DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 16 de agosto de 2010 Páx. 14.758

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 2 de agosto de 2010 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Padrón (A Coruña) na ficha 28 do catálogo.

O Concello de Padrón solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do establecido no artigo 85.7º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Padrón dispón na actualidade vixente dun PXOU aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27-7-1994 (texto refundido o 26-9-1994).

2. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu, previo á aprobación inicial, ao abeiro do artigo 85.1º da LOUG, informes sobre propostas de modificación o 25-11-2005, desfavorable; e o 24-10-2006, desfavorable máis con indicacións para a redacción do proxecto.

3. A modificación foi aprobada inicialmente pola Xunta de Goberno Local o 8-5-2008; e provisionalmente polo Pleno o 30-4-2009.

4. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 20-5-2009. O Servizo de Urbanismo requiriu o 17-6-2009 a emenda das deficiencias de tramitación e documentais observadas.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI decidiu o 6-10-2009 o non sometemento ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 26-11-2009. Sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 28 de decembro, El Correo Gallego do 22 de decembro e La Voz de Galicia do 24 de decembro) non foron presentadas alegacións, segundo o certificado do 20-4-2010.

7. Constan informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, do 16-7-2008, favorable con dúas condicións; e do 5-2-2010, favorable.

8. No expediente figuran informes técnicos (da arquitecta municipal do 10-4-2008 e 2-9-2008; do arquitecto da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Padrón, do 21-4-2010) e xurídicos da Secretaría do Concello do 10-4-2008, do 22-4-2008, do 20-11-2008 e do 21-4-2010 (artigo 85.1º da LOUG na redacción da Lei 2/2010).

9. O proxecto con data de febreiro de 2010, subscrito polo arquitecto Mariano Jaureguízar Azarola foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 29-4-2010.

II. Obxecto e descrición da modificación proposta.

A modificación afecta as edificacións 3 e 4 da ficha 28 do Catálogo do PXOU, alterando o seu nivel de catalogación, do grao 6, de tipoloxía (permite a realización de intervencións de entidade pero que non afecten o carácter da construción) ao grao 1, de afección implicativa determinante (permite, entre outras, a reedificación con criterios respectuosos co contorno) establecendo así mesmo as condicións de edificación específicas requiridas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

III. Informe.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, canto ás competencias urbanísticas desta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, non se observa inconveniente na modificación proxectada.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e ao abeiro do establecido no punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Padrón, na ficha 28 do catálogo.

Segundo.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de agosto do 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas