DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2010 Páx. 14.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 26 de xullo de 2010 pola que se aproba a conta xeral de liquidación e se distribúen os bens hereditarios remanentes da herdanza intestada de Bienvenida Méndez Pereira.

Antecedentes.

Por auto do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Vigo, do 5 de xuño de 2006, foi declarado o Estado herdeiro ab intestato de Bienvenida Méndez Pereira, con DNI 35928234, que faleceu na Residencia Asistida de Maiores Monte Arieiro, Vigo.

Como a data do falecemento da causante, 9 de decembro de 2003, era posterior á entrada en vigor da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, a herdanza correspondía lexitimamente á Comunidade Autónoma de Galicia, polo que o Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Vigo, con data do 22 de setembro de 2006, ditou auto de aclaración en que declaraba a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Bienvenida Méndez Pereira.

O 12 de marzo de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se lle daba publicidade á apertura do prazo de información pública do expediente sobre a referida sucesión intestada, e non se presentaron solicitudes de beneficiarios para a repartición da herdanza.

Fundamentos xurídicos.

Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, artigos 153 e 154.

Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Decreto 50/1989, do 9 marzo, polo que se aproba o regulamento que executa a Lei 3/1985.

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Código civil.

Adoptadas pola Secretaría Xeral e do Patrimonio as oportunas medidas de conservación e administración, presentada a conta xeral de liquidación da herdanza e feitas as correspondentes propostas de distribución dos bens hereditarios,

RESOLVO:

Primeiro.-Considerar conforme a seguinte conta xeral de liquidación da herdanza de Bienvenida Méndez Pereira:

a) Bens e dereitos:

-Tesouraría:

Cartos en efectivo: 1.938,05 euros.

Total de bens e dereitos: 1.938,05 euros.

b) Obrigas e débedas:

-Servizos de profesionais independentes:

Non constan: 0,00 euros.

Total líquido (bens e dereitos-obrigas e débedas): 1.938,05 euros.

Segundo.-Tendo en conta os bens hereditarios, o remanente líquido resultante e a falta de solicitudes de beneficiarios, aprobar o ingreso efectuado na Caixa Xeral do Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia da cantidade líquida remanente, que ascende a 1.938,05 euros, para a súa aplicación a establecementos de asistencia social ou institucións culturais, preferentemente radicados na derradeira residencia da causante, concello de Vigo, e, en todo caso, en territorio galego.

Terceiro.-Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra dela poderase interpoñer: recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, perante este órgano administrativo de conformidade cos artigos 107, 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia, conforme o disposto nos artigos 46, 10 e 14 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que o interesado considere exercer calquera outro recurso que considere oportuno.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2010.

P.D. (Orde 27-4-2009)

Rosa Mª Pedrosa Pedrosa

Secretaria xeral e do Patrimonio da Consellería

de Facenda