DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 17 de agosto de 2010 Páx. 14.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2010 pola que se amplía o prazo establecido para a presentación da xustificación por parte dos beneficiarios de subvencións outorgadas ao abeiro da Resolución do 21 de outubro de 2009 desta entidade, pola que se aprobaron as bases reguladoras e se convocaron axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética correspondentes ao exercicio 2009.

No Diario Oficial de Galicia nº 213 do venres, 30 de outubro de 2009, publicouse a Resolución do 21 de outubro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética correspondentes ao exercicio 2009, e ao abeiro do convenio subscrito entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) o día 3 de xullo de 2008.

No derradeiro parágrafo do artigo 20 da dita resolución sinálase que o prazo para a xustificación do investimento remata o día 15 de setembro de 2010. Non obstante, estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios debido ás dificultades existentes nalgunhas liñas de axudas para poder xustificar en prazo, maioritariamente por cuestións de dispoñibilidade orzamentaria, obras en curso de execución e a demora nas entregas ou provisión de materiais polos provedores, co consecuente atraso das actuacións subvencionadas.

Visto o disposto no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no artigo 45.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro.-Establecer como data límite de xustificación do investimento das subvencións concedidas definitivamente o día 10 de novembro de 2010, ampliando así o prazo previsto no artigo 20 das bases reguladoras.

Segundo.-Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Contra esta resolución non caberá recurso ningún.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2010.

Eliseo Diéguez García

Director do Instituto Enerxético de Galicia