DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 17 de agosto de 2010 Páx. 14.804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2010 pola que se convoca un curso de formación de inspectores urbanísticos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, de acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e a Axencia de Proteccion da Legalidade Urbanística para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación e conforme as funcións atribuídas polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, anúnciase a celebración dun curso de formación para inspectores urbanísticos, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

O obxectivo deste curso é afondar no coñecemento da normativa urbanística en xeral e da disciplina urbanística en particular.

A disciplina urbanística debe estudarse e aplicarse tendo en conta cuestións xurídicas e técnicas máis amplas. Así, o planeamento urbanístico, os estándares mínimos, as normas de aplicación directa, a xestión urbanística, as licenzas de obra e actividade, son cuestións que lle afectan directamente, sobre todo de xeito preliminar. Pero non menos importante son outras cuestións que se poñen de manifiesto a posteriori, como a execución das sentenzas, ou problemas que presenta a execución das ordes de demolición, a súa inscrición no Rexistro da Propiedade, ou a repercusión no ámbito penal dos ílicitos urbanísticos, entre outras cuestións.

Segunda.-Persoal a que vai dirixido.

Inspectores urbanísticos, secretarios dos municipios integrados na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, funcionarios dos municipios integrados na axencia, dos grupos A1 e A2, que desenvolvan funcións como instrutores de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores.

Terceira.-Criterios de selección.

Daráselles prioridade aos inspectores urbanísticos, secretarios dos municipios integrados na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, funcionarios dos municipios integrados na axencia, dos grupos A1 e A2, que desenvolvan funcións como instrutores de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores.

Para a súa selección aplicaranse os criterios recollidos na Resolución da EGAP do 4-1-2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro). Os criterios desta resolución aplicaranse, asemade, para establecer a orde de prelación do persoal da consellería que resulte seleccionado como consecuencia da aplicación do primeiro criterio.

Cuarta.-Desenvolvemento.

1. Duración: 40 horas.

2. Lugar: Santiago de Compostela.

3. Datas: do 20 de setembro ao 26 de outubro de 2010.

4. Horarios: das 11.00 ás 15.00 horas.

5. Prazas: 50.

Quinta.-Contido.

I. Evolución normativa do urbanismo. O sistema urbanístico estatal e galego.

Analizarase as diferentes normas urbanísticas para ter unha visión global da orixe, evolución e situación actual do urbanismo.

Neste punto faise especial referencia á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, estudando as súas modificacións, incluída a recente Lei 2/2010.

Estúdase o estatuto xurídico da propiedade, os sistemas de distribución equitativa de beneficios e cargas, os dereitos e deberes dos axentes que interveñen no urbanismo, os conceptos de clasificación e cualificación, así como as situacións básicas do réxime do solo na lexislación estatal e os distintos tipos de solo na lexislación galega, facendo un alugamento ás equivalencias entre uns e outros.

Así mesmo, neste primeiro bloque que ten por obxecto unha primeira aproximación aos distintos conceptos e técnicas urbanísticas, analízase o sistema de planeamento na Comunidade Autónoma de Galicia, as normas de aplicación directa, a adaptación das edificacións ao ambiente, e o réxime de fóra de ordenación.

II. A disciplina urbanística.

Este bloque vai orientado a analizar as distintas intervencións administrativas no ámbito do urbanismo.

En primeiro lugar, trátase o tema das licenzas, tipos de licenzas, os actos suxeitos, o procedemento administrativo, o silencio administrativo e a caducidade.

Seguidamente analízase a disciplina urbanística en canto ás medidas e procedementos de reacción contra edificacións, actuacións, usos e actividades sen licenza, tanto en curso de execución como terminadas.

Resérvase un espazo especial para tratar a protección do dominio público marítimo-terrestre, o ámbito da servidume, usos e infraccións e sancións en materia de costas.

Estudarase e poranse en común os problemas que xorden á hora de executar sentenzas e ordes de demolición, así como as posibles causas de legalización por cambio de normativa e planeamento.

Así mesmo, un representante do Colexio de Rexistradores da Propiedade informará sobre a inscrición no rexistro de actos de natureza urbanística, especialmente os relacionados coa disciplina urbanística.

Por último, estudaranse os delitos urbanísticos, os medios de reacción administrativos e penais contras as irregularidades urbanísticas e a corrupción urbanística.

III. A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

O último bloque do curso vai destinado a facer unha breve análise da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, en canto á súa organización, normativa e actividade desenvolvida.

O curso concluirá cunha mesa redonda sobre a disciplina urbanística: problemas actuais.

Sexta.-Solicitudes e prazos.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>. Non serán admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos candidatos.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidas na alínea anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

e) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo . A documentación enviarase sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de se encontraren varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes rematará o 5 de setembro de 2010.

h) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro ao cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.

i) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

j) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través dos números de teléfonos: 981 54 62 53/54 62 46/54 62 35/54 62 57, ou do fax: 981 54 63 39 ou do enderezo de correo electrónico , que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima.-Certificación de asistencia.

a) Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia homologado pola EGAP aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos realizaranse probas obxectivas a distancia ao longo do curso, e ao remate levarase a cabo unha proba final avaliativa a distancia.

b) A falta de seguimento e a non realización das probas ao longo do curso, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Oitava.-Modificacións.

A EGAP e a Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística poderán suspender o curso se non hai un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública