os solicitantes poderán resultar exentos en todo ou en parte dos dereitos de matricula, en función do número de solicitantes.

-Solicitudes.

1. Os/as interesados/as deberán remitir á Agasp, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a solicitude do anexo.

2. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 10 de setembro de 2010, ás 14.00 horas.

3. As solicitudes deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada-Pontevedra); ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En todo caso, as solicitudes deberán adiantarse por fax á Academia Galega de Seguridade Pública (fax nº 886 20 61 22).

-Selección.

Todos os solicitantes que cumpran os requisitos e presenten en prazo as súas solicitudes, segundo modelo anexo, resultarían seleccionados para acollerse á exención do pagamento total ou parcial da matrícula.

Non se terán en conta aquelas solicitudes que non veñan debidamente cubertas, as que non reflictan todos os datos solicitados.

-Relación de solicitantes.

A relación de solicitantes farase pública o día 14 de setembro de 2010 a partir das 10.00 horas. Os interesados poden coñecer e confirmar a súa inclusión na lista chamando aos teléfonos 886 20 61 17 ou 886 20 61 18 (Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp) e tamén na páxina web: http://agasp.xunta.es

-Matriculación no ICUS.

A Agasp comunicaralle ao ICUS a relación de alumnos/as seleccionados/as, de xeito que estes cando teñan que formalizar as súas matrículas, dentro do prazo que o ICUS sinale, estarán exentos do seu pagamento, en todo ou en parte, dependendo do número de solicitantes matriculados.

-Obrigas.

A matriculación en calquera dos cursos, no caso de que resultase seleccionado, suporá a obriga de que o/a alumno/a complete e remate con aproveitamento o curso en que se matricule. Noutro caso, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados, perderá toda opción de poder participar nas seguintes convocatorias.

-Modificacións.

A Agasp poderá modificar ou variar algúns dos criterios expostos, pero sempre fará públicos os cambios e as súas razóns.

A Estrada, 13 de agosto de 2010.

P.A. (Decreto 24/2010, do 25 de febreiro)

Antonio Rodríguez Álvarez

Secretario xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "15900D004P007.PDF"