DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2010 Páx. 14.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a do 26 de marzo de 2010 pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

No Diario Oficial de Galicia do 31 de marzo de 2010 publicouse a resolución do 26 de marzo de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

No artigo 3 da antedita resolución establécese que o crédito asignado para atender as solicitudes que se aproben, que se imputan á aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.0, ascende a 900.000 euros para o exercicio 2010 e que se reservan 630.000 euros do ano 2011 para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte. Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando a aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A través dunha transferencia de crédito incrementouse a partida destinada a estas axudas co fin de atender a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero que se atopen incluídas no ámbito de aplicación da convocatoria e que o soliciten, polo que cómpre acordar a ampliación da dotación orzamentaria prevista.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO

Artigo único.

Primeiro.-Amplíanse os créditos asignados nas bases reguladoras das axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero na contía de 578.821 euros para o exercicio corrente, con cargo á partida orzamentaria 04.40.313D.480.0, quedando asignado un crédito de 1.478.821 euros para a anualidade 2010.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2010.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade