DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 16 de agosto de 2010 Páx. 14.759

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 2 de agosto de 2010 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Narón (A Coruña) no ámbito do viario entre Xuvia e Castro (DP-5401).

O Concello de Narón solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

I. Antecedentes.

1. Narón dispón vixente dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Concello Pleno o 22-4-2002, ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible decidiu o 15-6-2007 non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu o 13-3-2006 e o 16-3-2007 informes previos á aprobación inicial do proxecto conforme o artigo 85.1º da LOUG, con observacións.

4. A modificación foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno o 26-6-2008; e sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 21 de xullo, Diario de Ferrol do 23 de xullo e La Voz de Galicia do 23 de xullo de 2008). Foron presentadas dúas alegacións.

5. No expediente constan os seguintes informes:

a) A Xunta de Goberno da Deputación Provincial da Coruña, do 9-10-2008, favorable.

b) A Dirección Xeral de Obras Públicas da Xunta de Galicia, do 8-5-2007, desfavorable; e do 19-2-2008 e 1-9-2008, favorables.

c) A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, do 5-12-2008.

d) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28-12-2006 e 9-6-2008, desfavorables; 30-7-2008, favorable con condicións; e do 30-7-2008, favorable.

e) A Subdirección Xeral de Planificación Enerxética do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo do 30-1-2007.

f) A Xerencia de Xestión do Patrimonio de FEVE, do 5-8-2008, favorable.

g) O informe técnico e xurídico (artigo 85.4º da Lei 9/2002), do 13-4-2009, favorable.

6. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 30-4-2009.

7. A modificación foi obxecto da orde desta consellería do 22 de setembro de 2009, pola que se aprobaron certas determinacións e quedaron en suspenso as restantes.

8. Un novo proxecto de modificación, redactado en cumprimentación das puntualizacións formuladas na orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 22 de setembro de 2009, está subscrito pola arquitecta Carolina Cajide Barbeito; e achega:

a) Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 29-3-2010, favorable.

b) Informe da Dirección Xeral de Infraestruturas do 3-5-2010, favorable.

c) Informe da Xunta de Goberno da Deputación Provincial da Coruña do 27-5-2010, favorable.

II. Obxecto da modificación.

A modificación ten por obxecto adaptar o PXOM á mellora do trazado e sección da estrada provincial DP-5401, entre a estrada autonómica AC-862 (estrada de Castela) e a estrada autonómica AC-566.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Narón en relación coa orde desta consellería do 22 de setembro de 2009, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar que o novo proxecto de modificación dá cumprimento ao sinalado no punto II.1.3 da Orde do 22 de setembro de 2009.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Narón relativa á modificación e ampliación do viario entre Xuvia e Castro (DP-54041).

Segundo.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativa ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de agosto do 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas