DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2010 Páx. 14.826

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2010 pola que se selecciona o persoal e se adxudican as bolsas para a formación específica en xestión da innovación e a súa integración na Rede Xiga, reguladas no anexo I da Orde do 14 de maio de 2010 (Diario Oficial de Galicia número 96, do 24 de maio) pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso á formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

A orde da Consellería de Economía e Industria do 14 de maio de 2010 (DOG nº 96, do 24 de maio) aproba as bases reguladoras para o acceso á formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

No artigo 2 do anexo I da mencionada orde de convocatoria determinábanse os requisitos que deberían cumprir os candidatos ao acceso ao programa de accións formativas específicas en xestión da innovación, para a súa posterior participación na Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a súa posible incorporación como persoal dedicado á xestión da innovación nas empresas beneficiarias, nos termos definidos na convocatoria.

A comisión de valoración establecida no artigo 9 do anexo I da antedita orde de convocatoria, na súa reunión do día 22 de xullo de 2010, acorda:

Propoñer a relación de candidatos para participar na fase de formación, relacionados en lista individualizada clasificada por orde decrecente da puntuación total obtida.

Na súa virtude, e atendendo a proposta elaborada pola comisión de valoración establecida no artigo 9 da Orde do 14 de maio de 2010 (DOG nº 96, do 24 de maio), elevada pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Seleccionar o persoal para o acceso ao programa de accións formativas específicas en xestión da innovación para a súa posterior participación na Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) que se relaciona no anexo I desta resolución.

Segundo.-Conceder a bolsa de formación prevista no artigo 6 do anexo I da orde de convocatoria a todas as persoas seleccionadas que figuran no citado anexo I desta resolución.

Terceiro.-Todas as solicitudes das que se resolve o seu financiamento cumpren os requisitos establecidos nas correspondentes bases da convocatoria.

Cuarto.-Os beneficiarios destas axudas asumen os compromisos seguintes:

a) A persoa que accede á formación comprométese a cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamentan o seu acceso, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito a participar no programa formativo así como á bolsa de formación. No caso de abandono voluntario, unha vez iniciado o programa, deberá proceder ao reintegro total ou parcial dos importes percibidos en concepto de bolsa por formación e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro que se axustará ao previsto na citada lei.

b) O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a bolsa para a formación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa do reintegro total desta.

c) Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias que figuran nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Quinto.-A percepción destas axudas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria dos beneficiarios.

Sexto.-Contra esta resolución poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2010.

P.D. (Orde 30-4-2009; DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "15800D004P007.PDF"